A tese di así:
Tal e como está deseñada a Eurozona hoxe non se pode falar de soberanía nin de alternativa xa non anticapitalista, senón simplemente keynesiana e un algo democrática. Rematar coa prohibición que figura nos tratados asinados polos estados de que o BCE poida financiar directamente aos gobernos e con institucións antidemocráticas como é a Comisión Europea debería ser o obxectivo primeiro de calquera que pretenda que o seu país poida gobernarse e, sobre todo, poida gobernarse nun sentido minimamente progresista.
A Eurozona divídese hoxe entre estados acredores e debedores. E Galiza, o mesmo que o resto do Estado Español, pertence aos debedores. A débeda que ten que pagar o Estado Español, de aí reformas como a do 135 da Constitución que antepón calquera tipo de investimento social ao pagamento desta débeda, é de tal calibre que non poucos economistas pensan que é impagable; pero actúa, e actuará, xunto cun euro feito á medida de Alemaña, coma unha trampa para o desenvolvemento económico dos países do sur. É dicir, que o estratosférico paro do sur vai camiño de ser estrutural e as súas baixadas estatísticas serán debidas á emigración ou á folga dos cidadáns niso de seren "poboación activa".
Calquera que atenda ao que din de si mesmos gregos e portugueses comprobará o claro que teñen a súa falta de soberanía e a escravitude que supón a débeda. Son rogue states. Estados fallidos. Syriza, o mesmo que o Bloco, Die Linke e IU aínda falan de reformar a Eurozona, pero creo que estas eleccións mostrarán o magro percorrido desa vía e doutras semellantes coma a da vaporosa "Europa dos pobos" habida conta do carácter ornamental do chamdo Parlamento Europeo. O goberno de Gran Coalición alemán deixou ben clara a súa pouca vontade de por a andar mecanismos de integración fiscal e bancaria na UE e custa tamén imaxinar ao conservador electorado alemán (non hai demos europeo, salvo na imaxinación dos máis europtimistas) aceptando quitas de débeda.
Cunha política alemá enfocada unicamente a combater, mediante o control estrito do déficit, a inflación (pois máis inflación significa tamén menos que cobra Alemaña & socios por esa débeda insostible) e a ter un euro forte (pois Alemaña segue a ser competitiva cun euro así, non en van dentro das reformas que, no seu momento, xa fixo Schöeder Alemaña hai anos que acometeu a súa propia devaluación interna empeorando as condicións das súas clases traballadoras) os países debedores non poderán emprender investimentos para mudar o seu sistema productivo unha vez rematado o espellismo da economía a crédito. Economía a crédito alimentada cos capitais do norte de Europa que colonizaron o sur cando se estableceu o tipo único en 1999, non sen antes emprender unha masiva desindustrialización do sur europeo, Galiza incluída. A única alternativa que lle queda aos estados sureuropeos é a devaluación interna (abaratamento das condicións de traballo, privatizacións e eliminación dos servizos públicos e austeridade) para facer que os seus produtos sexan competitivos fóra, e mesmo así non conseguen compensar o que gañan empeorando as condicións internas dos traballadores co que perden pola contínua revalorización do euro, que só interesa aos paises acredores. Un prezo alto de máis, este mercantilismo globalizado, para cumplir os soños dunha elite cultural que, como os saudosos con Dom Sebastião, segue a suspirar polo retorno imposible da Europa dos trinta gloriosos sen clase obreira potentemente organizada, sen a URSS a facer o traballo sucio e sen os EEUU financiando o experimento.
A imposibilidade de facer políticas alternativas, tal e como está hoxe a UE, demóstraa a última viraxe de Hollande, a gran esperanza branca da socialdemocracia europea. Nin siquera Francia é hoxe capaz xa de facer sombra á hexemonía alemá.
Polo de agora, e oxalá mude, o proceso independentista catalán só procura un lugar ao sol nesa UE dividida entre un centro e unha periferia. Pero unha hipotética Eurocatalunya independente seguirá presa do ferrollo dos acredores. A alternativa para un país como Catalunya dentro da UE, se cadra, pode ser converterse nun paraíso fiscal. Para quen observa o mundo coma unha competición de nacións, entendidas estas coma un todo orgánico sen contradicións internas, esta é unha solución realista e coherente. Pero non é a miña.
Iso que eufemisticamente se chama Troika é, en boa medida, a UE, e máis concretamente o capital noreuropeo que ten no estado alemán de despois da "reunificación" a súa estrutura de poder e de hexemonía en Europa. Algo que xa sucedeu outras veces na historia. Ante este novo imperialismo hai dúas opcións: aliarse para combatelo ou, coma os nacionalistas flamengos da segunda guerra mundial, aliarse con el para vivir á súa sombra. Quen acredite na soberania popular non pode escoller máis ca combatelo.
Os pobos do sur de Europa, o mesmo que os pobos latinoamericanos dos noventa, deberían, antes que nada, desfacérense deste ferrollo que é o mecanismo infernal da débeda e da falta dunha moeda controlable politicamente. Aí hai un campo aberto para a converxencia estratéxica coa esquerda federal que respecte a plurinacionalidade e o dereito de autodeterminación e coa das outras nacións do Estado Español que non queiran repetir aos flamengos. Pero tamén coa portuguesa, italiana e grega. No programa, nada de volta aos estados nacións e si a unha nova área internacional de economías máis compatibles e democraticamente controlables.
Sem comentários:
Enviar um comentário