1/16/2012

Fraga, Díaz Pardo, Transición, Movida e outros fracasos (III)


Recentemente L`Expresso publicou unha longa entrevista a Pier Paolo Pasolini concedida tres días antes de morrer e que o medio italiano titulaba Così Pasolini previde l'Italia di B., isto é, así predeciu Pasolini a Italia de Berlusconi. Cando o entrevistador lle pregunta ao xenial director se para el aínda existía a sociedade de clases este responde:

As clases si existen pero, e este é o punto orixinal de Italia, a loita de clases dase no plano económico, non no plano cultural. Hoxe a diferenza é económica entre un burgués e un obreiro pero xa non existe diferenza cultural ningunha entre os dous.

É tremendamente lúcida esta resposta de Pasolini. E se el pensaba que daquela era algo moi orixinal de Italia o certo é que logo tivo éxito noutros lugares. O que vén dicir Pasolini é que o gran triunfo do capitalismo de masas consistiu en levar á extinción ás culturas autónomas das clases baixas, unhas culturas autónomas que poderían ter actuado coma o escudo que lles permitiría manterse a unha distancia adecuada da visión homoxeneizante da sociedade e disimuladora dos contrastes económicos propia da ideoloxía das clases medias. Ao seren separadas das súas culturas autónomas, fosen estas as vellas culturas labregas ou as máis modernas culturas proletarias, as capas populares ficaron á intemperie da penetración total da lóxica do capital na súa vida cotiá. Isto que para Pasolini era unha auténtica mudanza antropolóxica provocada polo consumo foi o desencadeante da mudanza entre cales deberían ser as ideas dominantes nunha sociedade dada. Cando a cultura única é a do consumo, o grao cero das ideas das clases dominadas (os desexos non articulados de liberdade, de igualdade, de xustiza, pero tamén os impulsos laicos do hedonismo, da preguiza, da transgresión, do carnavalesco, etc.) pasan a formar parte da narrativa coa que se venden as mercadorías. Pola contra, cando o consumo só está dedicado ás elites as ideas dominantes que pregoniza a publicidade para incentivar o consumo son as ideas das clases dominantes (isto aínda é totalmente perceptible, dentro da sociedade de consumo de masas, nos anuncios de produtos de luxo co seu fincapé na exclusividade e no snobismo). Isto é, cando o consumo é de masas, son as ideas das clases dominadas as que se usan para vender mercadorías e son esas ideas as que pairan, polo tanto, no discurso mediático arredor da mercadoría.
Esta homoxeneización cultural arredor do consumo é unha maquinaria de cementar a hexemonía capitalista e de encher de contido os desexos das clases populares. Cando as ideas dominantes son as das clases dominantes non hai tanto perigo de resignificación dos conceptos emancipadores. Todo o mundo parece falar claramente no idioma que lle corresponde. Os de arriba o idioma da represión e do elitismo; os de abaixo no da democracia e a igualdade. Pola contra, cando as dominantes son as ideas das clases dominadas o mundo das palabras vólvese caótico e nada (da "liberdade" de Galicia Bilingüe á "igualdade" de UPyD pasando pola "modernización" da patronal, etc.) parece significar o que realmente significa.
No momento en que a esquerda renuncia a actuar na vida cotiá e opta por especializarse, unicamente, na xestión institucional deixa o campo libre para que esa maquinaria de hexemonía capitalista siga actuando libremente sen ningún tipo de oposición, sen ningún tipo de verdadeira contracultura. Así mesmo, cando directamente se renuncia a evidenciar as contradiccións económicas que, tal como dicía Pasolini, son as que aínda existen na sociedade (as clases en si que diría Marx) e se opta polas chamadas guerras culturais (termo que non por casualidade volveu coller folgos a partir dos neoliberais oitenta e que tería o seu correlato xeopolítico na guerra de civilizacións de Huntington), é dicir, por centrar a contradición nuns cantos items superestruturais sen vencellalos nunca coa base material e sen que haxa por debaixo ningunha rede, hábito ou institución (de novo, ningunha contracultura) distinta da do mercado e dos seus medios de comunicación no que esas guerras culturais poidan actuar como a metonimia doutras loitas (incluídas as económicas), a esquerda está a cumprir o papel máis cómodo co que poida soñar calquera defensor do establecido.
Facer que a esquerda do estado español, coa excepción xa comentada, chegase a estar onde hoxe está foi a grande tarefa da Transición pilotada por xentes coma Manuel Fraga. Primeiro conseguindo que a esquerda organizada esgotase as súas enerxías no electoralismo e non na organización da sociedade. Segundo, potenciando hábitos culturais que sublimasen os lexítimos desexos de liberdade da cidadanía en todos os campos despois de corenta anos de ditadura. Como consecuencia de todo isto, nun terceiro momento, deixando que unha esquerda sen base se esfarelase ante o fracaso da Unión Soviética e, abandonando definitivamente o discurso económico, se entretivese en temas identitarios, case sempre a rebufo da dereita, que non impedían que a lóxica da mercadoría seguise funcionando igual de ben ca sempre. E é que malia seren cuestión culturais as que se dirimían na area política estas non eran cuestións que creasen unha cultura autónoma da cultura capitalista, unha hexemonía non capitalista, senón que se integraban perfectamente no sistema (por exemplo, nunca houbo verdadeira guerra cultural sobre a narración creada arredor da Transición porque esta guerra cultural implicaba tamén a revisión doutras cuestións que atinxían á base da sociedade como por exemplo a cuestión de por que no Estado os poderes fácticos continuaron a ser os que eran e por que a calidade da democracia española, o mecanismo que teñen os de abaixo para mudar o estado de cousas, era tan baixa).
Engadir, por ultimo, que todo isto é igualmente aplicable a un nacionalismo galego que non deu chegado á transición con suficiente forza (causa tamén de que non houbese, no que atinxe á cultura urbana, unha alternativa á Movida fóra do galeguismo d´Os Resentidos; por outra banda igual de enleados na eterna ironía posmoderna que o resto de grupos da movida) e que, malia acertar na súa postura rupturista e mesmo gozar dun momento de apoxéo e de boa comunicación coa sociedade nos anos noventa, non soubo crear ese tecido social, ese magma subterráneo que penetrase en todos os recunchos da sociedade galega. Cando o bipartito perde as eleccións autonómicas do 2009, Anxo Quintana dá un diagnóstico moi acaído do sucedido ao afirmar aquilo de "tiñamos o goberno pero non tiñamos o poder". Efectivamente, hai dúas maneiras de ter o poder: ou ben se fai parte do aparato do estado (como elite económica, militar, mediática, etc.) ou ben se ten o poder que dá posuír a hexemonía ideolóxica sobre unha masa crítica a través da organización da sociedade. O drama da esquerda en xeral e da do noso país en particular é que non tiña o segundo tipo de poder (o experimento quintanista demostrou que o nacionalismo galego tampouco podía aspirar a formar parte do aparato do Estado aínda que "centrase" o seu discurso), un poder que puidese facer da visión da esquerda do país unha forma de cultura e de vida apegada á realidade cotiá da xente que frenase non só á maré neoliberal senón tamén o proceso de españolización (neste momento ponte de prata á americanización) brutal que actualmente padece esta terra.

4 comentários:

Torcinho disse...

É unha mágoa que, por culpa deses irreflexivos panexíricos ao hooliganismo abertzale escaralle unhas análises tan brillantes.
E por certo, en Vigo hai vigueses de toda a vida que sempre falaron ghallegho: os de Beade, os de Valadares, os de Zamáns e mesmo algúns de Coruxo.

O Fuco disse...

Da primeira frase quedo (agradecido) co de que a análise é "brillante" e obvio o dos trazos "irreflexivos" ;)

Da segunda concordo que nas repúblicas independentes parroquiais seguiu a falarse galego pero ese mundo non deixaba de ser o mesmo que o do rural do resto do país. Do Calvario para abaixo e do Camiño do Caramuxo para o norte o castelán reinaba desde antes de que chegase o aluvión da emigración. E aí é onde se podía crear unha cultura urbana galega en galego.

Torcinho disse...

repúblicas independentes parroquiais? Detecto certo espírito unionista. :)

O Fuco disse...

Unionista non, xacobino ;)