11/07/2012

As pequenas alegrías


Obama gañou as eleccións estadounidenses e o matriomonio gay foi, contra a opinión do Partido Popular, recoñecido polo Tribunal Constitucional. Dúas novas políticas de actualidade das que hai que alegrarse. A alegría pola primeira débese ao feito de que nun país coa capacidade de dictar en todo o mundo cal é o paradigma do "normal hexemónico", como son os Estados Unidos, unha persoa negra conseguise revalidar o mandato. A alegría pola segunda débese a que o modelo de parella non heterosexual adquiriu xa, de xeito indiscutible, o seu recoñecemento legal formal no ámbito do Estado Español. Ambas cuestións, a dos dereitos civís dos negros e dos homosexuais, arrancan das grandes loitas dos anos sesenta. E ambas, neste 2012, deron un paso máis para súa completa asunción social.
Porén, que estas dúas cuestións sexan as únicas vitorias que podemos celebrar nestes momentos de crise sistémica debería facernos pensar. A confirmación do acertado que estivo o  Partido Demócrata ao apostar por primeira vez por un candidato negro e o acerto do socioliberalismo español ao apostar polo pleno recoñecemento dos dereitos dos homosexuais fálanos moito do tipo de esquerda hexemónica que existe desde a caída do muro de Berlín: unha esquerda centrada na loita cultural (máis ben en certa loita cultural) e afastada por completo da loita económica.
Non quero dicir con isto que a loita cultural sexa prescindible ou innecesaria, nada máis lonxe da miña opinión. De feito, o tipo de loita cultural antisistémica (que é precisamente a que non se fai) é de vital importancia. E tampouco quero dicir que estes logros concretos constitúan algo desprezable. É innegable que a ampliación dos dereitos e das liberdades civís son motivo de alegría para calquera persoa que guste de vivir nunha sociedade composta por cidadáns emancipados (e felices). Pero deixando aparte as duras condicións en que se deron as loitas polos dereitos civís nos anos sesenta un se pregunta en que medida a consecución destes dereitos no presente é un logro da esquerda socioliberal ou canto deben á lóxica intrínseca da propia democracia liberal. Pois non debemos esquecer que, con todos os defectos que esta ten, a democracia capitalista, polo menos a baseada no consumo de masas que até o de agora rexeu en "occidente", ten propugnado e incentivado, na súa retórica e nos valores que, cara fóra, di defender tanto a normalización da cuestión homosexual como a igualación de dereitos de todas as razas (pensemos, a este respecto, nunha serie de TV mainstream como Modern family na que atopamos, sen ningún tipo de connotación negativa, tanto á parella gay con nena adoptada vietnamita como á parella interracial WASP/latina ou pensemos na gran contraposición ideolóxica entre as sociedades abertas liberais vs. o mundo medieval musulman que sustenta ideoloxicamente ao imperialismo occidental actual). Este universalismo da democracia liberal, por máis que a realidade despois responda a outras dinámicas, existe. É unha sorte de igualdade formal kantiana que o sistema potencia e contra a que os sectores do vello consevadurismo (o sector do PP que forzou o recurso contra o matrimonio homosexual, a Igrexa católica) pouco poden facer. Porén, por tratarse dunha cuestión de igualdade formal esquece toda a microfísica do poder (sobre todo os condicionantes económicos) que actúan na sociedade para impedir que a igualdade formal sexa igualdade real.
Temos, pois, que as dúas únicas alegrías que as persoas de esquerdas do mundo se poden permitir neste momento son debidas ás necesidades que tivo o tipo de capitalismo que até o de agora imperou (xa veremos se segue a ser o que impera no futuro). Dito doutro xeito: a esquerda socioliberal só consegue éxitos que a propia democracia liberal precisa para a súa reprodución.
Constituirán as sucesivas consecucións de dereitos civís ás que parece que asistimos o inicio tamén da fin de ciclo da esquerda que non quixo saber nada de economía e que se entregou aos consensos neoliberais? Haberá que velo.

1 comentário:

Torcinho disse...
Este comentário foi removido pelo autor.