12/03/2012

O vello e o novo


Transcrición da miña terceira (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 6`00``). Música de fondo: Young hearts spark fire de Japandroids.
 
O vello e o novo. Nun capítulo de Mad Men, a serie sobre o mundo da publicidade nos Estados Unidos dos sesenta, hai unha conversa gloriosa entre Cooper, o máis ancián dos socios da axencia, e Don Draper, o apolíneo e talentoso protagonista, a respecto de recomprar a axencia aos outros accionistas maioritarios e comezar desde cero un novo proxecto pola súa conta. Cooper, cargado de prudencia e autoritas, advírtelle a Draper: "os novos arriscades porque non imaxinades as consecuencias". Todo parece indicar que neste momento o Axioma-Cooper vai a misa.
O PSOE, en plena deriva e sufrindo descalabro electoral tras descalabro, celebra o trinta aniversario da chegada á presidencia do goberno de Felipe González. E faino cun aquel de nostalxia polos tempos doces nos que o partido socialista pasaba de ser a forza emerxente da democracia á organización central da vida política española. Ao mesmo tempo, José María Aznar concede unha entrevista na que identifica aos políticos coma un problema (si, Aznar, igual que Franco, non se considera un político) e na que diserta sobre a situación política estatal coa seguridade autosuficiente e a distancia olímpica dun narrador omnisciente. Este duelo de titáns vintage dase nun contexto no que Metroscopia, a empresa de sondaxes, titula unha enquisa, que reflicte o devalo do bipartidismo e dos seus mediocres cabezas visibles actuais, do seguinte xeito: "Os líderes evapóranse no peor momento". A historia repítese sempre como farsa e se estes dous personaxes van ser os que salven ao "turnismo" de Rubalcaba e Rajoy do camiño descedente polo que transita, máis que a unha película asistiremos a unha sorte remake cutre; algo así como a distancia que media entre o Alien de Rydley Scott e Alien versus Predator, a precuela charramangueira creada a base da  recombinación simplificada de dous monstros xa existentes.
Polo que toca á esquerda española Julio Anguita anda a liderar unha Fronte Cívica cuxa concretización e eficacia política aínda non se coñece e no que atinxe á esquerda galega Xosé Manuel Beiras é o gran valor en alza. Un valor do que coñecemos a súa disposición para reconstruír as pontes entre os movementos sociais e as institucións pero do que aínda non coñecemos a súa disposición para construír unha ponte mediante a cal as novas xeracións tomen as rendas dunha organización que segue nas mans das caras de sempre.
Nas últimas eleccións catalanas a gran sopresa foi a entrada no parlamento das CUP, unha formación que refuga dos partidos políticos tradicionais e cunha media de idade entre os seus candidatos certamente baixa. Coas CUP semella que moita da enerxía xerada polos movementos sociais xuvenís dos últimos anos está conseguindo verse catalizada no plano político a través dunha formación de longa traxectoria subterránea pero non capitaneada por políticos da Transición, xa fosen políticos do réxime saído da Constitución do 78 ou políticos que se opuxeran a ese réxime.
A Don Draper, que remata a conversa con Cooper espetándolle: "e os vellos construídes tumbas de ouro e sepultádesnos a todos con vós" seguro que lle gustarían as CUP aínda que só fose pola súa capacidade para conseguir tanto o abandono do paternalismo por parte dos vellos cadros como para propiciar que os novos deixen a Peter Pan na casa e asuman algún risco.

Sem comentários: