7/25/2013

Non deamos nada por sentado


Podería parecer razoable, desde o punto de vista de quen pasa todo o ano comprometido cos valores solidarios e denunciando os múltiples problemas que esta nosa sociedade na que os valores mercantís priman sobre calquera outro tipo de lóxica, reaccionar con indignación e mesmo con cinismo á avalancha de bos sentimentos, xestos empáticos, accións simbólicas e declaracións benintencionadas que nos inundan neste negro día nacional de Galiza no que centos de persoas feridas e máis de setenta persoas mortas volveron, coa súa descougante materialidade, situarnos no lugar que nos corresponde, e no que tantas veces esquecemos estar, a causa da segunda natureza cultural e tecnolóxica na que se desenvolve a nosa vida: o lugar dunha criatura estremadamente débil e suxeita á intemperie e aos vaivéns da fortuna. E máis razoable podería semellar, neste tempo no que asistimos a diario ao desmantelamento do marco legal que, mal que ben, contribuía a que en tantos outros casos tráxicos relacionados coa inequidade socioeconómica e coas consecuencias que esta ten en todos os ámbitos da vida, a reacción de pasividade do groso da poboación clama ao ceo. Porén, como tantas veces levo feito neste blog para outras coxunturas, penso que, desde un punto de vista político, cómpre resaltar tamén, neste caso, o significado de todo o que vén sucedendo desde que a máquina do Alvia envorcou e se estomballou contra un muro deixando en tanta xente un estado shock físico ou psicolóxico imborrable. E por político non falo de causas, neglixencias ou despropósitos que se poidan vencellar ao caso do accidente do tren, á súa utilización nos media ou ao comportamento das institucións -cuestións que, naturalmente, haberá que investigar e depurar- senón que me refiro ao caracter totalmente político, como sabemos desde que nolo ensinara Antonio Gramsci, que ten o chamado "sentido común", isto é, os valores hexemónicos nunha sociedade dada. E por máis que isto poida parecer pouca cousa, cómpre non dar nada por sentado. Neste país de moi recentes desertores do arado no que por veces semella que todo ese pouso de valores comunitarios e solidarios desaparecesen como se nunca tivesen existido é unha cuestión política de primeira orde saber que aquela mutación que tanto preocupaba a Pasolini nos valores das clases populares aínda non se levou a cabo totalmente. E aínda é máis importante se temos en conta que vimos dun ciclo histórico dominado culturalmente polo neoliberalismo e a súa aversión á idea de sociedade e o seu canto ao individualismo egoísta. Que o primeiro impulso dos veciños do lugar do sinistro fóse socorrer ás vítimas lixando as súas mans co sangue dun estraño, que tantos profisionais sanitarios se prestasen a traballar arreo para dar os primeiros auxilios, que houbese bombeiros que renunciasen a continuar cunha folga para colaborar nas tarefas de excarcelación, que houbese un completo colapso popular dos puntos de doazón de sangue e que tanta xente seguise todo a través das redes sociais cunha implicación emocional sincera podería parecer que forma parte da paisaxe normal. Que non hai nada de relevante no feito de que as persoas reaccionen así ante unha catástrofe como esta. E porén, eu creo que non debemos dar nada por sentado. Cando tratamos de pensar friamente cal é o chan (porque eu teño asumido que nesta cuestión partimos do chan) a partir do que debe volver xurdir ese suxeito político que volva pór a andar, como realidade organizada para a transformación, os vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade, esta cuestión, a cuestión de cal é o sentido común da nosa sociedade nun contexto de percepción xeralizada de emerxencia, non é algo menor, nin algo que se deba dar por descontado sen facer reflexión algunha do mesmo.

7 comentários:

Unknown disse...

Polo menos a nivel mediático, por sentado non se deu nada. O altruísmo da xente de Angrois deu para horas e horas nos noticiarios. Penso que foi un acto moi humano, e non o digo no sentido humanitario (que tamén). Véxoo como unha representación do que é un ser humano, propiamente: foi un acto instintivo cargado do que en teoría o distingue do animal: a solidariedade.

O Fuco disse...

Si, estou de acordo. Mediaticamente resaltouse todo isto. O meu artigo pretendía ser unha pequena reflexión sociolóxica feita desde unha visión política de esquerdas. E é que aínda que a solidariedade humana pareza estar implícita, podería suceder que as cousas fosen doutra maneira. De feito, se pensamos no tipo de valores co que nos bombardean a diario, cousas com o comportamento dos veciños de Angrois son unha mostra do fracaso dese tipo de mensaxes xa que, malia todo, o altruísmo e a preocupación polo outro segue vivo. O cal non é pouca cousa.

Unknown disse...

Concordo. Agora xa só nos falta suprimir o diñeiro como forma principal de intercambio de bens e servizos, pero é un comezo.

Willy S. disse...

Quizais un dos logros do sistema consiste en ter relegados ese "vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade" ás situacións de emerxencia, a momentos de excepción que sacuden á xente puntualmente pero que non perturban o transcurrir ordinario da vida cotiá.

O certo é que si estamos a vivir nalgunha clase de estado de excepción permanente, e os vellos valores emancipatorios dos que fala non parecen ser o chan sobre o que camiñamos, senón unha especie de recurso final cando todo se desbarata.

Gran (e necesario) post.

Willy S. disse...

Quizais un dos logros do sistema consiste en ter relegados ese "vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade" ás situacións de emerxencia, a momentos de excepción que sacuden á xente puntualmente pero que non perturban o transcurrir ordinario da vida cotiá.

O certo é que si estamos a vivir nalgunha clase de estado de excepción permanente, e os vellos valores emancipatorios dos que fala non parecen ser o chan sobre o que camiñamos, senón unha especie de recurso final cando todo se desbarata.

Gran (e necesario) post.

Willy S. disse...

Gran (e necesario) post.

Eu creo que "os vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade" xa só parecen o recurso final en situacións puntuais dentro do estado de excepción no que, de facto, xa estamos a vivir.

Sacar estes valores do seu uso exclusivo en momentos de catástrofe e devolvelos ao curso ordinario da vida cotiá debería ser o eixe central da labor política, pero semella que estamos xusto na situación contraria.

Un saúdo!

O Fuco disse...

Si, é certo que estes valores só parecen emerxer en situacións moi estremas. A tarefa pendiente é conseguir que imperen tamén nos procesos construtivos desa vida cotiá distinta da que nos reservan, e pola que arelamos. Apertas.