6/16/2011

Liberdade natural vs. liberdade política


No moi interesante La ciudad en llamas. La vigencia del republicanismo comercial de Adam Smith, David Casassas resitúa a Smith na tradición republicana á que pertence e desmonta algúns dos tópicos máis extendidos arredor do escocés como aquel que di ver nel a un dos pais intelectuais do neoliberalismo que hoxe causa estragos en medio planeta. No parágrafo que reproduzo a continuación, citado no libro de Casassas, o propio Smith clarifica os dous sentidos do concepto liberdade que hoxe, despois do desarme ideolóxico da esquerda e do continuado e eficacísimo traballo de creación de discurso dos think tanks da dereita, tan a menudo se confunden. Escribía Adam Smith n´ A riqueza das nacións:

«Acaso haberá quen sosteña que impedir que un particular reciba en pago os billetes dun Banco, por unha suma grande ou pequena, cando non ten inconvinte en aceptalos, ou prohibir a un banqueiro que os emita cando os demais non teñen inconvinte en recibilos, é un atentado manifesto contra a liberdade natural, que a lei está obrigada a non violar. Estas regramentacións poden considerarse indiscutiblemente contrarias á liberdade natural. Pero o exercicio desa liberdade natural por parte dun contado número de persoas pode ameazar a seguridade da sociedade enteira, de xeito que pode e debe restrinxirse pola lei de calquera Goberno, desde o máis libre até o máis despótico. A obriga de construír muros para impedir a propagación dos incendios é unha violación da liberdade natural, exactamente da mesma natureza que as regulacións no comercio bancario das que acabamos de facer mención.»

Liberdade natural vs. liberdade política (ou a liberdade dos que son igualmente libres). Velaquí o quid do asunto. Precisamente nesta confusión entre liberdade natural e política baseaba Roberto Blanco Valdés a súa última homilía na Voz de Galicia contraria a que a CRTVG siga a emitir exclusivamente en galego (é dicir, a que a radio e a televisión pública galega siga a ser, en terminoloxía de Adam Smith, un muro construído a favor da lingua máis débil e a favor, polo tanto, da liberdade política dos galego-falantes (daqueles que falan a lingua minorizada) en lugar de favorecer a liberdade natural da lingua máis forte, a liberdade natural dos castelán-falantes (dos que usan unha lingua de Estado que, por selo, goza de todas as vantaxes e medios). Discernindo ben estes dous conceptos, liberdade natural e liberdade política, podemos comprender moito mellor por que a esquerda sempre estivo a favor de medidas de discriminación positiva para calquera minoría social, de xénero ou nacional.
Cando nas prazas tomadas polos chamados Indignados se está a pedir, con moita lucidez, a construción de muros que salvagarden ás persoas das decisións dos mercados -como Adam Smith reclamaba a construción de muros entre a xente e os bancos- pero se ignora que tamén cómpre reivindicar eses muros, por pura solidariedade, en favor de todos aqueles que padecen algún tipo de discriminación social aparentemente non económica (pensemos na nula reivindicación da lingua galega polos Indignados do país ou nos comentarios do tipo "o feminismo sepáranos" escoitados na acamapada de Madrid a raíz da denuncia de discriminación de xénero na mesma) non só se está a ser incongruente e inxusto (porque se está a violentar a coherencia entre as distintas loitas) senón que, como escribía Casassas sobre Adam Smith, se está a considerar a vida social coma «un espazo neutro, politicamente aséptico, sen relacións de poder, no que a xente asina contratos libre e voluntariamente», algo que até aquel escocés do século XVIII, o que falara da man invisible do mercado, tiña claro que era falso.

Sem comentários: