2/24/2014

8 notas tras o referendo de Anova



1. Cando xa só faltaba a última presada de terra para tapar o túmulo, o rei de Mesopotamia decidiu que non desexaba aterrarse canda a súa garda pretoriana. Unha operación na que ambos perderon. O primeiro, porque tras meses decepcionando a unha parte da organización co seu laissez faire ante todo tipo de tropelías agora decepcionaba tamén, abandonando o túmulo común, ao seu séquito. Os segundos, porque xa non poderán seguir a ser as rémoras do tiburón branco. Agora terán que ser eles e elas os seus propios tiburóns brancos.

2. A aposta pola difusión pública do manifesto "#nósqueremosAGE" (AGE, non IU) de apoio á opción 1 por parte dun grupo de militantes foi anterior ao apoio público de Beiras a esta opción. A non aliñación da garda pretoriana coa posición de Beiras denota independencia de criterio. A mesma idendependencia de criterio demostrada polos que defenderon a opción 3. Dentro de Anova o hiperliderado bonapartista chega á súa fin. A militancia non se deixa pastorear por ninguén. O cal é unha gran nova. A esquerda é liderado colectivo ou non é.

3. Anova é un deus Xano dende hai tempo. Anova segue a ser un deus Xano. Diferenza: onte só unha das caras falaba claro sobre o que quería e o que non quería. Hoxe as dúas caras teñen as cartas sobre a mesa.

4. A vitoria da opción 1 foi axustada, si, ma non troppo. A asemblea de Cangas, A Estrada e O Carballiño, non precisamente proclives á dirección, decidiron que este referendo non reunía as condicións democráticas necesarias para acudir a votar. Así mesmo, 17 membros da asemblea de Redondela non puideron votar porque están castigados coa lei de partidos que ilegalizou ao que hoxe representa Bildu; paradoxalmente, un dos potenciais socios para os que defendían a opción 2.

5. A operación "Salvar ao soldado BNG" fracasou. Os que marcharon do BNG de xeito táctico deberían explicar a súa falta de honestidade na crítica ao propio BNG -pois a todas luces agora si lles valía o que antes de Amio era inútil, antidemocrático e abafante- e a súa falta de honestidade no compromiso coa creación dunha ferramenta nova e diferente do que foi o BNG.

6. A narrativa mayororejiana da dirección de Anova (e tamén, compre sinalalo, dos posibilistas autoerixidos en suposto centro neutral) que despachaba o asunto cun: "Todo é a FPG", fixo augas. O gran feudo da FPG, Cangas do Morrazo, nin sequera votou no referendo.

7. Dende a dimisión do Coordinador Nacional e doutros membros da Permanente sabiamos que a dirección de Anova non era representativa da organización. Tras os resultados de onte, o que era falta de representatividade converteuse, directamente, nunha "crise de réxime".

8. A modo de brincadeira: que moita xente en Anova despreza a idea de partido movemento e que a súa concepción do partido é o de cadros institucionais constitúe un feito obxectivo. Pero que algúns conspicuos defensores do partido de cadros institucionais asinase un manifesto no que se define a Anova coma un partido-movemento, me llena de orgullo y satisfacción.

3 comentários:

xOsse dorrío disse...

Non concordo con esta afirmación: "a militancia non se deixa pastorear por ninguén". É evidente que si, a declaración de Beiras declinou a balanza a favor da opción que defendeu. Gañou porque Beiras o quixo. Non por Martiño, non polos razoamentos do manifesto #nosqueremosAGE. Só polo pastor e nada máis que polo pastor. Iso si, a maioría das ovellas (opción 2, 3 e 4 -absterse-) pasaron del.

koroshiya itchy disse...

Tá bem, mas também poderíamos ter umas palavras de lembrança para aqueles que não puderam votar porque foram purgados nas semanas anteriores à votação... Por outras palavras, quanto mais conheço a chamada esquerda, mais democrático me parece o PP...

Luis González Varela (Luis Celeiro) disse...

En mesopotamia non había Pretorianos!!