8/27/2014

Textos escollidos para ler o presente (XIX)




Nalgunha ocasión establecín o paralelismo entre os primeiros estadios da descrición que E.P. Thompson facía da formación da clase obreira inglesa e o momento actual. As sociedades de correspondencia, as primeiras redes de contactos, as primeiras articulacións de grupos profesionais e artesáns fragmentados e diversos. Este texto de Pérez Ledesma, pertencente ás conclusións do seu traballo A formación da clase obreira. Unha construción cultural, incide na mesma liña. O suxeito histórico, en tanto que colectivo articulado para a acción en común, constrúese mediante as súas propias prácticas e experiencia a partir das condicións socio económicas concretas.

Até datas non moi afastadas, os estudosos do nacionalismo partían da idea de que a nación era unha realidade natural, anterior aos seres humanos que habitaban o territorio correspondente. É verdade que só nos últimos séculos esa realidade conseguira aflorar e encarnarse nos Estados Nacionais, ou polo menos en movementos de reivindicación nacionalista; pero isto non era un obstáculo para que se considerase que a existencia previa da nación explicaba a aparición posterior de ditos suxeitos históricos. En contraste con tal descrición, nos traballos máis recentes produciuse unha alteración da secuencia argumental, até o punto de que as nacións aparecen agora coma o resultado das tarefas nacionalizadoras levadas a cabo polos Estados existentes, ou en certos casos por elites que aspiran á creación de Estados novos.


Unha conclusión similar pódese extraer da análise precedente sobre a formación da identidade de clase. A versión tradicional partía da previa existencia da clase obreira, cuxo orixe se situaba habitualmente nos procesos de industrialización, para derivar dela a aparición dunha “conciencia de clase”, a formulación duns obxectivos programáticos propios e o xurdimento dun movemento obreiro destinado a acadalos a través da mobilización dos membros desa colectividade. O enfoque deste traballo obríganos, en cambio, a inverter o percorrido. En canto suxeito histórico, é dicir, como identidade colectiva dispoñible para a mobilización, a clase obreira foi o resultado da acción continuada dos integrantes do movemento obreiro; foron eles os que interpretaron as experiencias comúns dos traballadores e difundiron os marcos conceptuais que permitían a estes últimos integrarse nunha identidade colectiva. A linguaxe de clase, a formulación de conceptos como os de explotación e emancipación, a elaboración e difusión de mitos, rituais e símbolos: todos eses ingredientes fixeron posible a construción cultural dunha nova identidade, e a paulatina substitución identidades precedentes ou alternativas. Por suposto, para que tal construción tivese éxito, eran necesarios algúns requisitos previos: entre eles, o traballo por conta allea, o malestar provocado polas condicións laborais e salariais, a desaparición das expectativas de ascenso social, e mesmo o temor a unha deterioración da situación existente. Pero tamén foi necesario convencer a categorías tan diversas como os xornaleiros do campo, os obreiros dos oficios tradicionais, os mineiros e un reducido número de traballadores industriais de que os riscos comúns eran máis relevantes que as peculiaridades de cada sector produtivo.

La formación de la clase obrera. Una creación cultural. (1997). En La construcción social de la historia. (2014) Manuel Pérez Ledesma.

Sem comentários: