5/06/2013

Dominó


Transcrición da miña sétima (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Poderase escoitar aquí (a partir do min. 8`34``). Música de fondo : New Coat de Come.

Que facían os vellos nas ruídosas timbas de dominó das tascas entre partida e partida? Darlle a volta a todas as fichas enriba da mesa, remover ben e iniciar un novo reparto para unha nova contenda. Nun momento semellante a ese un fundido en negro entre secuencia e secuencia no que o escuro revés de todas as fichas se dispoñen de xeito caótico á vista de todos é no que nós estamos agora a todos os niveis.

Antes de entrarmos neste limbo a doxa oficial aseguraba que viviamos na era da fin das grandes narracións. Ao tempo, unha única narración de dimensións xigantescas ocupaba todo o espazo do políticamente posible. Baixo esa narración, que auguraba a extensión da opulencia a todos os recantos do planeta a base de dar renda solta aos mercados e á súa lóxica os grandes organismos como a OTAN, a OMC ou o FMI construíron un mundo unipolar e unidimensional que baseaba o seu funcionamento nun sistema de crecemento piramidal.

Baixo esa gran narración o Estado Español tentou homologarse aos países ao norte dos Pirineos entregándose a un europeísmo paifoco que só un territorio en permanente terapia psicanalítica coma este e cunha intelectualidade que tan pouca xustiza fai a ese nome podería asumir de xeito tan acrítico. Esa sorte de Cuéntame como pasó –segundo o cal manterse na estreita liña dos "grandes consensos", sempre ameazada polos estremos, aseguraba un progresivo benestar e unha progresiva modenización é o que agora rematou.

Durante as últimas décadas, o PSOE identificouse coma ningún outro partido do estado con esa idea de consenso permanente con final feliz. De aí que hoxe sexa ese partido o gran damnificado polo ocaso cultural do neoliberalismo, pola aplicación ao paciente das inxección de cabalo sen anestesia e sen palabras tranquilizadoras ningunhas que o convenzan de que ha saír do quirófano mellor do que entrou. De aí tamén, que os chamamentos aos máis variopintos pactos de Estado que cada poucos días lanza Rubalcaba ao Partido Popular pasen, para a cidadanía outrora afecta ao PSOE, sen pena nin gloria.

Dos resultados do último barómetro do CIS do mes de abril podemos sacar, como mínimo, un par de conclusións. A primeira é que o PSOE é unha metonimia do Reino de España. Se o electorado do PP é un bloque pétreo de lentas e sempre suaves reaccións ao entorno, o do PSOE é o termómetro de precisión do clima social xeral. O esboroamento do voto socialista é a proba de que as grandes narracións que mantiñan a cohesión ideolóxica xa non funcionan. O que acabe sucedendo nese partido será un adianto do que acabe sucedendo en todo o Estado Español. Se o PSOE –como tal ou cando menos o que representa sobrevive, poderemos dicir que o transformismo volveu trunfar como na Transición e as elites actuais terán conseguido darlle unha patada á pelota para adiante mediante unha nova narración de certa verosimilitude. Se o PSOE continúa a súa decadencia ábrese a posibilidade de que a partida do dominó na política partidaria sexa radicalmente diferente á de agora. Diferente e aberta. Non necesariamente mellor pero tampouco necesariamente peor.

A segunda conclusión é que, malia que a polémica mediática se situou arredor de se o CIS preguntaría ou non pola monarquía –institución, por certo, que vive o seu propio fundido en negro a verdadeira clave de bóveda do que está a suceder e do que se poida ou non facer no futuro en canto á aplicación de políticas alternativas radica no que aconteza coa Unión Europea. Se cadra por iso non aparece en todo o barómetro pregunta ningunha sobre a pertinencia de permanecer ou non na UE ou sobre a necesidade de recuperar a emisión de moeda para que a devaluación poida ser monetaria en lugar de social. Que este debate non constitúa o cerne do CIS é bastante comprensible. Que tampouco apareza coa entidade que merece no seo dunha esquerda medosa de falar claro á cidadanía sobre o papel da Unión Europea é bastante máis preocupante.

Sem comentários: