10/10/2013

Nota sobre unha novela de Chinua Achebe

 
 Todo o que era sólido esvaece no ar.
Karl Marx.

Había un lume aceso na casa dos avós.
Agora ben comprendo que o lume eramos nós.
Celso E. Ferreiro.

Por recomendación da súa estupenda traductora, Saleta Fernández -que conseguiu "naturalizar" na nosa lingua todo un universo cultural aparentemente moi afastado ao noso- achegueime á novela Todo se esfarela de Chinua Achebe (Rinoceronte, 2013). E a cousa non foi en van. Xa non é que o libro sexa un retrato fiel do que implicou, na vida cotiá dos habitantes do Alto Níxer contemporáneos, o caso concreto do imperialismo europeo do século XIX senón que é tamén unha mostra, con capacidade de exercer de paradigma, do que significa, para calquera sociedade con valores distintos aos valores mercantilizados do capitalismo, o choque co conglomerado cultural e material desta outra civilización. Por iso permite asociacións co noso mundo rural para sempre perdido. Un mundo que tamén respondía a outra maneira de estar e de percibir a realidade. 
No fondo, esta novela describe, ao meu ver, o conflito inevitable entre a idea de comunidade (coas súas cousas boas e malas) e a vontade de destrución da mesma implícita na ideoloxía economicista impulsada desde Europa e espallada, hoxe, por todo o planeta. 
Os ecos de autores que me son moi queridos como Pasolini -que tamén asistiu con abraio ao proceso de desaparición da Italia anterior á "modernización" dos 60 co engado do consumismo de masas- resoaron conforme ía lendo a Achebe. O protagonista da novela, o testosterónico e brutal Okonkwo é a versión aguerrida e tráxica -no seu sentido máis clásico- dos nosos vellos aldeáns que, nos barrios das cidades, vexetan sen saberen ben que facer co seu tempo, nun entorno que emocionalmente non lles pertence, mentres maldicen tanto como arelan os vellos tempos da xuventude na dura vida da comunidade rural. Peor aínda, Okonkwo é tamén a versión heroica desoutros vellos que permanecen en soídade nas despoboadas aldeas até que un descoido nas tarefas do fogar que os seus cansos organismos xa non están en condicións de desempeñar -este lume incontrolado na cociña, aquel esvarón no chan do baño- rematan, en silencio, ca súa vida. 
Un proceso imparable, en tanto a maquinaria capitalista continúe en movemento, que non debería producir ningún tipo de sentimentalismo fátuo se, con el, emerxesen novas formas de comunidade e de sociabilidade -e non a anomia e a atomización que nos rodea-. Un proceso que hoxe, nesta Europa do sur en crise crónica, ten o seu correlato no proceso de desposesión dos comúns construídos nas últimas décadas -os dos dereitos sociais e laborais arrebatados polo Traballo ao Capital tras a Segunda guerra mundial- que só provocarán unha menor cohesión social e un primado aínda máis acentuado do sálvese quen poida.

Sem comentários: