4/01/2013

Unha foto é unha foto é unha foto


"Unha rosa é unha rosa é unha rosa", escribira Gertrude Stein querendo sinalar a potencia evocadora dunha palabra que, por si soa, traía consigo todo un mundo de ideas e sensacións táctiles, olorosas e visibles. 
Unha foto é unha foto é unha foto foi toda a explicación dada por Alberto Núñez Feijóo —ante o escándalo destapado polos xornalistas de El País Xosé Hermida e Elisa Lois— como se ese arrebato de McLuhanismo, no que o medio é toda a mensaxe, xa abondase.
Pero se algo ten a fotografía, a diferenza doutros modos de reproducir imaxes, é a extraordinaria fidelidade que existe entre a realidade e o que a fotografía reflicte. 
E é que se unha fotografía mostra ao actual Presidente da Xunta tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante é moi, moi probable que o actual presidente da Xunta estivese, efectivamente, tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante. E poderemos dar mil voltas sobre a casuística que levou a que o actual presidente da Xunta estivese tomando o sol nun barquiño cun narcotraficante; aquí, Feijóo, non debería esquecer a Gertrude Stein —a poeta— e como esta nos ensinou que as palabras non son meros significantes illados no tempo e no espazo senón que están unidas por millóns de fíos invisibles a unha chea de sensacións e ideas que se disparan, de igual xeito que a rolla dunha botella de champán, nun imparable torrente proustiano de evocacións. Así, se as palabras "Presidente da Xunta" traen —ou deberían traer consigo unha certa idea de servizo público, honradez, responsabilidade, ética, etc., a palabra "Narcotraficante" trae á mente outra chea de ideas e sensacións que dificilmente casan con aquelas que emerxen ao pensarmos na que pasa por ser a principal autoridade deste país. E debería entender Alberto Núñez Feijóo que necesitemos unha explicación algo máis detallada a ser posible en sede parlamentaria e retransmitida en directo polos medios públicos que disque aínda temos que o de "unha foto é unha foto é unha foto". Porque non podemos deixar de abraiarnos ao vermos, nunha mesma imaxe, a promiscua convivencia de dous universos semánticos tan afastados como son o de "Presidente da Xunta" e o de "Narcotraficante".

Sem comentários: