11/12/2012

Textos escollidos para ler o presente (VIII)



Dous textiños que veñen falando diso que chamei, noutro post, o partido-movemento. O primeiro é de Joaquín Miras e pertence a unha conversa privada vía mail que tivo a xentileza de permitir publicar. O segundo é de Jacques Rancière e pertence a unha entrevista publicada pola revista arxentina Ñ.

Un problema ineludible é que hai que dicir á xente que non basta coa protesta, que hai que construír un novo estado para que non pase como no sesenta e oito. Porque aquilo non foi só culpa do "movimentismo", tamén dunha esquerda que se dedicou a "representar" ao "suxeito" deixándoo ao seu "aire" no seu facer, na súa dinámica. Unha esquerda que non é capaz de ver outra cousa que "o político" como o institucional e polo tanto non sabe ser outra cousa que "ser mediación". Se esquerda é ser "mediación", estou de acordo coa súa inutilidade. Porque creo inútil todo esforzo que se fundamente niso, non porque a palabra "esquerda" o signifique. Probemos a substituír proxecto, contido, en lugar de substituír significantes. Probemos a crear unha esquerda que en vez de proporse tarefas electorais e electivas, ou de redación de documentos ou de protesta ante as institucións, de presión da clase política, de control institucional do existente, se propoña articular movimentos sostidos que traten de crear novas formas de vida, loita contra a manipulación da vida cotiá, por dicilo coa palabra proposta xa en 1967 por Lukacs, de articulación de vida. Unha esquerda que se propoña construír un suxeito cultural novo.(...)
Será tarefa de moi longo prazo, iso se comeza xa agora. Para nunca se se segue como agora: se seguimos como o coello de Alicia no país das marabillas que xa quixera el, pobriño, meterse en fariña e entrar nestas cousas, pero -"chego tarde", "chego tarde"- sempre o último resulta serlle ineludible, fundamental, apremiante, imposible de aprazar.(...)
Todo isto que malexpreso relaciónase entre si tendo en conta que estado non é aparato político administrativo, senón ethos, cultura e todo tecido organizado que a crea e reproduce. Que "o outro nome" do "estado" non é "lei"  senón que o "outro nome" de estado é ethos, cultura material de vida. Como di Aristóteles, e Hegel, e o Marx de Guerra Civil en Francia, e Gramsci e Lukacs... [Joaquín Miras]

*  *  *  *  *

A forza política verdadeira é unha forza que ten que crear, de algun xeito, a súa propia temporalidade. A cal non é unha temporalidade do Estado ou das eleccións, senón que significa, tamén, que teña o seus propios obxectivos e idealmente o seus propios colexios, a súa propia prensa, a súa propia universidade. Máis amplamente, as súas propias formas de discusión, información e formación. O problema é armar unha forza autónoma e non ser unha especie de novo partido estrema esquerda, porque xa hai moitos. [Jacques Ranciere]

Sem comentários: