1/12/2014

Revista Luzes


Dentro da sección Debates intrépidos do número 2 da revista Luzes publico "Política monetaria é democracia", un artigo que comeza como segue:

Para quen se faga a razoable pregunta de quen son eu para falar disto, adianto que teño dúas coartadas. Primeira. Se algo demostrou a crise iniciada nos EUA a finais de 2007 é que o 90% dos economistas mediáticos ou ben non se decataban do que estaba a suceder porque os cegaba a fe nos seus presupostos ideolóxicos ou ben, decatándose, calaron cinicamente e deixaron que o esquío seguise a dar voltas na roda até morrer exhausto. O cal me leva á segunda coartada. Trátase da vella idea de que toda economía é, en realidade, economía política. Así, a ollada da que parto para cuestionar o euro é política e non económica, pois penso que é a política o marco a partir do que se debe desenvolver a técnica económica e non ao revés. En todo caso, quen queira a visión do economista sobre a saída do euro pode consultar traballos de P. Montes, J. F. Martín Seco, P. Krugman, V. Navarro, F. Lordon, J. Sapir, C. Lapavitsas, etc.

Dende o Tratado de Maastricht o BCE non pode financiar directamente os estados —grande soño dos Hayek&Cia que fai cuestionar se a política socialdemócrata é posible na UE— obrigándoos a recorrer aos mercados privados. O tipo de cambio único do euro fixado en 1999 propiciou a chegada ao sur de Europa de capitais ociosos procedentes dos bancos do norte —principalmente alemáns—, o que impulsou a burbulla inmobiliaria e o enorme endebedamento privado. Este reparto do traballo dentro da zona euro, coherente coa súa falta de integración política, fiscal ou bancaria, sostívose até que a crise financeira esboroou o edificio todo. Cando a caída de Lehman Brothers (2008) freou o fluxo de crédito e o paro se disparou, o Estado español endebedouse para salvar caixas e bancos en quebra técnica e manter a demanda interna: Plan E, subsidios de desemprego, etc. [...]

Sem comentários: