3/27/2013

Esquerda partidaria en Galiza. Un escenario aberto


A seguinte é a versión en galego dun artigo escrito a requerimento do xornal Diagonal e publicado na súa edición en papel da segunda quincena deste mes.

Na camapaña das eleccións autonómicas de 2012 Xosé Manuel Beiras, o histórico dirixente do nacionalismo galego, citaba unha e outra vez ao Castelao da Fronte Popular para xustificar a coalición que Anova —organización nacionalista de esquerdas formada polos exBNG Encontro Irmandiño e outras forzas como a independentista e comunista FPG ou Movemento pola Base— viña de selar coas franquicias galegas de Izquierda Unida e Equo así como co pequeno grupo Espazo Ecosocialista. Aludía Beiras, fronte aqueles que consideraban a aposta pola transversalidade identitaria unha deriva perigosa, á situación de excepcionalidade provocada polo novo fascismo financeiro que, a diferenza do dos anos trinta, non precisa de desfiles de masas e histrións con casaco militar para manter aos pobos subxugados senón que lle basta o control da moeda e o movemento irrestricto de capitais.
200.000 votos e a posibilidade futura de desputar ao PSdG-PSOE  o posto de principal partido da oposición parecen un  bo indicativo de que a aposta, por máis arriscada que parecese nos círculos políticos nacionalistas, foi moi ben comprendida e refrendada eleitoralmente por unha cidadanía agredida que decidiu premiar a unión de forzas ante o que consideraba un inimigo común.
E porén, non está nada claro cal pode ser a continuidade desta coalición. Se o sentido común chamaría a reeditala (se é ampliada mellor que mellor) a outras escalas territoriais como poida ser a municipal, o certo é que Anova, que celebrará a súa primeira Asemblea Nacional en xuño, aínda non se posicionou claramente, alén dalgunha que outra declaración individual, sobre o futuro da mesma. Así, a día de hoxe, pode dicirse que dentro de Anova coexisten, de maneira máis ou menos explícita, dúas visións sobre este asunto. A de aqueles que apostan por seguir explorando a vía da cooperación con forzas da esquerda estatal sempre que, desde esta, se recoñeza a realidade nacional do pobo galego e o seu carácter de suxeito político (ao cal no axudaron, certamente, as recentes declaracións de Cayo Lara nas que consideraba que na cuestión do dereito a decidir catalán tamén se debía escoitar o que ten que dicir "o resto de España") e os que seguen cun ollo posto no BNG, que celebrou a súa Asamblea Nacional  este 17 de marzo cunha renovación importante da súa executiva e coa emerxencia na mesma dalgunhas caras que poden tender pontes de diálogo con Anova.
No Parlamento galego os nove deputados da Alternativa Galega de Esquerdas están a traballar coma un grupo cohesionado e a súa presenza no mesmo supuxo a entrada dunha corrente de vento fresco que forzou ao BNG a adoptar algunhas maneiras menos domesticadas das que viña utilizando  nesa institución. Pero mentres isto sucede n´O Hórreo a recomposición de todo o mapa da esquerda partidaria galega fai que o futuro das distintas organizacións e as súas estratexias estean no aire.
Polo que respecta a Anova estase vivindo no seu interior a pugna non só pola política de alianzas senón tamén a pugna polo modelo de organización que se quere para o futuro. Así, se moitos dos militantes máis activos apostan por un modelo de partido-movemento, cunha maior participación das bases, menos rixidez xerárquica, liderados compartidos, vontade de experimentación política e relevo xeracional; outra parte da organización móstrase máis cauta á hora de probar novas fórmulas organizativas e máis en liña coas vellas formas da política partidaria institucionalizada. O posicionamiento público de Xosé Manuel Beiras, por paradoxal e incluso incoherente que resulte nunha organización que fai bandeira do horizontalismo, será decisivo á hora de aclarar se Anova será ese partido da esquerda soberanista para os próximos 25 anos que o propio Beiras dixo desexar ou se esta non pasará de ser un estadio pasaxeiro para un regreso, coma fillo pródigo, á nave nodriza do BNG, xa sexa mantendo esa marca ou con outra que no futuro se poida acuñar.
Esquerda Unida, que celebrará Asamblea Nacional en abril, xa fixo pública a vontade da súa dirección de profundizar a relación con Anova arredor da coalición AGE, algo lóxico nun partido que até este momento apenas tiña presenza institucional en Galiza. Porén, entre os retos desta organización para que AGE poida ser un proxecto con futuro está conformarse como partido nacional galego, acadando unha autonomía orgánica que hoxe aínda non ten a respecto da estrutura federal de Izquierda Unida e asumindo sen medias tintas o dereito de autodeterminación dos pobos.
En canto ao BNG é obvio que a aparición de AGE está a condicionar toda a súa acción. Desde a postulación de Xavier Vence —persoa moi crítica, por exemplo, co proceso de fusión das caixas de aforros que o BNG avalou no seu momento ao cargo de Portavoz Nacional, á reconsideración, polo menos retórica, da súa relación con movimientos sociais coma o 15M, até o de agora considerados polo Bloque pouco menos que coma metástasis españolistas e falsamente revolucionarios;  a asunción de certos prantexamentos que enarbolaba o Encontro Irmandiño cando aínda estaba integrado no BNG son indicativos de que, aínda que sexa de maneira implícita, estanse a recoñecer algúns erros. Pero ao tempo que isto sucede, a posible entrada no BNG dalgunhas forzas minoritarias independentistas coma Nós-UP  e parte do que foi Causa Galiza, ambas moi críticas con calquera tipo de colaboración con EU, parecen presaxiar o posible enroque do BNG nun soberanismo ensimismado —que xa está a provocar friccións entre aqueles que desde dentro do BNG observan esta estratexia coma o camiño máis curto á irrelevancia política  e pouco proclive a unha política de alianzas amplas co resto da esquerda. 
Tempo pois de impass o que se respira na esquerda partidaria galega nunha conxuntura política na que a excepcionalidade que Beiras describía na campaña electoral de 2012 non só segue vixente senón que probablemente se agudizará conforme o estado de putrefacción do réximen da segunda restauración borbónica siga avanzando e as exixencias da Troika continúen esganando aos pobos de Europa.

Sem comentários: