8/21/2014

Idade Media




Como esas postais naifs do século XIX que mostraban o que naquela altura se imaxinaba que serían as cidades no ano 2000 —cheas de señores con mostachos engominados e señoras con pamela e vestido longo voando grazas a calquera aparello mecánico entre os tellados de París ou Londres— tamén se comete unha ucronía, desta volta cara o pasado, cando se fala de barbarie medieval para referirse ao bruto vídeo da decapitación do xornalista norteamericano James Foley por un encarapuchado do grupo islamista ISIS. A decisión de grabar e difundir o vídeo, a posta en escena, o atavío alaranxado-Guantánamo do desgrazado rapaz nada teñen de medievais. Trátase dun fenómeno propio deste século XXI e só a estraña idea de que a Historia ten algún tipo de sentido trascendente que a leva a estadios sucesivamente máis elevados de progreso pode confundirnos até o punto de non recoñecer nesa barbarie —fenómeno secundario de levar o estado iraquí, a través de teconoloxía punta militar, á "idade media" (por retomar a mesma ucronía que un ministro israelí usara hai anos co gallo dun bombardeo a Gaza)— un produto xenuíno deste noso presente de ultraimperialismo caótico e non coma un resto atávico dun pasado escuro e incivilizado. Gil Scott-Heron dixo que a revolución non sería televisada pero nada dixo de que a televisión, ou o seu vástago actual, o vídeo viral, non habería ser un tipo de arma, tan de última xeración coma os drones, para as crueis guerras do século XXI.

Sem comentários: