11/20/2013

Textos escollidos para ler o presente (XVI)



Texto tirado dunha entrevista a Loïc Wacquant, autor d´Os cárceres da miseria, que nos permite ver como, para o noso contexto concreto, existe un vencello causal, cunha intencionalidade política moi clara, entre as sucesivas "reformas" emprendidas ou suxeridas polo goberno Rajoy (laboral, pensións, sanidade, educación, xustiza) e a recente reforma do Código Penal e a anunciada Lei do aborto, impulsadas polo ministro Alberto Ruiz Gallardón, así como o novísimo proxecto de "Lei orgánica de Protección da Seguridade Cidadá", impulsada polo ministro Jorge Fernández, cuxo contido exacto estamos a coñecer estes días.

A mutación política na que se inscribe esta transición podería resumirse na seguinte fórmula: borrado do Estado económico, redución do Estado social, fortalecemento do Estado penal, pois estas tres transformacións están intimamente ligadas entre si e son, no esencial, a resultante da conversión das clases dirixentes á ideoloxía neoliberal. En efecto, quen hoxe glorifican o Estado penal, tanto nos EEUU coma en Europa, son os mesmos que onte esixían menos Estado en materia económica e social e que, de feito, lograron reducir as prerrogativas e esixencias da colectividade fronte o mercado, é dicir, fronte a ditadura das grandes empresas. Isto pode parecer unha contradición, pero en realidade temos aí os dous compoñentes do novo dispositivo de xestión da miseria que se introduce na era da desocupación masiva e do emprego precario. Este novo goberno da inseguridade social –por falar como Michel Foucault- apóiase, por unha banda, na disciplina do mercado laboral non cualificado e desregulado e, pola outra, nun aparato penal invasor para lograr unha mellor aceptación do traballo asalariado desocializado e a inseguridade social que implica. A prisión volve ao primeiro plano.

O maior vigor do tema das violencias urbanas  nos discursos e nas políticas dos gobernos europeos, e especialmente en Francia dende o retorno ao poder da esquerda chamada plural, non ten gran cousa que ver coa evolución da delincuencia da mocidade (sempre habería que agregar: da mocidade de orixe obreira e estranxeira porque sen dúbida trátase dela; por outra banda, en moitos países, como en Italia ou en Alemaña, non teñen empacho en falar abertamente da criminalidade dos inmigrantes). A preponderancia deste tema apunta a favorecer a redefinición do perímetro e as modalidades de acción do Estado: un Estado keynesiano vector de solidariedade, cuxa misión era contrarrestar os ciclos e os prexuízos do mercado, asegurar o benestar colectivo e reducir as desigualdades, vese suplantado por un Estado darwinista, que eleva a competencia ao carácter de fetiche e celebra a responsabilidade individual, cuxa contrapartida é a irresponsabilidade colectiva, e que se reprega nas súas función residuais do mantemento da orde, en si mesmas hipertrofiadas.

Así, pois, a utilidade do aparato penal na era poskeynesiana do emprego inseguro é tripla: serve para disciplinar aos sectores da clase obreira renitentes ao novo traballo asalariado precario nos servizos; neutraliza e exclúe aos seus elementos máis disociadores ou aos que se consideran superfluos con respecto ás mutacións da oferta de empregos, e reafirma a autoridade do Estado no dominio restrinxido que no sucesivo lle corresponde.

Sem comentários: