12/04/2013

A estratexia de Bartleby (e pouco máis)


Yanis Varoufakis é un economista que está asesorando ao partido grego Syriza. Considera que é posible reformar a UE, en beneficio dos países do sur e en especial dese territorio destruído que comeza a ser Grecia, sen que esta teña que saír da zona euro. Nun recente artigo nun medio norteamericano Varoufakis facía prospección sobre que podería pasar na UE ante unha eventual vitoria electoral de Syriza. Da lectura do mesmo podíase colexir que para que Syriza puidese sequera comezar a facer política tería que empezar exercendo o seu dereito a veto a calquera decisión da UE:

“Invocando as cláusulas do interese nacional, o goberno de Syriza tería o poder de vetar todas as decisión até que o enfoque de Europa a respecto do programa grego sexa reexaminado. Este movemento podería abrir rapidamente un debate que, con sorte, conduciría aos modestos cambios políticos que tanto se necesitan en toda Europa. (Por exemplo os que Stuart Holland, James Galbraith e eu propuxemos).”

Non fala este economista, como si fai cando alguén suxire a saída do euro como solución para Grecia, da guerra política e económica brutal que se desencadearía sobre a xa debilitada Grecia unha vez que a sucesión de vetos paralizase ás institucións europeas, guerra que, quen sabe, o mesmo incluiría a expulsión do euro. En todo caso, ler isto fíxome pensar que probablemente a idea de Varoufakis é máis o paradigma do que a esquerda pode facer hoxe nas institucións que a excepción.

O parlamento galego, cuxa maioría de dereitas si pode implementar políticas, aprobou nesta semana senllas leis totalmente coherentes cos mandatos europeos.
Unha lei para continuar desmantelando a sanidade pública (permitindo a transferencia de pacientes á privada) encamiñada, como todas as políticas de recortes actuais, a obedecer a merkeliana lei de ferro do déficit público agora consagrada constitucionalmente pola reforma express bipartidista do artículo 135.
Outra para seguir arruinando, sen contraprestacións, o territorio (a nova lei de solo legaliza toda canta explotación mineira pirata hai no país e abre a veda para explotar calquera recuncho desta terra eliminando todo tipo de protección agropecuaria) adiantándose, no seu espírito, ao Tratado de libre comercio que, con nocturnidade, prepara a UE cos EEUU e sobre o que George Monbiot, o columnista do Guardian, alertaba:

“A Comisión insiste en que este Acordo Transaltlántico de Comercio e Investimento debería incluír un mecanismo tóxico chamado arranxo de controversias entre o investidor e o estado. Cando isto se incluíu noutros tratados permitiu que as grandes empresas demandasen aos gobernos ante instancias de arbitraxe secretas compostas por avogados corporativos para evitar os tribunais nacionais e anular a vontade dos parlamentos.

Este mecanismo podería ameazar case que todos os medios cos que os gobernos procurasen defender os seus cidadáns ou protexer o mundo natural. Xa está a ser usado por empresas de mineiría para demandar aos gobernos que tentan mantelas fóra de áreas protexidas.”

Pero, podería facer algo un hipotético goberno de esquerdas que accedese ao goberno da Xunta cun verdadeiro ánimo transformador que non fose vetar os mandatos sancionados por leis cuxa elaboración se nos escapan? Subir impostos? No mesmo artigo de Varoufakis el tamén pensa que isto tería pouco percorrido:

“Os activistas de Syriza afirman que conseguirán o diñeiro gravando aos ricos, pero os ricos xa levaron os seus euros a Suíza, Frankfurt ou Londres e a Nova York, mentres que a clase media está en bancarrota, xa non recibe ingresos das súas propiedades baleiras e ten que pagar taxas cada vez maiores por elas.”

Que sucedería, logo, o día despois a que ese goberno galego, ou español, que tanto ten, aplicase a estratexia daquel Bartleby imaxinado por Melville que repetía unha e outra vez “preferiría non facelo” e se negase a reducir o orzamento da sanidade pública ou se negase a establecer o principio da barra libre sobre o solo?
Que lle sucedería a unha Grecia que vetase sistematicamente as decisións dos órganos europeos? O que viría despois, evidentemente, como viría se un país decidise saír do euro, sería represión política e económica de alto voltaxe. 

Este é o ínfimo terreo de xogo en que nos movemos cando pensamos na política nas institucións actuais. Xa non é que a esquerda non poida facer política é que os seus problemas comezan en canto aplica a desobediencia civil e se nega a facer a política da dereita.

Sem comentários: