10/26/2012

Sobre o partido-movemento


É duro dicilo, pero parece que a ultradereita grega comprendeu mellor a Gramsci que a maior parte da esquerda europea. Unha crónica publicada recentemente mostraba á Aurora Dourada como un "Estado dentro do Estado". Escribía a xornalista:

Aurora Dourada preséntase como capaz de encher os ocos deixados polo Estado. Na páxina web oficial e nas dos grupos locais anúncianse distribucións de comidas, servizos de asesoramento para a procura de traballo, visitas a residencias de anciáns ou fábricas en crise.

Sabido é que finalmente este movemento cumprirá a función que historicamente cumpre sempre o fascismo en tempos de crise: disciplinar ás poboacións para aceptaren as políticas autoritarias que precisa o sistema económico cando non ten máis remedio que mudar o goberno en dominación. Pero, é certo, e ben triste, que neste proceso de fascistización do Estado, algunhas das prácticas organizativas da estrema dereita sexan o máis parecido a aquela concepción gramsciana do cidadán subalterno en tanto que "funcionario" dun novo Estado que está xa a nacer dentro do Estado existente.
 
A fórmula "conquista do Estado" debe ser entendida neste sentido: creación dun novo tipo de estado, orixinado na experiencia asociativa da clase proletaria, e substitución por este do estado democrático-parlamentario." [Antonio Gramsci, Escritos políticos (1917-1933)]

Cando dicimos que Anova (ou AGE?) debería ser un partido-movemento, deberiamos ter na cabeza este tipo de praxe, análoga á doutros movementos que actúan na capilaridade social (como as grandes igrexas evanxélicas de norte e sudamérica) 
que nada teñen que ver coa esquerda pero que non só son quen de dar asistencia material senón tamén pisocolóxica e afectiva ás maiores vítimas da desestruturación e da atomización social; e que conseguen levar a cabo aquilo que Manuel Martínez Barreiro propuña no segundo debate de #GalizaAnoCero celebrado hai uns días na Coruña: a creación de comunidade. Así era, por certo, a esquerda de principios do século XX, cando esta verdadeiramente representaba algo, e cando os seus líderes intelectuais non se atopaban separados organicamente do movemento.
Como ben di Perry Anderson en Consideracións sobre o marxismo occidental, foi precisamente Antonio Gramsci o derradeiro dos líderes intelectuais da esquerda que desenvolveron o seu traballo no seo do movemento. Depois del, a intelligentsia da esquerda iríase recluíndo cada vez máis na universidade, afastando as súas achegas intelectuais da práctica real das clases populares e dexenerando nunha escolástica académica cada vez máis abstracta e teórica.
Que a "esquerda occidental" leve décadas sen ser capaz (ou sen vontade) de facer algo tan sinxelo como un comedor popular di moito do acomodamento da súa militancia e da pouca vontade de se mesturar cos sempre incómodos e pouco interesantes "pobres reais". Pero a depauperación social ameaza con estenderse cada vez máis, ao tempo que as funcións asistenciais do Estado son eliminadas sen contemplacións. Ante esta situación, na que o risco de exclusión pendura sobre as cabezas de segmentos cada vez maiores da sociedade e na que a marxe de manobra para facer política de xestión nas institucións oficiais do Estado é cada vez máis pequena, semella que os esforzos organizativos dunha esquerda que se conciba a si mesma como algo máis ca unha maquinaria para posicionarse electoralmente deberían ir non tanto cara á formación dun simple partido político ao uso, senón de todo un entramado social incardinado na vida cotiá das clases populares.
E non debemos esquecer que, mesmo alá onde as clases poderosas teñen un maior control do Estado e son capaces de condicionar máis a lóxica deste en beneficio dos seus intereses, esas mesmas clases poderosas seguen a manter tamén o máis parecido a un "Estado dentro do Estado": o mundo da empresa e os medios de comunicación de masas. As empresas son ese lugar da sociedade civil no que as clases poderosas conseguen que a filosofía igualitarista que impregna toda a narración da democracia liberal se manteña en estado de excepción e no que rixa, de facto, a desigualdade, a xerarquía e a arbitrariedade. Así mesmo, os medios de comunicación son ese outro lugar que, presentándose como neutral, actúa como parte, e que ten unha capacidade desorbitada de influencia sobre a teórica posición equidistante do Estado a respecto dos intereses dos diversos grupos sociais. Fronte estes dous exemplos, as clases populares organizadas arredor da esquerda non contan con ningún tipo de contrapeso (o maís parecido era o sindicalismo que, co tempo, dexenerou en xestoría e nun piar máis do mundo da empresa) que se poida homologar a eses dous "Estados dentro do Estado" sostidos polas clases poderosas.
Non será nos Parlamentos senón neste baixar á rúa (entendido isto como algo diferente aos episodios fugaces de protesta) e en organizar de xeito duradoiro no tempo novas formas de institucionalidade, onde se poida desputar, cun mínimo de opcións de pintar algo, a hexemonía a aqueles que agora mesmo non teñen adversarios dignos de tal nome.

6 comentários:

Dimo disse...

Exacto.

Dimo disse...

Pero quen empeza, como e onde? Se non se poñen os medios para levar a cabo unha idea, continuaremos no debate e mañá pasaremos a outra cousa.

Dimo disse...

Exacto.

O Fuco disse...

Se ademais da idea tivese os medios non estaría aquí escribíndoa. ;)

Dimo disse...

Os medios para comezar son baratos. O primeiro medio é preparar desde AGE unha iniciativa aberta a todos os partidos para establecer unha rede de axuda social. En principío só fai falta un local/nave nunha cidade, unha páxina na rede, un enderezo electrónico e un grupo de 12 persoas para establecer quendas. Explicar a quen desexe colaboración que terá que levar el mesmo/a a comida, os libros ou os xoguetes porque non dispoñemos de transporte. Unha conta bancaria aberta a quen queira doar algo serviría para financiar o local. A campaña publicitaria sería moi sinxela: hai solidariedade laica. Non deixes que os ladróns administren tamén a solidariedade. Nunha segunda fase pódese pedir colaboración ás Ong de traballo contrastado (Implicadas?) e pensar xa en ampliar espazo e xeografía.

O Fuco disse...

Paréceme moi interesante. Haberá que ver se AGE está disposta a facer cousas deste tipo.