7/17/2014

O espello portugués

É ben interesante o debate que está a haber en Portugal, sobre todo no ámbito do Bloco de Esquerdas, co gallo da saída dos militantes do Fórum Manifesto e da ex-deputada na Asemblea da República Ana Drago, alegando que é precisa a existencia dun espazo na esquerda con capacidade de chegar a acordos de goberno co Partido Socialista. En Portugal —que na cuestión do corsé que supón a pertenza á eurozona e as contradicións e impotencias que isto conleva están algúns telexornais adiantados a respecto do Estado español atópanse xa na tesitura de clarificar se a esquerda está en disposición de continuar como se a crise de 2008 e, sobre todo, a metástase europea da mesma, cuxo pico tivo lugar coa crise da débeda soberana de 2010, nunca tivese existido —sendo normal, logo, tratar de chegar a acordos co socioliberalismo— ou se, pola contra, a esquerda debe encargarse de construír o seu propio bloque social anti Pactos de Estabilidade negándose a chegar a acordos de gobernabilidade ningún con quen se pregue ao Consenso de Berlín cuxo fin non é outro que a regresión democrática, o desmantelamento dos Estados de benestar e a reversión da pouca lexislación a prol do mundo do traballo que vai quedando.
O goberno andaluz PSOE-IU é mostra de que esta cuestión aínda non se percibe, en toda a esquerda do Estado español, como fundamental (algo sorprendente se se considera que Susana Díaz está a converterse na gran baronesa do PSOE, como demostrou a elección do "chico Martini" Pedro Sánchez nas primarias, grazas á súa condición de Presidenta de Andalucía, un dos poucos espazos de poder con certo lustre que lle quedan ao PSOE).
Presupoñéndolle as boas intencións ao Fórum Manifesto, é cedo para saber se o movemento poderá ter algún percorrido, no sentido de que o PS poida algún día saír do Consenso de Berlín. Aínda máis cedo é para saber se no Estado español a quebra democrática que derroque definitivamente ao bipartidismo chegará ou non a bo porto (o único que podería mover algo, polo menos nese 15% de militantes do PSOE socialdemócratas).
En todo caso, e partindo da pouca fe persoal en que os partidos socioliberais sexan recuperables, calquera tentativa de pactar con eles, nun escenario no que non estean relegados á subalternidade na correlación de forzas dos partidos da esquerda, significa estar disposto a aceptar unha nova derrota histórica que, neste intre, a forma que toma é a da asunción de que a apisoadora antidemocrática e antisocial europea é invencible e que o que cómpre é aggiornarse, ou sexa, renderse. 

Sem comentários: