11/12/2013

De Partidos partidos



Aínda que o Partido teña mil ollos, sempre debes conservar os dous teus.
Manuel Vázquez Montalbán 

Que un partido político sexa concibido para a liberación non significa que os partidos políticos sexan espazos liberados (aínda que, permítaseme a ironía, si é un espazo no que, case que sempre, hai demasiados liberados). Un partido político reproduce, no seu seo, os males que intenta combater na sociedade. No partido hai, coma no espazo social, clases. As clases no partido defínense pola acumulación de varios tipos de capital. Un deses tipos é o capital simbólico, o carácter de referente de determinadas persoas por causa da súa traxectoria, carisma e/ou por, simplemente, levar máis tempo expostas aos medios de comunicación de masas. Outra forma de capital que define ás clases dentro do partido é o capital relacional, a trama de contactos nos diversos lugares de poder da sociedade -maior canto máis tempo leva un na política partidaria-institucional. Finalmente, máis cando vivimos nun contexto no que a fenda entre a situación económica das persoas máis novas e a das persoas de maior idade se agranda, tamén existe unha división de clases puramente económica que leva a que a urxencia por mudar o existente por parte dos acomodados sexa moito menor que a de aqueles que viven no gume da navalla. 
Canda isto, un tamén pode percibir outras mecánicas do poder en forma, por exemplo, de subalternidade feminina no seo das organizacións. Ou a existencia da figura desclasada dos palmeiros e dos brazos de madeira, os que, non sendo nada, esperan ser algo axuntándose aos ostentadores dos distintos capitais.

Esta división xerárquica dentro do partido ten o seu correlato orgánico na formación de burocracias e gobernos paralelos de excepción enquistados no seu seo e sempre pendentes de que o elemento democrático e incontrolable das “clases baixas” do partido non acceda a lugares de relevancia. Para este fin a burocracia partidaria ten sempre un aliado do que botar man: os poderes de todo tipo que só desexan o status quo e que, no que atinxe aos postos de poder do partido concebido para a liberación, sempre preferirá ás caras coñecidas e previsibles que a emerxencia do novo e por coñecer. Esta é a raíz da dificultade que sempre atopan nas organizacións políticas as operacións de renovación teórica, práctica e xeracional pois, como diría Spinoza, o ser teima en perseverar sendo o que sempre foi aínda que isto -engado eu para o caso dos partidos- provoque vomiteiras de desafección e, en última instancia, vaia en contra da utilidade do propio partido para os fins que se propuxera.

Naturalmente nada disto se produce dun xeito automático. Un pode atopar exemplos de posesión de capital entre os que non ostentan o poder dentro do partido e un pode atopar distintas xeracións cumprindo papeis diferentes aos que o antes dito precribiría pero, en xeral, este acostuma ser o reparto “oikonomico” dentro dunha organización e este é o reparto que define a reprodución da loita de clases dentro de calquera organización.

En Anova asistimos, unha vez máis, á teimuda emerxencia desta loita de clases. A cuestión agora é: imos ter os sans culottes, os chaiñas, os que non somos nada, os nosos propios Robespierres, os nosos propios referentes que dean unha puñada na mesa dos burócratas ou temos que seguir esperando mansamente, como as vacas no matadoiro, a que nos purguen, entoando o noso mea culpa ante a suprema sabedoría do Partido?

2 comentários:

Carlos disse...

Magnífico! E `probablemente en te decatares definiches perfectamente unha economía pechada, autárquica, orientada á subsistencia, sen intercambios nin dependencias co exterior, endogámica en definitiva. Moi ilustrativo, repito.

O Fuco disse...

Graciñas. A cousa vai por aí: o oikos era a facenda onde o señor reinaba sobre as pertenzas, as mulleres, os fillos e os escravos. É o lugar do despotismo e do poder de casta. Unha organización que lembre isto é calquera cousa menos unha ferramenta liberadora.