10/16/2013

Textos escollidos para ler o presente (XV)


Texto pertencente a Crise na eurozona de Costas Lapavitsas onde se bosquexan as tres (catro en realidade) saídas posibles que ve o autor para a crise actual na zona euro.

A crise é tan grave que non existen opcións brandas nin compromisos fáciles para os países periféricos. As alternativas son duras, similares ás dos países en vías de desenvolvemento que se enfrontan a crises recorrentes dende hai tres décadas.

A primeira alternativa é adoptar políticas de austeridade recortando salarios, reducindo o gasto público e aumentando os impostos, ca esperanza de que diminúan os requisitos para o endebedamento público. A austeridade deberá ir acompañada probablemente de préstamos ponte ou garantías de potencias económicas para reducir os tipos de interese dos préstamos comerciais. É posible tamén que fora necesaria unha reforma estrutural que incluiría, entre outros aspectos, unha maior flexibilidade do mercado laboral, condicións máis duras para as xubilacións e a privatización das empresas públicas restantes e da educación. O obxectivo de dita liberalización sería presumiblemente o aumento da produtividade do traballo, mellorando así a competitividade.

Esta é a opción preferida  polas elites que gobernan os países da periferia e o núcleo da zona euro, pois despraza a carga do axuste sobre os traballadores. Pero hai varios imponderables. O primeiro é a oposición dos traballadores á austeridade, que conduce a unha situación de axitación política. Ademais, a zona euro carece de mecanismos consolidados para conceder préstamos ponte e facer que se respecte a austeridade nos membros periféricos. Existe tamén unha forte oposición política dentro dos países da zona central a rescatar a outros países da eurozona. Por outro lado, a opción de obrigar a un país periférico a solicitar axuda ao FMI sería prexudicial para a zona no seu conxunto.

[…]

Con toda probabilidade os países periféricos veríanse inmersos nunha desigual loita competitiva contra Alemaña, cuxos traballadores continuarían sendo duramente exprimidos. O intento de permanecer na eurozona mediante a adopción de políticas de austeridade e liberalización levaría a continuas caídas dos salarios reais coa inútil esperanza de inverter os déficits por conta corrente contra Alemaña. Mentres tanto, a zona euro coma conxunto seguiría enfrontándose a unha economía mundial máis débil debido á crise de 2007-2009. Non é un futuro moi alentador para os traballadores da periferia nin tampouco un leito de rosas para os alemáns.

A segunda alternativa é a reforma da eurozona. Hai un acordo case universal sobre o erro que foi xuntar unha política monetaria unitaria cunha política fiscal fragmentada. Tamén existe unha crítica xeneralizada ao BCE pola forma en que proporcionou abondosa liquidez aos bancos, mentres se mantiña afastado dos estados endebedados, mesmo até o punto de ignorar os ataques especulativos. Si sería posible unha serie de reformas que non desafiaran as regras básicas do Tratado de Maastricht, do Pacto de Estabilidade e Crecemento ou da Axenda de Lisboa. O obxectivo sería xerar unha interacción máis suave entre as forzas monetaria e fiscal, mantendo á vez o conservadorismo subxacente na zona euro.

Hai moi pouco en ditas reformas que poida atraer aos traballadores ou que poida ocuparse de feito dos desequilibrios estruturais dentro da eurozona. Por iso se piden reformas radicais que inclúan a abolición do Pacto de Estabilidade e Crecemento e o cambio dos estatutos do BCE para permitirlle que, de xeito habitual, poida conceder préstamos aos Estados membros. O propósito de dita reforma sería preservar a unión monetaria ao tempo que se crea un "euro bo" que sería beneficioso para os traballadores. A estratexia do "euro bo" implicaría unha expansión do orzamento europeo de maneira significativa para traspasar transferencias fiscais dos países ricos aos pobres. Habería unha estratexia activa de inversión europea para apoiar as novas áreas de actividade económica. Tamén existiría unha política de salario mínimo, reducíndose os diferenciais en competitividade e as desigualdades entre a eurozona.

