11/15/2012

Modernizar a folga


Seica a CEOE di que hai que "modernizar" a lei de folga porque isto das folgas é cousa do franquismo. Despois de anos de lavado de cerebro a base de mito da Transición, segundo o cal o que aquí hai de democracia foi froito unicamente do pacto entre as vellas e as futuras élites (traición histórica do PCE mediante) e no que se esqueceu deliberadamente o papel que a mobilización popular, sobre todo en forma de grandes folgas obreiras, tivo en todo aquel proceso histórico, hoxe pódese soltar isto sen que ao provocador de quenda lle caia unha chuvia de tomates na cabeza.
E porén, algo está a mudar. A narración consensual vai, cada vez máis, por un lado e a dinámica social por outro. A disparidade ridícula entre o reconto de manifestantes por parte das institucións e o número real de xente mobilizada indica que neste momento os aparatos de estado e a xente do común circulan por universos paralelos. As imaxes de ciencia ficción que mostran os medios de comunicación consensuais conseguen, cada vez menos, distorsionar o que a xente ve cos seus propios ollos. A hiperrealidade de Baudrillard esfarélase como arxila mollada ante a chuvia de alfinetes de 140 caracteres que inundan as redes sociais ca súa inmediatez pedestre de información bruta, non tratada.
Pero en algo ten razón a CEOE. Con certeza que hai que modernizar, esta vez sen aspas, o artefacto de resistencia popular que é a folga de xeito que, cada vez máis, este sexa un mecanismo de mobilización xeral en todas as dimensións da vida, de apropiación absoluta do espazo urbano, de parálise completa da reprodución social e non só unha extensión do conflito corporativo entre a empresa e os traballadores nun contexto no que o paro e a precariedade son estruturais. Esa é a modernización pendiente. Pero que sen dúbida xa está en marcha.

Sem comentários: