11/28/2012

Textos escollidos para ler o presente (IX)


Este texto é un extracto do informe que, baixo o título A ofensiva do fascismo e as tarefas da Internacional na loita pola unidade da clase obreira contra o fascismo, presentou Georgi Dimitrov no VII Congreso Mundial da Internacional Comunista o 2 de agosto de 1935. 
Mudando todo o que haxa que mudar é innegable a actualidade do texto. E especialmente lúcido, polo extrapolable ao presente, é o recoñecemento do número moi maioritario de persoas que, vivindo o momento en que se escribiu o texto coma un tempo de intensa politización e mobilización, non se encontraban incardinadas dentro de ningunha estrutura organizativa previa (de feito esta realidade é hoxe máis sangrante que naquel momento no que aínda existían auténticos partidos de masas). Así mesmo, é de actualidade a asunción de que a profundización da unidade de acción a través da creación de estruturas conxuntas, alén dos simples comités de enlace, suporía un instrumento perfecto para converter esa politización maioritaria non organizada nalgo moito máis eficaz; unha estratexia moito máis útil que dedicarse a actuar só en clave de minifundio partidario.
 
Porén, sería insuficiente contentarse con selar un pacto sobre accións conxuntas e con crear comités de enlace entre os partidos e as organizacións enroladas na fronte única, que é, por exemplo, o que sucede en Francia. Isto non é máis ca o primeiro paso. Os pactos son medios auxiliares para a realización de accións conxuntas, pero non son aínda, por si mesmos, a fronte única. Os comités de enlace entre as direccións dos partidos comunistas e socialistas son necesarios para facilitar a realización de accións conxuntas, pero están moi lonxe de bastar por si sós para o despregue efectivo da fronte única, para conducir ás extensas masas á loita contra o fascismo.

Os comunistas e todos os obreiros revolucionarios deben esforzarse por crear órganos de clase da fronte única á marxe dos partidos elixidos; nas empresas, entre os desocupados, nos barrios obreiros, entre a xente modesta da cidade e do campo. Só estes órganos poden chegar, mediante o movemento de fronte única, até as enormes masas non organizadas dos traballadores, poden contribuír a desenvolver a iniciativa das masas na loita contra a ofensiva do capital, contra o fascismo e a reacción, a crear sobre esta base o extenso corpo de activistas obreiros da fronte única, que é indispensable, e a formar nos países capitalistas centos e miles de bolcheviques sen partido.

As accións conxuntas dos obreiros organizados son o comezo, son a base. Pero non podemos perder de vista que a aplastante maioría dos obreiros, constitúena as masas non organizadas. Así, en Francia, o total dos obreiros organizados, comunistas, socialistas e afiliados aos sindicatos de distintas tendencias, é no total aproximadamente dun millón e o censo total de obreiros ascende a once millóns. En Inglaterra, pertencen aos sindicatos e aos partidos de todas as tendencias, uns cinco millóns; pero o censo total de obreiros é de catorce millóns. Nos Estados Unidos de América, hai aproximadamente cinco millóns de obreiros organizados, pero o censo total dos obreiros de Norteamérica é de trinta e oito millóns. E a mesma relación existe máis ou menos na outra serie de países. En tempos "normais" esta masa permanece substancialmente á marxe da vida política. Pero na actualidade, esta masa xigantesca ponse cada vez máis en movemento, incorpórase á vida política, sae á palestra política.

A creación de órganos de clase á marxe dos partidos é a mellor forma de realizar, ampliar e fortalecer a fronte única na mesma base das amplas masas. Estes órganos serán tamén o mellor baluarte contra todas as tentativas dos adversarios da fronte única para rachar a unidade de acción lograda pola clase obreira.

2 comentários:

LupeCes disse...

Grazas David por este texto. sinto-me moi identificada com esses esforços pola unidade, por isso também me sinto entristecida porque aqueles esforços dos anos trinta nom pararom ao fascismo, fracasarom. E nós? Que será de nós?
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com.es/

O Fuco disse...

Grazas a ti polo comentario e por todo o traballo que fas.
Salvo no caso ibérico o fascismo finalmente parouse (en boa medida fíxose grazas ao país de Dimitrov) e o período histórico de benestar en Europa que lle seguiu foi fillo desa cultura antifascista.
A debilidade da esquerda de hoxe é tan grande, e os seus regates tan curtos e mesquiños, que ou moito cambia a cousa ou creo que este novo fascismo financeiro vainos esmagar coma chinches.