10/23/2012

Notas postelectorais



Transcrición da miña segunda (quinta)columna no programa de Cuac FM, Disimulen. Pódese escoitar aquí (a partir do min. 36`17``). Música de fondo: Red sleeping beauty de McCarthy.


Primeira nota: dicían os republicanos clásicos que non hai liberdade sen que haxa previamente condicións materiais para ser libres; é dicir, ninguén dependente, cautivo de determinados líderes locais ou sen alternativas laborais na súa contorna pode ser verdadeiramente libre. Nas eleccións galegas celebradas onte volvemos presenciar como na maior parte de Galicia, especialmente nas zonas deprimidas do interior rural, as condicións para que haxa liberdade están lonxe de seren as óptimas. Algo diferente, tampouco moito, é a realidade nas zonas costeiras atlánticas onde a forte penetración da Alternativa Galega de Esquerdas lembra poderosamente os bos tempos do BNG nos que esa forza calaba fondo na mocidade urbana e ben preparada; é dicir, no pequeno motor que aínda tira da vitalidade deste minguado país. As maiores diferenzas entre hoxe e os noventa estriban en que o PP consegue manter, leis electorais mediante, a súa hexemonía nun momento de crise económica brutal e que a coalición que se ofrece como alternativa sostén o seu éxito nos ombreiros dun home xenial e carismático pero vello.

Segunda nota: a diferenza de lecturas feita polo entorno do BNG e do que actualmente conforma a Alternativa Galega de Esquerdas da emerxencia de movementos como o 15M e das súas secuelas é toda unha metáfora da capacidade de conexión social dunha e doutra forza coa xente farta do estado actual de cousas. Mentres o primeiro siga considerándose a si mesmo como algo dado independentemente da dialéctica social e siga calificando a todo o que xurda na sociedade como epifenómenos de contubernios do poder, pouco futuro pode agardar máis que ir caendo na marxinalidade paulatina.

Terceira nota: hai un utopismo de esquerdas e hai tamén un utopismo de centro. A diferenza dun e doutro é que o primeiro sabe que se move no mundo dos desexos, non das realidades. O problema do segundo é que sendo utópico se ten a si mesmo por pragmático, realista e ponderado. Os pobres resultados de Compromiso por Galicia confirman, unha vez máis, que a teima en que o noso país demanda unha forza equiparable ao PNV ou a CIU é unha manifestación clara dese tipo de utopismo que, o é máis, canto máis se reivindica como realista e chantado cos pés na terra.

Cuarta nota: cuestiona a vitoria de Feijóo a hipótese que moitos sostiñamos de que o réxime saído da Transición está ferido de morte? Na miña opinión non. O esboroamento do PSdG, unido ao do PSE en Euskadi e ao previsible do PSC nas vindeiras eleccións catalanas, indican que, malia que o PP poida resistir tras o alivio das eleccións galegas, o sistema bipartidista que actuaba como armazón político institucional vai camiño de ser disfuncional. O cal só pode conducir a que o divorcio da cidadanía coas institucións aumente aínda máis.

Sem comentários: