1/24/2014

E.P. Thompson aquí e agora



A xente encargada de editar O Xornal, a revista do sindicato CUT pedíronme un pequeno artigo sobre A formación da clase obreira en Inglaterra, o clásico do historiador E.P. Thompson. Isto foi o que din feito:


Malia cumprírense, este ano 2013, os cincuenta anos da publicación d´A formación da clase obreira en Inglaterra do historiador nado en Oxford Edward Palmer Thompson, polo de agora a cousa está a pasar con máis pena ca gloria no noso país. E é unha mágoa que isto suceda xusto nun momento no que tanto poderiamos aprender do enfoque, tan innovador no seu tempo, que o intelectual e activista británico deu ao seu modo de historiar a clase social. 

En que consistiu, basicamente, a novidade de E.P. Thompson? 

Por unha banda, en non considerar a consciencia de clase, é dicir, o que realmente dota ao concepto de clase de potencia para a acción política, coma un fenómeno secundario e case que automático da mera posición d@s traballador@s no sistema produtivo. No seu voluminoso estudo E.P. Thompson dá conta do proceso totalmente continxente polo que aquilo que co tempo sería a clase obreira inglesa se auto constitúe como tal –sen solución de continuidade coas loitas anti feudais- formando redes, convocando manifestacións, acumulando forzas, reuníndose, fundando escolas, sindicatos, grupos de presión política, finalmente partidos… é dicir, creando toda unha institucionalidade autónoma a respecto dos aparatos de estado ao amparo da cal, coa propia actividade da súa vida cotiá, crear unha cultura, unha ética -unha «economía moral» en termos do propio Thompson- un novo xeito de vivir cos seus propios rituais e o seu propio folclore (o «folclore progresivo» do que falaría Ernesto de Martino[1]) que se obxectivaría en cancións, lemas, poemas, etc. 

Trátase, logo, da importancia do elemento subxectivo (da vontade e das ideas) intuído, xa antes ca por Thompson, por Walter Benjamin cando, nas súas Teses de filosofía da historia, escribira a propósito da loita de clases que, malia trata de cousas «ásperas e materiais sen as que non existen as finas e espirituais» estas tamén están presentes na mesma «como confianza, como coraxe, como humor, como astucia, como enerxía[2]».

Por outra banda, entre as novidades de Thompson atópase tamén a posta en causa da –en palabras de Antoni Domènech- «vulgarización deshistorizadora e despolitizadora do “marxismo” de impronta estalinista[3]» que entendería a historia coma un sucesivo e inexorable despregue de modos de produción e que, en coherencia con esa idea, vería o proceso industrializador iniciado na Inglaterra de finais do s. XVIII, coma un factor de progreso para as clases populares. Fronte a esta visión, Thompson dubida de que a clase obreira industrial que cumpría con xornadas interminables e moraba baixo condicións insalubres nos atestados centros fabrís do norte inglés puidese considerar a súa condición económica e política como mellor en comparación ca dos artesáns que lle antecederan.

Por volver ao paralelismo coas Teses de Benjamin, Thompson faría, en contraposición ao optimismo diamat, unha lectura da idea de Progreso semellante á que Bejamin ilustra coa imaxe do furacán da Tese número sete que, enleado nas alas do Angelus Novus, empuxa a este cara o futuro deixando tras de si un ronsel de catástrofes. 

A capacidade suxestiva da obra de E.P. Thompson no noso tempo presente e no noso país é inmensa. No que ten que ver coa consciencia de clase porque, aquí e hoxe, asistimos ao esfarelamento do resultado de todo ese devir que describe o autor n´A formación da clase obreira en Inglaterra. Cos anos oitenta do século XX coma punto de inflexión, a clase obreira sofre, en toda a nosa área xeográfica, un proceso brutal de atomización física, de colonización mental e de desmantelamento de todo o tecido institucional do que se dotou tras anos e anos de loitas. Moitas das ferramentas orgánicas creadas por esa clase obreira para a batalla pola hexemonía deben a súa permanencia e eficacia máis á inercia que a un auténtico impulso vital. En certa forma, semellamos estar outra volta no “estadio primitivo” da creación de redes, da posta en coñecemento, os uns e os outros, da nosa existencia como seres desconformes. Pero habitamos ese “estadio primitivo” -nun regreso en espiral nunca idéntico- inseridos nun contorno exposto durante décadas a unha “sociedade da información” capaz de penetrar e modelar as consciencias de todas as capas sociais como nunca antes na historia e sometidos á rendición absoluta de todos os ámbitos da vida á lóxica da mercantilización. 

Se algo nos mostra a obra de Thompson é que só da actividade das clases populares, da súa capacidade para auto articulárense de xeito autónomo coma o que Arthur Rosenberg[4] gustaba de chamar Movemento Democrático, é que volverá emerxer a consciencia de pertenza a un colectivo con obxectivos compartidos. Un colectivo que, se chega a conformarse, terá -a continxencia do proceso histórico así o ensina- outra feitura, outros modos de socializar e organizarse e outros compoñentes diferentes aos da clase obreira fordista.

No que ten que ver co escepticismo de Thompson arredor das bondades do industrialismo, a lectura para o presente semella obvia. A ameaza do cambio climático e o carácter finito dos recursos do planeta xa non nos deixan dúbida ningunha de que o produtivismo ilimitado condúcenos ao desastre e á multiplicación exponencial da lóxica hobbesiana propia do capitalismo. 

Tomar, por último, tamén en consideración -e máis cando pensamos nun país coma o noso no que o substrato cultural do mundo agrario é aínda tan forte- a visión que tiña Thompson do mundo pre-industrial pode axudar a que a esquerda faga unha reformulación crítica do que, no pasado, significou para ela a civilización campesiña e a que incorpore, sen sentimentalismos pero tamén sen prexuízos, o que esta pode achegar á hora de imaxinar un novo modo de vida sustentable e construído arredor dunha idea forte de comunidade solidaria.

1. de Martino, E.: El folclore progresivo y otros ensayos,  MACBA/UAB-Universitat Autónoma de Barcelona, Barcelona 2008.
2. Benjamin, W.: Teses de filosofía da historia. http://nomadasempre.wordpress.com/2013/05/29/teses-de-filosofia-da-historia-walter-benjamin/
3. No prólogo á edición en español d´A formación da clase obreira en Inglaterra, Capitán Swing, Madrid 2012.
4. Rosenberg, A.: Democracia y Socialismo. http://www.elsarbresdefahrenheit.net/ca/index.php?view_doc=285

Sem comentários: