6/24/2011

Crise capitalista, hexemonía e futuro da esquerda


Este texto será publicado, en versión máis completa, nun libro colectivo editado por Estaleiro Editora co gallo das II Jornadas galego-portuguesas de ediçom independente celebradas en Porto e Compostela o pasado mes de marzo.

Crise económica, crise social, crise política. Xa as temos todas. Tres anos van xa desde que se comezase a falar de crise financeira global e non foi ata este maio de 2011, coas mobilizacións dos chamados Indignados a partir do 15 de maio e co esboroamento electoral do PSOE en todo o estado —no marco das elección municipais do 22— así como coa nula captación de descontentos por IU no estado e polo BNG no noso país (do independentismo mellor nin falar) engadido ao aumento da abstención, do voto nulo e do voto en branco, que estamos a ter probas irrefutables de que a tríada de crises chegou canda nós. Temos, xa que logo, un panorama no que a dereita e as mesmas políticas causantes dos estragos que padecemos gobernan a maior parte das institucións e no que a esquerda partidaria acode impertérrita á súa propia descomposición.
A perda de hexemonía da esquerda —a dereitización, a desafección ou a presenza de ambos fenómenos en distintos graos en senllas partes da sociedade, se se quere— é un feito que arrinca desde antes da caída de facto da Unión Soviética con distintas dinámicas e tempos segundo o lugar xeográfico. Se comparamos á esquerda, en sentido amplo, cun gran barco, poderiamos afirmar que aqueles que están na proa viron xa desde hai tempo que o pensamento da esquerda, os seus valores e proxectos, estaba caendo na irrelevancia; ao que asistimos agora é a que aqueles que pensaban que a caida do muro de Berlín non ía con eles, isto é, o máis institucional e morno do social-liberalismo —os que van na popa do barco— tamén están a tomar consciencia disto
proba do cal son as recentes declaracións de José Barreda, ex-presidente da CCAA de Castela a Mancha nas que constataba a perda de hexemonía da esquerda (sic), ou as análises que desde hai un tempo está a facer Iñaki Gabilondo na súa sección audiovisual de El País.
O chamado movemento 15m, un feito sociolóxico e político certamente relevante, constitúe, a un tempo, a mellor proba de que o discurso da esquerda perdeu moita incidencia social e a proba de que aínda é posible, coa renovación axeitada de formas e discursos, recuperar as posicións perdidas.
Se consideramos o 15m coma un movemento de tipo populista (non populista no sentido en que falamos de Berlusconi coma un político populista) senón o tipo de populismo do que fala, por exemplo, un Ernesto Laclau no seu La razón populista, é dicir, un movemento no que se presentan de maneira desordenada e primitiva unha serie de demandas acordes aos intereses das clases populares, podemos concluír que o 90% das demandas que está a expresar a xente mobilizada arredor dese movemento, sobre todo novos sen experiencia previa en política, son demandas de esquerdas porque inciden na necesidade de que sexan os máis (e os seus intereses) e non os menos quen tomen as rendas da polis. Cousa diferente é o xeito que teñen de expresaren estas demandas. É aquí onde temos unha fotografía ben nítida da perda de hexemonía social da esquerda, digamos clásica, e da penetración de certos discursos que os lobbies e think tanks da dereita levan décadas creando e difundindo. A linguaxe e as maneiras deste movemento evidencian a fenda xeracional existente entre a tradición de esquerda e a mocidade. Se ben a desconfianza cara a partidos e sindicatos está plenamente xustificada pola praxe deses dous tipos de organizacións nos últimos anos, é certo que esta desconfianza demostra tamén como o traballo intelectual da dereita dirixido tanto a desprestixiar o que quedaba de movemento obreiro (penso que o rexeitamento aos sindicatos ten máis que ver con isto que cunha denuncia, pertinente, do sindicalismo pactista e apagalumes), como a recentralizar ideolóxica e políticamente o Estado Español (considero que en parte aí está a orixe do recelo a toda simboloxía das nacións periféricas incluído o seu idioma) foi calando socialmente. O mesmo se pode dicir do auxe do individuo como medida de todas as cousas, perceptible na incapacidade, polo menos de momento, de estruturarse en calquera caste de organización cunha metodoloxía eficaz para levar a cabo as propostas políticas. Así mesmo, a emerxencia doutros discursos xurdidos coa posmodernidade máis tendentes a falar de multitude que de clases sociais (Toni Negri e Michael Hardt), reinvidicadoras do anonimato (Tiqqun) e da disolución das identidades fixas (Teoría Queer) son rastrexables, con máis ou menos nitidez, nalgunhas prácticas do movemento 15m e sobre todo nas súas inmediacións (Anonymous).
Porén, se ben antes da crise económica o reinado absoluto do pensamento da dereita na sociedade era indiscutible hoxe este reinado pode ser desputado (e aquí cómpre recoñecerlle ao movemento 15m a capacidade de introducir na axenda mediática e política debates invisibles, até hai ben pouco tempo, como pode ser o do Pacto do Euro); iso si, non será desputado tanto porque a esquerda organizada estea hoxe mellor ca onte senón porque o capitalismo neoliberal é unha máquina de se crear inimigos nos pobos do planeta como demostrou a experiencia latinoamericana dos anos 90 (neste sentido son claros os paralelismos entre o “Que se vayan todos” arxentino e o “Non nos representan” do movemento 15m). A creba do modelo neoliberal —a caída destoutro muro de Berlín que deixa núa a faciana do capitalismo neoliberal real e que desmonta as supostas bondades que anunciaba a narración ideolóxica do mesmo— está a pór as condicións obxectivas para a súa subversión pero tamén está a demostrar que a crise dunha esquerda política incapaz de incidir cos seus marcos discursivos nos acontecementos e incapaz de liderar e de vehiculizar nas institucións o descontento social é fonda de vez.
Afortunadamente hai xentes da esquerda que se están a dar de conta disto. Joaquín Miras, alguén que vén dunha tradición, a comunista, que a priori se podería considerar como a máis dogmática expón con grande lucidez, nun moi recomendable libro distribuído en formato dixital por internet e titulado O legado cultural do comunismo, como as loitas e organizacións da esquerda eran, en boa medida, o produto dunha cultura, dun xeito de vivir a vida cotiá, dun sentido propio da realidade producido polas comunidades humanas que enchían en aluvión os barrios obreiros e os cintos industriais das grandes cidades. Loitas lideradas por un partido que aínda non se entendía como a estrutura burocrática fosilizada que acabaría sendo senón coma un partido-movemento moi flexible na súa articulación e cuns militantes dispostos a mesturárense co resto da sociedade, non a recluírense en guettos de convencidos, e a actuar coma pontes de dobre sentido entre esta e a organización. Cando eses militantes, así o expón Miras, que traballaban no seo da sociedade se transformaron, coa morte do dictador, en cadros destinados ás novas institucións democráticas, o partido, entendido tamén como movemento, morreu. Mutatis mutandis, algo parecido ocorreu no noso país cando o BNG pasou de ser un partido con ampla conexión social ao aparato institucionalizado que hoxe é. De aí que entre nós, persoas coma Xosé Manuel Beiras veñan escribindo desde hai tempo, con gran intuición, que as pontes entre a esquerda social e a esquerda política están rotas. Engadir tamén, a este respecto, que aínda que as circunstancias especiais do País Vasco, en especial o entusiasmo co que a sociedade vasca acolleu as novas perspectivas que se abren para pór fin ao conflito armado, tiveran moito que ver no éxito colleitado por Bildu nas eleccións municipais, non cabe dúbida de que o independentismo vasco aprendeu, despois de anos de ilegalización das súas organizacións partidarias, a funcionar coma un gran movemento social e a entender ao partido político como unha ferramenta, non coma un fin en si mesmo, para chegar ás institucións.
A xente está sendo consciente do baleiramento político ao que foron sometidos os estados-nación, transformados en burocracias cada día máis dedicadas a tarefas de represión que de servizo público, cunha soberanía delegada en superestruturas de "gobernanza" non supeditadas ao control democrático como a UE ou os grandes cumios de notables controlados polo capital internacional. Estas magras democracias formais sen competencias reais en política económica están a seren percibidas como inútiles por un número cada vez maior de cidadáns pouco dispostos a seguiren participando nun xogo de cartas marcadas.
Tras o experimento da Terceira vía a familia socialdemócrata (se é que consegue sobrevivir á debacle) é probable que aposte por reconducir o capitalismo financeiro cara unha forma de capitalismo produtivista xestionado con fórmulas máis ou menos neokeynesianas. O percorrido desta opción, nun mundo cada vez máis pequeno e interconectado, no que grandes países como India, China, Brasil ou Sudáfrica están tamén a reclamar a súa parte do pastel e no que os recursos enerxéticos serán cada vez máis escasos pode desembocar, como moito, nun sálvese quen poida e nun repregamento rexional armado ata os dentes. A familia comunista clásica, pola súa banda, ve como se achica o seu espazo social proporcionalmente a como se achica o espazo da vella clase obreira de grandes fábricas, homoxénea e pouco colonizada mentalmente pola ideoloxía sistémica espallada polos medios de comunicación, causa e efecto, isto último, de que a súa forma de vida producise toda unha cultura bastante autónoma respecto da mainstream. A propia existencia dos medios de comunicación de masas e a importancia que cobra a batalla cultural e ideolóxica nun mundo sen debasas posibles entre as sociedades e a hiperrealidade espectacular xerada polos poderosos complica a tarefa a unha vangarda (obviemos a extemporaneidade da propia idea de vangarda) dedicada a agardar, amparada por un determinismo histórico non refrendado pola realidade, a chegada da insurrección dun potencial suxeito revolucionario cada día máis heteroxéneo, fraccionado, en moitos casos máis alienado, noutros moito máis formado e con máis vontade de participar na toma de decisións e menos proclive a ser pastoreado. Se a familia comunista segue a dispor, polo menos na teoría —digo na teoría porque a aposta polo industrialismo é, de facto, idéntica— dun discurso con máis potencial universal que o socialdemócrata (proletarios do mundo unídevos), as mudanzas na organización do capitalismo e a configuración social resultante destas éivano, por se centrar excesivamente na estética obreirista industrial conxelada no tempo (ollo, non estou a dicir que este tipo de clase obreira desaparecese totalmente, digo que xa non é igual de relevante entre as clases populares europeas e que alí onde o é xa non ten a mesma autopercepción de si mesma ca no pasado), para chegar á clase traballadora real e concreta deste período histórico —o precariado do sector servizos, o cognotariado frustrado nas súas expectativas, as clases medias endebedadas ata as cellas, os pensionistas empobrecidos, os autónomos, o pequeno comercio, os excluidos do sistema (inmigrantes e parados), cada un cun imaxinario propio dificilmente unificable no vello significante “clase obreira”.
Cal é, xa que logo, o camiño, ou os camiños, posibles para unha esquerda radical pero con visos de abandonar os illotes resistencialistas e de se dirixir á gran masa social?
1. A converxencia na defensa dos dereitos adquiridos. Do mesmo xeito que nos anos trinta a resistencia ao fascismo, o consenso básico que impregnaría a posterior etapa de capitalismo keynesiano (excepcións como a española aparte), pivotou na unión de forzas baixo a forma da Fronte Popular, a resistencia fronte o fascismo financeiro debería provocar tamén a unión de todos e todas. Para iso é necesario que os representantes desas distintas familias (vellas e novas) emprendan un camiño de dúas direccións. As forzas xa organizadas o camiño do recoñecemento da necesidade de abrir novas canles á cidadanía que se autoconvoca, que se mobiliza sen tutelaxes e que se declara apartidaria. A cidadanía escéptica con toda forma de organización pero que tampouco amosa intención algunha de percorrer a senda da insurrección total contra o sistema, o camiño do recoñecemento de que tarde ou cedo será precisa a articulación política que poida levar as demandas populares ás institucións do disfuncional aparato estatal; un aparato estatal que, como o dinosauro de Monterroso, cando todos espertemos vai seguir estando aí.
2. A aposta pola democracia radical e o retorno á fraternidade. Os que mandan déronse conta xa nos anos 70 de que algo de democracia era demasiada democracia. A Comisión Trilateral dos Huntington, Brzezinski, etc. xa sabía da necesidade de apropiarse do item “democracia” para mantelo nunhas coordenadas manexables. Ao que estamos a asistir agora é á fin desa apropiación. Tras a abrupta desactivación do movemento antiglobalización dos 90 que supuxeron os atentados de Nova York do 11 de setembro de 2001 e a posterior construcción ideolóxica da falsa oposición entre democracia capitalista vs. terrorismo fundamentalista, a primavera árabe de 2011, coas súas demandas universalistas de liberdade, igualdade e democracia unida ao pasaxeiro efecto da publicitaria morte de Ben Laden como tentativa de recuperar o marco ideolóxico que reducía a política mundial á confrontación entre democracia occidental e barbarie musulmana, así como o repregamento da dereita europea en posicións fascistoides, tradicionalistas e illacionistas (auxe dos partidos de extrema dereita en toda Europa, renuncia pública de Merkel ou Cameron ao multiculturalismo, volta aos valores do nacional-catolicismo no caso español, documentos da patronal española que antepoñen a influencia da herdanza xenética por diante do estatus socioeconómico no éxito ou fracaso dos educandos, etc.) aventuran un regreso do termo democracia ao lugar ao que pertence. A convivencia no Estado español das demandas dunha democracia real por parte dos mobilizados no movemento 15m e a recuperación do presidente de FAES José María Aznar do discurso da Trilateral ("Debemos restaurar el verdadero sentido de la democracia y sus límites") dános un bo fresco do xiro autoritario que posiblemente tomará o poder.
Así mesmo, o momento actual infórmanos doutro peche de ciclo: o da narración autocompracente coa democracia formal española saída do pacto co franquismo na chamada Transicición. O contínuo apelo dos indignados á literalidade non cumprida da constitución do 78, unido aos problemas de encaixe das nacións sen estado certificado polo calexón sen saída no que se atopa a vía estatutaria en Cataluña e no País Vasco debido ao rearme do centralismo uniformizador español (unha maré reespañolizadora que na Galiza está pondo a mesma existencia do país contra as cordas) e á insostibilidade da cada vez máis contestada figura da monarquía indícanos que o Estado Español está avocado a enfrontarse a esa segunda transición sempre posposta e temida polo establishment.
Pero que implica, para a esquerda, esta aposta pola democracia radical? Implica non só a renuncia a vellas estratexias vangardistas senón tamén a transformación da democracia formal que rixe non só nos aparatos do estado senón tamén nas propias organizacións da esquerda, nun novo tipo de democracia participativa, nunha nova horizontalidade e transparencia nas decisións —isto é, unha nova fraternidade— que permita que estas se tomen de abaixo a arriba e non ao revés.
3. Reformulación do que é ser de esquerdas. Cada día, a consciencia de estarmos a vivir nun planeta pequeno e de recursos limitados é máis amplamente compartida. A globalización económica (non así a globalización da comunicación entre as persoas e das súas ideas) é, tal e como está hoxe prantexada, insostible por máis tempo. Tras varios séculos baixo o paradigma industrial —paradigma que viu nacer, precisamente, o pensamento articulado de esquerda— evidénciase a necesidade de que este paradigma chegue ao seu fin. Pero reivindicar un novo xeito de relacionar ao home coa natureza non implica reinvindicar un retorno a inexistentes arcadias pasadas, nin o refuxio en absurdas espiritualidades new age, nin a renuncia á confianza da Modernidade nas capacidades do ser humano. Máis ben ao contrario, é por mor do avance científico do ser humano que hoxe podemos ser conscientes dos nosos propios límites como especie e como planeta. A esquerda, que despois do fracaso do socialismo real quedou orfa dunha narrativa propia de vocación universal que fixese fronte á narración sistémica do “non hai alternativa” thacheriano precisa construír desde xa ese novo storytelling, por usar un termo en voga, que abra unha vía de esperanza e que supere a anulación da vontade de cambio hoxe existente. Pero falar de narrativa non é falar de pura retórica baleira. Se toda teoría necesita da súa praxe para ser algo, toda praxe precisa tamén da súa teoría para facerse posible. O mundo do simbólico, o mundo dos valores, da ética, da cultura, da ideoloxía no sentido amplo deste termo, constitúe, para o animal con imaxinación que é o ser humano un dos seus principais motores. Baixo este novo paradigma da sustentabilidade e da concepción alternativa da vida a esquerda xa está a producir propostas concretas interesantes como poden ser a soberanía alimentaria ou o decrecemento que cómpre explorar e reivindicar. A traslación destas novas correntes ao noso país ben podería unificarse baixo a idea da defensa do territorio, a mellor maneira de potenciar unha alianza entre o que queda de mundo labrego e mariñeiro, perseguido até a práctica extinción en beneficio dos intereses do capital internacional, e as capas urbanas máis críticas que perciben non só como posible, senón tamén como probable, a convivencia do crecemento económico coa penuria social.
