9/25/2014

(Cun bocexo previo) Sobre filoloxía e política

Prometinme a min mesmo non meter o fociño nesta lideira e, como adoita suceder coas promesas razoables, vou desdicirme e entrar até a cociña. Estes días foi motivo de comentario apaixonado, rexouba e indignación unha intervención de Lidia Senra no Parlamento Europeo (imos partir de que o PE é un Parlamento e que polo tanto o que alí se fale, sexa na lingua que sexa, ten algunha importancia para nós, o cal xa é moita concesión de dios) na que a deputada de AGEE, despois de tentar expresarse en galego decidiu intervir en castelán e non en galego aportuguesado como acostumaban facer outros representantes galegos nesa institución.

Adianto que o debate sobre a normativa resúltame bastante indiferente (síntoo, a diferenza do groso do nacionalismo galego, movemento cunha inflación de filólogos verdadeiramente sorprendente, son un desapaixonado no contencioso de como se debe escribir a lingua). Digo tamén que non son especialmente proILG, nin antilusista; de feito son dos afortunados que le en portugués con asiduidade e que ve o galego como unha vantaxe para acceder ao mundo cultural lusófono (algo ben distinto a ser afecto á contabilidade culturalmente capitalista abundante no reintegracionismo que concede importancia ás linguas en función dos millóns de persoas que as usan). 
Non pretendo tampouco facer unha defensa da figura de Lidia Senra. A estas alturas da película, e dado o estado caótico en que se atopa a esquerda/nacionalismo galego, bastante teño con responder de min mesmo.

O único que pretendo con este escrito é sinalar que un movemento político cun nivel de esixencia a respecto do dominio do portugués tal que converte a quen, sendo galego falante materna (e cun galego que envexaría moita rata académica incapaz de pronunciar as sete vogais), en pouco menos que unha traidora á causa, non só está bastante enfermo e fóra da realidade do país que di pretender redimir (eu creo que está como a varias galaxias de distancia) senón que, de facto, está enviando unha mensaxe moi clara á xente non acostumada ao mundo (auto)referencial nacionalista: o nacionalismo galego non é cousa dos ninguén, dos normais, dos que non teñen tempo, capacidade ou formación para dominar o portugués oral (habilidade que, a diferenza do retrouso común no nacionalismo galego, non é tan fácil para un galego-a, como din os patriotas de claustro universitario, e probablemente aínda menos para quen ten o galego-realmente-existente-falado-en-Gz como lingua materna).

Se o valor principal que debería guiar a calquera movemento minimamente de esquerdas é que a política non é unha ciencia para expertos, nin é cousa á que só deban aspirar aqueles segmentos intelectuais e máis formados, senón que é un asunto ao que debe ter acceso e capacidade de decisión a xente do común, a importancia excesiva concedida polo nacionalismo galego ao asunto do dominio e a corrección lingüística non só afasta a este movemento —implicitamente e, espero, sen pretendelo— da xente do común, senón que fai que este sexa percibido como o que seguramente é: cousa de intelectuais, de persoas con alta formación preocupadas por cuestións que non son vividas pola xente da rúa como as “súas cuestións”.

E así lle/nos vai.

2 comentários:

Torcinho disse...

Neste caso, como en todos, habería que facer o mesmo que fan os deuses do nacionalismo realmente libertador: os bascos; que, no parlamento europeo se expresan en ...
Todo isto supoñendo que a alguén lle importa o que outro alguén diga en Estrasburgo.
Detesto o calificativo "normal". Á xente normal tampouco lle interesa o que dixo Gramsci, creo eu.

Torcinho disse...

Non escoitei a Lidia Senra pero a min, Ana Miranda tamén me parece moi lol:
https://www.youtube.com/watch?v=IQhVKErwZ3M