Aínda que soe interesante, a estratexia do "euro bo" enfrontaríase a dous graves problemas. O primeiro é que a zona euro carece tanto dun estado unitario coma federal, e non hai expectativas de que vaia crearse un nun futuro próximo, dende logo, non co carácter progresista necesario. A maquinaria actual da zona é totalmente inapropiada para esta tarefa. A estratexia enfrontaríase a un conflito entre, por unha banda, os ambiciosos obxectivos paneuropeos e, pola outra, a ausencia de mecanismos estatais que puideran comezar a converter ditos propósitos en realidade.

A un nivel máis profundo, esta estratexia batería co suposto papel do euro como moeda internacional. Se a disciplina fiscal fora laxa entre os Estados membros, existiría o risco de que o valor do euro se esboroara nos mercados internacionais. Se isto sucedera, como pouco, as operacións internacionais dos bancos europeos volveríanse sumamente difíciles. O papel internacional do euro, que foi fundamental para o proxecto dende o principio, soportaría unha tremenda presión. Por conseguinte, non está claro que a estratexia do "euro bo" sexa compatible coa unión monetaria. Segundo este enfoque, un "euro bo" pode acabar coma "ningún euro". Os que defenden esta estratexia deberían ser conscientes das súas posibles implicacións, é dicir, conducir ao fin da unión monetaria; as esixencias institucionais, políticas e sociais débense confeccionar en consecuencia.

A terceira alternativa é unha saída da eurozona. Porén, mesmo aquí hai opcións. Hai unha "saída conservadora" cada vez máis discutida na prensa anglosaxona, cuxo obxectivo é a devaluación. Parte da presión do axuste trasladaríase á esfera internacional e as exportacións reanimaríanse. Pero tamén habería perdas para aqueles que tivesen que facer fronte a débedas no estranxeiro, incluídos os bancos. Os traballadores enfrontaríanse a un descenso dos salarios conforme aumentara o prezo dos bens comerciables. Seguramente, a devaluación iría acompañada de austeridade e liberalización, agravando a presión sobre os traballadores.

Porén, as melloras a longo prazo da produtividade ocorrerían só se as forzas do mercado comezaran a desenvolver exponencialmente máis capacidade no sector de bens comerciables, algo moi difícil para os países periféricos da eurozona, que contan cunha tecnoloxía mediocre e una salarios reais máis ben regulares. É notable o feito de que as clases dirixentes dos países periféricos son conscientes destas dificultades, así como da súa propia falta de aptitude para afrontalas.

[…]

Por conseguinte, a saída conservadora podería levar ao estancamento con devaluacións recorrentes e unha diminución dos ingresos.

Por último, hai unha "saída progresista" da zona euro, que requeriría un desprazamento do poder económico e social cara o traballo nos países periféricos. Habería unha devaluación acompañada dun cese dos pagamentos e unha reestruturación da débeda pública. Para evitar o colapso do sistema financeiro, debería producirse unha nacionalización xeneralizada da banca, creándose un sistema de bancos públicos. Tamén se deberían implantar controis sobre as contas do capital para evitar fluxos de saída do mesmo. Para protexer a produción e o emprego, por fin, sería necesario ampliar a titularidade pública a certas áreas clave da economía, incluídos os servizos públicos, o transporte e a enerxía.

De acordo con isto, sería posible desenvolver unha política industrial que combinara os recursos públicos co crédito público.

[…]

Unha política baseada na saída progresista dos países periféricos suporía uns riscos e custes evidentes. As amplas alianzas políticas necesarias para apoiar dito cambio non se dan na actualidade. Esa ausencia, por certo, non se debe necesariamente á falta de apoio popular a un xiro radical. É máis importante o feito de que, até o momento, ningunha forza política fiable en Europa se atreveu a opoñerse á austeridade. Alén das dificultades políticas, un dos principais problemas dunha saída progresista sería evitar converterse nunha autarquía nacional. A miúdo os países periféricos son pequenos e precisan manter o acceso á inversión e ao comercio internacional, sobre todo dentro de Europa, tamén precisan transferencia tecnolóxica.

Sem comentários: