6/07/2011

Iniciativa BenComún


Xa se pode asinar a declaración (se se quere) http://bencomun.blogaliza.org.

Pode que o blog aínda non funcione de todo ben. Estamos en obras. Pero o manifesto tamén se pode ler aquí: Iniciativa-BenComún e pódese asinar aquí: h
ttp://www.jotform.com/form/11572847889

DESDE A INDIGNACIÓN PREPARANDO O FUTURO
NECESÍTANSE NOVOS ENFOQUES PARA NOVOS HORIZONTES

O movemento cidadán 15-M e os resultados das pasadas eleccións municipais do 22-M puxeron de manifesto unha enorme desafección polas actuais fórmulas de participación política dun sector cada vez máis amplo da poboación. Unha desafección que prexudica unicamente a esquerda, que leva sen renovar prácticas políticas, discursos, actitudes e estruturas os últimos vinte anos.

O xurdimento do movemento 15-M, alén do seu alcance concreto, é o sintoma de que algo non vai ben e de que o sector da poboación máis dinámico percibe que a armazón político-representativa e a cultura política xurdidas da transición están esgotadas: precísase de novos espazos de participación e de novos interlocutores para a mediación.

Desde hai anos a indignación medra entre as persoas de esquerda que, formando ou non parte da súa base asociativa, somos parte da súa base sociolóxica e electoral. As últimas eleccións demostraron que existe unha corrente de fondo que percorre transversalmente todas as formacións partidarias. Non só se castiga a quen goberna con políticas de dereitas ou de costas á cidadanía, senón que tamén se pune, por desconfianza e polo descrédito acumulado, ás forzas que desde a esquerda poderían recoller o descontento xerado.

En concreto, a nova derrota da esquerda nacionalista nas pasadas eleccións confirma unha tendencia iniciada hai dez anos, pola que vén perdendo o pulso cidadán naqueles espazos xeográficos e xeracionais cara aos que debería ser máis sensible e onde tería que atopar maior receptividade. Preocúpanos que, de seguiren o mesmo rumbo, a derrota do tándem PSdeG/BNG nas próximas eleccións autonómicas non sexa só unha derrota electoral máis senón que teña consecuencias irreversibles sobre o futuro da esquerda e do porvir do país no medio e longo prazo.

En todo caso, a evolución do PSdeG responde a coordenadas e parámetros condicionados por iniciativas que se resolven fóra das nosas fronteiras. O problema, aínda que sendo un desastre e actuando como condicionante, é en boa medida alleo a nós. Preocúpanos máis o outro espazo necesario e imprescindible para a construción dunha Galicia autogobernada, sustentable e avanzada: o espazo da esquerda nacional.

Cada un/ha de nós está asistindo até agora á situación desde lugares diferentes: algunhas persoas estamos na militancia partidaria no nacionalismo, unha boa parte pertencemos a organizacións sociais, outros atopámonos próximos/as a outras forzas de esquerda, a maioría andamos á expectativa de novos proxectos. Desde a expectación o conxunto, desde a resignación unha boa parte. En todo caso, con certeza, todos e todas interesados en que apareza algunha iniciativa en positivo e en que as cousas se desbloqueen.

Nunca a indignación fora tanta e as expectativas tan altas. Pero, lamentablemente, as forzas de esquerda nin están nin ninguén as espera. Os distintos movementos que foron xurdindo, mesmo das correntes críticas e renovadoras internas das organizacións políticas, non pasan de ir máis aló de recompoñer os espazos xa existentes, coma se nada tivera ocorrido.

Isto non pode seguir así. Existen novas realidades que nos interpelan. Existen novas transversalidades que interconectan e permeabilizan os espazos noutrora estancos. É a hora da cidadanía.

Asistimos á segunda onda de cambios posglobalización e de nós depende participarmos e contribuírmos a eses cambios desde o noso país ou ficarmos definitivamente á marxe e sermos arrastrados por eles. O noso país mudou substancialmente nas últimas décadas e precisa ser reinterpretado, repensado e inserido nun contexto global altamente interrelacionado e codependente.

Interpelamos as forzas políticas da esquerda e o nacionalismo en particular para que tome nota desta nova situación.

Interpelámolas porque mais aló de sermos afiliados ou non ás ditas forzas, como base sociolóxica e electoral das mesmas, nós tamén estamos a ser interpelados.

Cómpre que as persoas e colectivos da esquerda social, que se estruturan de xeito moi variado, xunto coas persoas e colectivos críticos que participan da esquerda partidaria, nos xuntemos para promover unha alianza cívica e política ampla que permita a creación de espazos comúns de acción política.

Cómpre seguir a promover contactos, encontros e diálogos, no concreto, para comezarmos a vertebrar a esquerda nacional do século XXI.

Hoxe, afortunadamente temos ferramentas que posibilitan transformar a indignación en procesos propositivos.

Non é momento de pequeno apaños, de releos curtos. É a hora da política e da intelixencia, de erguer a vista e mirar máis aló. Con xenerosidade. Abstéñanse resentidos.

Convocámonos e convocamos a todas e a todos os que se sintan interpelados para realizarmos un encontro aberto e plural, ollando cara ao futuro. A primeira cita o próximo domingo 19 de xuño nas mobilizacións cidadás.

O futuro depende de nós. Indignados e á vez esperanzados. Indignadas e á vez preparando o futuro.

En Trasellas-Teo, a 3 de xuño de 2011.

Promoven esta iniciativa:

Xosé Ramón Blanco Montero
Pilar Candocia Pita
Filipe Diez
Xan Duro Fernández
Ramón Faraldo Pardo
Maite García Portabales
Xoán Hermida González
Bernardo Lorenzo Cuétara
Francisco Xavier Lourenzo Penela
Manuel Martínez Barreiro
Emilio M. Martínez Rivas
Henrique Monteagudo Romero
Carlos Neira Cortizas
Marcos S. Pérez Pena
Xosé Pérez Rei
Coqui Rodríguez Holguin
Ana María Rodríguez López
David Rodríguez Rodríguez
Afonso Sánchez Regueiro
Manoel Santos Díaz
Carolina Silva Méndez
Héctor Silveiro Fernández
Xaime Subiela Pérez
Denis Vicente Rodríguez

Sem comentários: