10/04/2013

Notas sobre o concepto de Estado

Transcrición aproximada da miña exposición, en representación de Anova, no debate organizado por ECOAR arredor das cuestións “Que é o Estado? Para que serve o Estado?.”


Anova ten por un dos seus principios políticos, aprobados na súa Asemblea Constituínte celebrada na moi republicana data do 14 de xullo de 2012, o “Republicanismo”. E nos seu principios ético-políticos abunda no tema engadindo: "República. Asumimos a república como cultura civico-política e non só coma réxime político formal".
Esta aclaración do que entende Anova por republicanismo é sumamente importante. E fai que Anova se sitúe nas coordenadas dunha tradición política moi antiga. Ao analizar esta cuestión cómpre comprender ben a diferenza entre a concepción liberal do Estado e a concepción republicana. Para explicar esta dinstición vou seguir ao pensador catalán Joaquín Miras, que ten reflexionado abondo sobre o tema.
A gran diferenza entre a forma de concebir o Estado por parte da tradición liberal e a tradición republicana -desde Aristóteles pasando por Rousseau e Hegel a Marx e Gramsci- estriba en que para a tradición liberal o Estado consiste no aparato político-administrativo-burocrático e as súas institucións lexislativas, executivas, xudiciais ordenadas pola lei constitucional e separadas da sociedade civil.
Para a tradición republicana o Estado non é a lei, nin os aparatos políticos nin a actividade emanada destes senón que o Estado consiste no conxunto de principios morais dunha comunidade e as prácticas coherentes a aqueles encamiñadas a conseguir o benestar colectivo. É dicir, as institucións, como materialización positiva, son epifenómenos do ethos.
A res pública sería, logo, a actividade desenvolvida pola sociedade para deliberar e controlar o entramado cultural e organizativo que rexe a vida cotiá das persoas. E entre ese control, desde logo, é central a cuestión da fiscalización e decisión sobre os recursos económicos para que estes aseguren o benestar e a reprodución digna de toda a poboación. É dicir, a Economía política.
Cando Marx di, na Crítica ao programa de Gotha: "Esta fantasía de que con empréstitos do Estado pódese construir unha nova sociedade como se constrúe un novo ferrocarril é digna de Lassalle! (o dirixente do Partido Socialdemócrata Alemán)” está, precisamente, criticando o estatismo propio da tradición socialdemócrata (contaxiada máis tarde á tradición comunista) e a súa asunción da concepción do Estado positivista liberal como lugar no que se desenvolve a loita política e na que os representantes substitúen aos representados e o Parlamento substitúe a calquera outra fórmula de decisión política creada na sociedade.
Na concepción do Estado liberal, especialmente na súa versión decimonónica, o único importante é o recoñecemento formal dunha legalidade concebida para que o principio de propiedade privada sexa respectado. Coa incorporación doutros dereitos, gañados a pulso polas clases populares durante o século XX, as democracias liberais tiveron que incorporar, cando menos formalmente, lexislación que recollese moitas das demandas dos de abaixo; pero, en coherencia coa súa concepción do Estado como aparato político-burocrático-coercitivo, a cuestión de como se articulaban realmente na vida cotiá da persoas eses dereitos foi algo moito máis secundario (para este formalismo liberal nun exemplo recente véxase o dereito á vivenda digna que recolle o artigo 47 da Constitución española de 1978). É tamén por iso que o liberalismo separa á sociedade civil do Estado. Describe á primeira coma un espazo de liberdade privada (liberdade a respecto do Estado, claro) no que toda inxerencia por parte deste é interpretada como opresión ou totalitarismo. Podemos así entender que nas democracias liberais poidan pervivir auténticas illas de alegalidade como son as empresas nas que reina, máis ca nada, a excepcionalidade e nas que rexe o vello dereito de familia medieval, no que o pater familias (o patrón) exercía a autoridade absoluta directamente.
Tendo clara esta concepción do Estado propia da tradición republicana podemos comprender mellor por que para Gramsci é tan importante, á hora trazar unha estratexia de esquerdas, o concepto de hexemonía. A loita de clases que ten lugar na sociedade civil é central para Gramsci e para o republicanismo porque a concepción do mundo e as prácticas que o suxeito político que se pretende revolucionario vai desenvolvendo nesa instancia conforman xa Estado. Conforman o Estado alternativo ao Estado entendido como aparato burocrático e coercitivo liberal.
Tendo clara tamén esta concepción do Estado, podemos comprender moito mellor por que a esquerda, sobre todo a esquerda movimentista en maior medida que a partidaria, está a soster que máis que da contradición entre o Privado e o Público Estatal cómpre falar da contradición entre estes e o Común. E é que só desde unha concepción similar á socialdemócrata, é dicir, asumindo a concepción do Estado liberal, pódese crer que limitar a acción política a ese aparato burocrático é suficiente para facer mudanzas que vaian á raíz dos problemas. Por contra, a teorización do Común concibe o Estado de xeito similar á do republicanismo clásico xa que, coma este, entende que a actividade da xente que desenvolve unha nova concepción do mundo e unha nova praxe que realiza esa concepción é a que pode encarnar unha verdadeira alternativa ao Estado capitalista.
Nos Principios ético-políticos de Anova dise:

12. "Un movemento político. Non abonda con formular propostas e respostas alternativas ao sistema político imperante, é preciso xerar redes e relacións sociais coherentes coas respostas que estamos a propor. Un movemento verdadeiramente transformador e emancipador que debe anticiparse ás institucións políticas convencionais, xerando, apoiando e asesorando proxectos emancipadores e alternativos ao sistema actual."

Este punto, como se puido ver, é totalmente coherente coa concepción do Estado republicana que vimos de expór. Anova xa ten isto claro a nivel formal. Pero como Anova non é unha forza liberal, sabe perfectamente que co recoñecemento formal das cousas non abonda. É necesaria a práctica concreta e cotiá para xerar unha eticidade alternativa, un novo Estado, digno de tal nome. Dedicar os mesmos esforzos que se dedican á vida institucional a “xerar redes e relacións sociais coherentes coas respostas que se propoñen” é un traballo que Anova aínda ten pendente.

Sem comentários: