4/02/2013

Todos somos negros


Transcrición da miña sexta (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Poderase escoitar aquí (a partir do min. 0`00``). Música de fondo :Journey in Satchidananda de Alice Coltrane.

Hai tempo escoitelle ao cómico Javier Cansado algo así como que el non lía ningún libro ao que non lle tivesen pasado por riba algúns aniños. Un xeito de garantir que só se perderá enerxía lendo aquilo con capacidade de trascender o meigallo da novidade e de sobrevivir á conxuntura do presente. 

Como un fai algo semellante cos produtos televisivos, aínda estiven vendo estes días a primeira temporada de The Wire, a trama policial ambientada na cidade de Baltimore que, a dicir do seu director David Simon, tenta mostrar como "o capitalismo salvaxe e sen freos despreza aos seres humanos". 

Asistindo como espectador ao día a día da barriada afroamericana que só atopa no tráfico de drogas un xeito de integración e de ascensor social, veume á cabeza, aínda que pareza paradoxal, aquel artigo 14 da Constitución de Haiti de 1805 que proclamaba: "Todos os cidadáns, de aquí diante, serán coñecidos pola denominación xenérica de negros". 

A máxima haitiana recoñecía a cidadanía universal a base obviar os mil matices de pel e de identificar ao todo coa parte máis excluída. Na nosa época de contrarrevolución, imitar o xesto haitiano non redundará nun maior recoñecemento de dereitos pero polo menos axudará a tomar consciencia de cal é o lugar do que partimos. A ver se me explico.

Cando un ve The Wire, ten a impresión de que o modelo Baltimore, que o xeógrafo marxista David Harvey, concidadán tamén dese lugar, ten analizado nalgún dos seus libros, pode estar máis preto de nós do que pensamos. Baltimore, di Harvey, ten unhas "corenta mil casas baleiras" pero "as concentracións de persoas sen fogar, a existencia de desemprego e de pobres empregados é evidente en todas partes. As fileiras nas cociñas económicas fanse cada vez máis longas e os centros de beneficencia de moitas igrexas están sobresaturados.As desigualdades medran a pasos axigantados. Os masivos recursos educativos da cidade están vetados para os nenos que viven alí. Os colexios públicos están nun estado lamentable. A pobreza crónica e todo tipo de signos de dificultades sociais reinan á sombra dalgunhas das mellores institucións médicas e de saúde pública do mundo, que son inaccesibles para as poboacións locais." Acaso non comezan a ser todas estas cousas familiares nesta nosa Europa do sur que pouco a pouco se vai desenganchando da utopía de benestar e capitalismo domésticado que quería ser a Unión Europea? 

Pero, ademais destas condicións materiais, temos algo máis en común co Baltimore de David Harvey e de The Wire que tamén traballa a favor da consigna "Todos somos negros": hoxe que en Europa o movemento obreiro é unha caricatura do que foi, as maiorías sociais nosas teñen tan extirpadas como as clases populares norteamericanas a cultura de esquerda e as ferramentas ideolóxicas e organizativas propias daquela. Tamén neste aspecto estamos xa igualados co centro do imperio. 

En coherencia con isto, se cadra, non estaría mal revisitar, como recordou Rebeca Baceiredo recentemente, as maneiras dun movemento que tratou de ofrecer unha estratexia viable nese contexto: os Black Panthers. Se un procura na rede o nome de Emery Douglas, o seu Ministro de Cultura, vai atopar unha obra gráfica que o introducirá de xeito rápido e ameno nas cuestións a que dedicaban os seus esforzos os Panteiras Negras dentro das comunidades negras estadounidenses: crear programas de educación, de alimentación e de saúde accesibles ás clases populares. Isto é, programas encamiñados a articular unha sociedade completamente alienada e a dotarlle do Estado do Benestar que as institucións lle negaban. 

Esta é unha estratexia lóxica para quen queira crear conciencia política onde non a hai. É a estratexia seguida tanto polo chavismo como pola estrema dereita grega, dous movementos antagónicos mais con igual vontade de seren masivos. Se o tempo verifica que ese "capitalismo salvaxe e sen freos no que se despreza aos seres humanos", do que falaba David Simon, chegou aquí para ficar, a nosa esquerda patria mellor faría en ir considerando a posibilidade de aplicala.

Sem comentários: