1/19/2012

O Funambulista Coxo en libro


Desde que comecei a escribir este blog no ano 2005 fun reacio a facer todo tipo de retrospectiva, valoración ou resumo anual. Dediqueime simplemente a seguir escribindo o que me pedía o corpo, cando mo pedía, sen preocuparme demasiado polo camiño que, mal que ben, fun trazando desde entón. Porén, desta volta teño que facer unha excepción que, penso, está bastante xustificada.
Na primeira semana deste mesmo mes de xaneiro saíu do prelo un compilatorio de posts deste blogue en formato papel. Grazas á editora Estaleiro xa se pode adquirir
Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, un volume de aproximadamente 200 páxinas que sae á venda ao popular prezo de 8 euros e que contén artigos meus de entre os anos 2007 e 2009 cun nexo máis ou menos común: o fartazgo ante a separación interesada entre o cultural e o económico por parte da maior parte da esquerda de todo o mundo durante as últimas décadas ou, como tamén digo no epílogo que escribín para o libro o pasado mes de decembro de 2011:


Contentaríame con que os artigos deste libro contribuísen humildemente ao necesario rearme da esquerda. Un rearme que terá que incluír un reprantexamento de que modelo de desenvolvemento económico queremos e podemos permitirnos, no longo prazo, como especie. Unha esquerda, ademais, que, se quere ser hexemónica, necesitará contraatacar na batalla ideolóxica moito máis en serio, e con moita máis iniciativa, que até o de agora; pois a dedicación mediática a tres ou catro cuestións culturais non conflitivas co bussiness as ussual, e case sempre a rebufo da verdadeira e agresiva guerra cultural conservadora, non será suficiente se se pretende deter á apisoadora discursiva neoliberal, unha apisoadora que, durante os últimos anos, deixou á lingua e a moitos conceptos imprescindibles para analizar a realidade, coas pernas para arriba.

Eu estou satisfeito co traballo, agardo que os potenciais lectores e lectoras do libro tamén pensen que pagou a pena dedicarlle un chisco do seu tempo.

4 comentários:

Willy S. O administrador disse...

Parabéns!!!

O Fuco disse...

Graciñas!

outro deporte é posíbel!! disse...

Ola!!!

Arrincou en Castro o Billarda-Book Experience>> http://ovaral.blogspot.com/2012/01/billarda-book-experience-en-castro-o.html

Agardamos en breve poder ter o funambulista coxo.......

unha moi forte aperta e adiante a revolución funámbula!!

O Fuco disse...

Moitas grazas e encantado de que se lea o libro pola Terra Cha mentres se xoga á billarda, canto máis ao ser este un dos xogos que miña nai tanto lembra da súa infancia.