9/17/2014

Do Vigo pasado e presente


Líalle á arquitecta Anne Lacaton, a propósito de arquitectura e sociedade, algunhas cousas razoables. Por exemplo: que o fin da arquitectura debería ser mesturar á xente, non segregala. Ou que neste momento, polo menos en Europa, non ten sentido substituír as construcións existentes con outras novas, senón que compre reparar o que xa existe para que o que xa existe continúe tendo utilidade no presente. Non sei se esta opinión terá moita ascendencia sobre o groso dos arquitectos do estado español, habida conta de que aquí, dende o primeiro desarrolismo franquista até, polo menos, o estoupido da burbulla inmobiliaria, a arte de facer exactamente o contrario do que propón Lacaton tivo, por forza, que contar co beneplácito de non poucos profesionais.

Vargas Llosa preguntábase cando se fodera o Perú. En termos arquitectónicos, e á vista do pequeno pero recomendable libriño de fotomontaxes de Cristian Freire Macías Vigo, arquitectura perdida, Flashback Ediciones, 2013 (proxecto que desenvolve a idea deste vídeo), está bastante claro que esta cidade fodeuse nun lapso de tempo ben curto: o que ocupan as décadas dos sesenta, setenta e oitenta.

Neses trinta anos a práctica da substitución de edificios con valor arquitectónico e da fagocitación por edificacións novas do espazo vital daqueles que resistiron a acción dos picos mudou radicalmente a faciana da cidade sen que estea moi claro que desta volta a destrución inherente ao proceso de acumulación capitalista, —que diría Schumpeter— se poida cualificar, precisamente, de creativa; polo menos se atendemos non só a criterios puramente estéticos, senón tamén ao tipo de espazo urbano que deixou tras de si e, polo tanto, a que tipo de vida, de relacións sociais, de actividades económicas etc., son posibles no mesmo.

Ao final do libro de Cristian Freire aparecen fotografías dunha serie de accións de reparación levadas a cabo no Vigo actual que o autor considera exemplares. Cita, entre outras, as diversas actuacións no Casco Vello, caso este co que, ao nivel estético que parece interesar ao autor, non se pode máis ca concordar; se ben está por ver que sexa igual de exemplar no outro piar da arquitectura tal e como a entende Anne Lacaton: o que procura a mestura das clases sociais, non a segregación.

Cita tamén, mesmo cunha montaxe fotográfica de cómo quedaría o predio restaurado, o antigo asilo e igrexa dos anciáns desamparados de Pi Margall, actuación que, como sabemos, non só non se levou a cabo senón que, como tamén sinala Freire no libro, non se vai levar a cabo. O paradigma de esboroar e substituír propio do Vigo caníbal que non sabe crecer sen amputarse está moi vivo: aparece sancionado no PXOM para ese edificio e para todo o Barrio do Cura que, desgaxado legalmente do resto do Casco Vello, sufrirá o seu pequeno Plan Haussmann —o coñecido urbanista do XIX que demoleu o vello París de calellas estreitas por medo a unha nova Comuna— co beneplácito de todas as forzas políticas do Concello (as conservadoras que non conservan nada e tamén a outra) que este verán deron luz verde unanimemente ao proxecto urbanístico dun señor con cartos que antes xogaba ao fútbol.

ADENDDA: tras un proceso de deterioro o teito da nave de La Artística, nas inmediacions da rúa Coruña, veuse abaixo. O Concello anuncia que derribará toda a estrutura. Un novo solar no que construír e non reparar. Un novo episodio da incapacidade desta cidade para manter e valorar a súa memoria e patrimonio, desta volta un expoñente senlleiro de arquitectura industrial de comezos do século XX.
 

1 comentário:

Voz en off disse...

Canta razón tes! Q pena q desapareza o Barrio do Cura!