Antes que moita esquerda, a dereita é consciente de que a potencia dun discurso baseado en valores e prioridades incompatibles coa ética capitalista, un discurso que fala de límites a un sistema que non coñece tal concepto, un discurso que fala de preservación a un sistema baseado no desbalde, un discurso que fala de patrimonio común a un sistema que só entende de recursos explotables pola iniciativa privada, un discurso que ademais é susceptible de chegar ás grandes maiorías sociais, ben pode converterse no seu próximo pesadelo. Unha ética da austeridade (da austeridade ben entendida non dese eufemismo neoliberal baixo o que se pretende eliminar todo gasto social) baseada só na produción e no reparto do prioritario é unha ética incompatible co capitalismo consumista. Precisamente o tipo de capitalismo que mellor soubo anular toda tentativa de emancipación e que conseguiu colonizar, coas súas promesas de satisfación-na-acumulación, as mentes dunhas clases populares que nada gañaban refrendando ese estado de cousas cos seus hábitos da vida cotiá, especialmente de lecer. Pero se a propia lóxica do capitalismo baseado no consumo de masas acolle en si, no medio prazo, a contradición insuperable que inaugura a nova realidade global, a mutación do capitalismo de consumo de masas nun capitalismo de tipo asiático, eficaz a base de autoritarismo e exclusión —como nos está a indicar o caso chinés, onde un crecemento económico espectacular e sostido convive cun número cada vez maior de poboación non integrada no sistema— ten moito máis complicado o control ideolóxico dos cidadáns elemento imprescindible para evitar que a insatisfacción se torne oposición frontal.
O continente europeo goza dunha acumulación de riqueza inxente e de poboación formada que pode ser empregada para avanzar neste novo paradigma. O mesmo que no século XVIII ou na posguerra do século XX, Europa, o noso contexto máis próximo, pode situarse á cabeza do progreso humano potenciando un novo espírito ilustrado capaz de comprender a necesidade de pensarmos o mundo coma un todo no que só o benestar do conxunto pode asegurar o benestar de cada parte. Precisamos dunha nova Ilustración, mestiza como o eran os revolucionarios haitianos que conseguiron a independencia do país caribeño en 1804, que recolla no seu seo as epistemologias do sul e que amose ao mundo o camiño sen saída ao que conduce a lóxica do produtivismo, tamén naqueles lugares, os obradoiros do mundo coma China, que están a vivir agora a súa propia revolución industrial.
Así, e xa por rematar, se a vella esquerda industrialista fracasou no seu intento de competir co capitalismo nun campo no que este xogaba moito mellor, a nova esquerda debería concibir a súa alternativa con tal radicalidade que o capitalismo e o novo socialismo de impronta ecoloxista (ou se se quere, e para evitar a cooptación xa acontecida co fenómeno dos partidos verdes centroeuropeos, o novo ecoloxismo de impronta socialista) sexan dous sistemas inconmensurables, dous universos cuxas éticas e modos de vida sexan absolutamente inintelixibles. Intraducibles.

Sem comentários: