12/20/2013

Sobre a dereita e a lei do aborto



O libriño que resumía en papel unha parte da historia deste blogue tiña por subtítulo Das guerras culturais ao crac financeiro e con el quería sinalar como, a partir da crise ecónomica que estoupou nos EEUU a finais do 2007 e que despois se estendeu a Europa, entrabamos nun novo período que tiña que influír tamén na axenda política dunha esquerda que, até o de agora, limitábase só a dar a batalla no campo cultural (e ás veces nin iso) obviando por completo o campo económico.
Manuel Barreiro falaba no seu último artigo en Tempos Novos de que o PP é un experto en recurrir ás Cultural Wars para sacar o foco dos serios problemas económicos do Estado Español. A lei do aborto é unha desas Cultural Wars deseñadas para que a controversia política saia dos temas directamente económicos —os máis facilmente explicables, dende a óptica da esquerda, ás maiorias sociais— e para contentar, de paso, á dereita tradicionalista conservadora que —agora que hai menos cartos para comprar vontades a gran escala— ve como non flúe tanto o vil metal da dereita "desacomplexada" gürteliana co que apaciguaban as súas cuitas morais e co que engraxaban as maquinarias electorais.
Ao mesmo tempo resulta funcional á facción que hexemoniza hoxe á dereita —e que a dirixe,
polo tanto, segundo os seus intereses—: a dereita revolucionaria neoliberal carente de ningún tipo de valor moral tradicionalista, nin de pouso cultural ningún que non sexa o puro beneficio. O cal aínda fai da nova lei do aborto un despropósito maior. Non só cercena os dereitos das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo senón que o fai simplemente por unha cuestión instrumental (pois a dereita tradicionalista é hoxe mera comparsa da dereita niezstcheana disposta a esvaecer no ar todo o que era sólido; Deus ou o Demo incluídos). Trátase de situar a axenda política no lugar que lle interesa a esta cínica dereita hexemónica neoliberal e que é calquera lugar no que non se fale, sen circunloquios, de pobreza, reparto desigual e inxustiza económica.
Quere dicir isto que a esquerda debe desentenderse das guerras culturais? En absoluto, quere dicir que a loita debe ser en todas as frontes e sinalando en cada unha desas frontes todas as súas complexidades e contradicións. E máis aínda cando, como no caso que nos ocupa, a cuestión do aborto está atravesada por vectores que teñen que ver cos dereitos democráticos en xeral, coa loita feminista polo dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a abandonar a súa posición estrutural subalterna e coa loita puramente económica, pois a ninguén se lle escapa que as mulleres das clases altas, pías ou laicas, poderán seguir abortando sen problema por moito que diga esta lei.

Sem comentários: