9/30/2013

Elecións portuguesas e revolución pasiva

Resultados das autárquicas en Portugal que volven deixar un deses escenarios nos que a dereita se desgasta electoralmente pero no que a esquerda non recolle os froitos (ou recolle, como no caso da CDU, menos froitos dos que se esperarían dada a gravidade da situación dos veciños do sur).
Destes resultados agridoces, e malia que cómpra ser prudentes nas extrapolacións ao atopármonos ante unhas eleccións locais, un ve un aviso a navegantes. E este aviso consiste na alta probabilidade existente de que a saída á crise política consecuencia da crise económica que está a agromar nos países do sur de Europa remate naquilo que Gramsci chamaba "revolución pasiva" -ou  revolución/restauración- e que se basea na capacidade das clases dominantes para asumir e liderar algunhas demandas dos estratos descontentos, edulcoradas e resemantizadas, para desprover de toda carga revolucionaria á insatisfacción co existente.
O recén electo alcalde do Porto, o "independente" Rui Moreira, coa súa promesa da noite eleitoral de "romper co actual estado de coisas" e a súa afirmación de que, malia "não estar contra os partidos", si pensa que "os partidos não têm estado bem" é unha boa mostra de como a frustración e o cansanzo da xente pode ser redirixido por aqueles que, en realidade, queren que todo siga igual. Noutro lugar xeográfico, o mesmo sentido podemos darlle á recente demisión dos ministros berlusconianos do goberno italiano coa excusa dunha suba de impostos motivada polas dificultades de finanzamento dese país. Aquí, a retórica contra un aumento do IVE nun país esganado, coma todo o sur de Europa, pola tiranía da eurozona é a máscara que tapa unha pura chantaxe que só procura a inmunidade xudicial para Berlusconi.
A sorte de esperanza que sempre depositamos nos comicios electorais parten da crenza totalmente infundada de que unha sociedade pode pasar dun estado ideolóxico-cultural e material a outro dun plumazo. Porén, é imposible que unha sociedade que vén de décadas de esmagante hexemonía neoliberal e dunha derrota histórica do movemento obreiro, poida votar en masa, un bo día, e sen que polo medio houbese ningún tipo de mudanza na forma de experimentar a vida cotiá e nas expectativas desa sociedade, a partidos xestores do existente e, ao seguinte día, a partidos que lle propoñen un cambio radical do que hoxe se ten por acorde ao sentido común. Ese é o erro reiterado da esquerda que o fía todo á acción institucional e aos resultados electorais sen facer o outro traballo; o traballo na sociedade civil que faga emerxer, previamente, o novo sentido común da sociedade; a súa idea do posible e do imposible; a "orde nova" que se está a propór desde as tribunas institucionais e desde os actos electorais e que en realidade debería estar xa vixente, nunha institucionalidade alternativa fundada e respectada por un "pobo de esquerdas autónomo", con anterioridade a esperar grandes cambios electorais. E isto aféctalle, obviamente, a AGE (ou a Anova e a Eu, ou ao BNG) se pensan(mos) que os cambios sociais profundos van vir un bo día dun resultado electoral máis ou menos positivo. Paradoxalmente, este "mecanicismo electoral" ten certas similitudes co mecanicismo do materialismo dialéctico que cría que a revolución era unha cuestión de necesidade histórica e non un episodio continxente e dependente, en último caso, dun suxeito político colectivo que a encarne. O primeiro mecanicismo pensa que o electorado premiará a quen lle ofreza, en abstracto e case como unha cuestión de fe, algo radicalmente distinto ao existente. O segundo mecanicismo pensa que o puro empeoramento das condicións de vida material asegura, sen máis, a chegada do momento revolucionario.
Con certeza, o ser humano é moito máis complexo, e seguramente moito máis racional, que todo isto. Se cadra é por iso que o descontento co existente se reflicte, a nivel electoral, e mentres non calla de todo o axente ou axentes políticos que encarnarán a revolución pasiva, cunha abstención enorme.

Sem comentários: