2/03/2014

O rei de Mesopotamia



Os vestixios que aínda quedan da antiga cidade de Ur revelan que na Mesopotamia de entón, cando o rei morría, un cortexo de familiares, serventes e garda persoal enterrábase canda o monarca na tumba colectiva. Nunca, en cambio, se demostrou que se dese o caso contrario. Nunca sucedeu que cando os serventes e garda persoal do rei estaban vellos e medio mortos, este decidise sacrificar a súa vitalidade e enterrarse canda eles. Porén, algo así parece estar a suceder en Anova dende hai tempo. A conferencia política de onte foi a expresión gráfica dun periplo. Hai algo patético en ver a Beiras falando de rebelión cívica unicamente para a súa garda persoal nun recinto inmenso pero cheo de butacas baleiras. Está claro que a historia non é un libro predeterminado e as excepcións ao que se ten por habitual, suceden.

Iso é o malo da historia. Pero tamén é o bo.

Sem comentários: