1/01/2011

Apolo, Dionisos e a esquerda




Nun artigo de recente publicación, Terry Eagleton ocupábase da extinción programada para as humanidades na universidade actual. Disciplinas estas, as humanidades, tradicionalmente ligadas ao pensamento crítico e, polo tanto, pouco interesantes para a concepción utilitarista e filoempresarial da nova universidade á bolognesa que se pretende cociñar. Unha concepción, por certo, na que colaboran con moito fervor no noso país, a xulgar polo lido hai pouco, editorialistas como os do Faro de Vigo.


«De cando en vez ―escribía Eagleton sobre as últimas protestas dos estudantes ingleses―, como a finais dos anos 60 e nestas últimas semanas en Gran Bretaña, esa crítica lánzase á rúa, e se dedica a confrontar como é que vivimos na realidade con como poderiamos vivir.»

E porén, eu teño para min que entre as protestas actuais e as dos anos sesenta hai unha diferenza importante. A diferenza que vai dunha esquerda rebelde que devecía por pór cos pés para arriba todos os aspectos da vida e para a cal o keynesianismo sabía a pouco e outra que, por causa da vitoria absoluta do neoliberalismo, olla con nostalxia, de xeito máis ou menos explícito, aqueles marabillosos anos de paternalismo fordista, fronteiras nacionais e estabilidade económica. Non temos máis que enxergar ao noso redor para percibir como o vello inconformismo inarticulado que noutros momentos históricos nutriu de enerxías á esquerda hoxe vira cara a dereita. Que Moe Tucker, antiga baterista da Velvet undeground, confesase a súa filia polo Tea party ou que Alaska, outrora icona de modernidade xuvenil e progresismo, hoxe teña un blog en Libertad digital, ben pode ser a anécdota ilustrativa que confirme como o vello aire sesentaoitista, polo mero paso do tempo e/ou pola asunción dalgunhas das súas reivindicacións, xa é compatible coa defensa dos mercados desregulados ou co discurso antimigratorio. Con este clima cultural flotando no aire, non extraña que dos produtos publicitarios máis mainstream aos máis rancios e autoritarios columnistas dos xornais, todo o mundo reclame para si un certo espírito contracorrente, anticonvencional, punk; mentras que o discurso da esquerda parece conxugar hoxe, máis ca nunca, o verbo conservar (conservar o ambiente, conservar o Estado de benestar, conservar a diversidade cultural, conservar o control sobe os movementos de capital, etc.).
Do mesmo xeito que poida que parte da responsabilidade desta saída do armario da dereita en multiples campos sociais, esta falta de mala conciencia ou mesmo de vergonza, habitual ata non hai moito, sexa o froito que recolle a semente da contrarrevolución de finais dos 70, tamén se podería pensar que a actitude conservacionista da esquerda é, en realidade, un síntoma máis da posición á defensiva na que continúa tras décadas de derrotas implacables. E porén, isto último admite outra lectura.
Como ben explican Carlos Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero no seu, A orde d´O Capital, a tradición marxista, empeñada en desligar a Marx da tradición republicana á que pertencía propiciou unha interpretación daquel na cal todo o que sucedía na chamada superestrutura debía ser considerado un mero fenómeno secundario do capitalismo. Así, loitar contra o capitalismo implicaba tamén loitar contra a democracia "burguesa", o dereito "burgués", a cultura "burguesa", as institucións "burguesas", etc. Da aplicación a todos os aspectos da vida desta lóxica, pódese dicir que bebía, en certo modo, o vello espírito sesentaoitista. Ou non se trataba, na retórica da época, de cuestionalo todo, de desexar o imposible, de destruír o existente para recomenzar desde cero?
Din Fernández Liria e Alegre Zahonero:


«A Ilustración pediu un dereito universal e o capitalismo xeralizou o mercado. Aquí debería terse sinalado a perplexidade da gran estafa da modernidade. Porén, a tradición marxista non se sentiu moi atraída polo tema (pois decidira xa que o dereito non era máis que un epifenómeno do capitalismo). Mentres tanto, a economía entronizou este xogo de mans ata que foi posible localizar no mercado algo así coma "un dereito máis profundo ca o dereito". O que se agochaba aquí, por suposto, non era máis que a pretensión do capital de facerse dono do aparato do Estado no seu propio beneficio. Tratábase de sentar as bases teóricas para unha rendición do dereito a favor do capital.»

Que pasou nos últimos anos para que autores de tradición marxista como os escritores deste libro ou outros como o citado Terry Eagleton, estean a reivindicar o papel do dereito, ou o papel dunha institución como é a universidade? Que pasou para que os estudantes ingleses ou italianos, lonxe de soster consignas como "facédesnos envellecer", o que berren sexan cousas tan razoables como que é inxusto que o acceso ao sistema de educación dependa da disponibilidade de cartos para sufragar as taxas?
Parece que fose verdade o tópico de que os que corrían diante da policía no maio do 68 hoxe son executivos de multinacionais e que o capitalismo, nunha das súas múltiples mutacións, soubo combinar a súa inxusta e implacable lóxica no económico cun aspecto xuvenil, frívolo e mesmo liberal, nas cuestións epidérmicas. E fíxoo conseguindo convencer aos máis do anquilosamento e institucionalización da esquerda nun momento no que esta case que non está presente en ningunha institución. Tampouco parece casual que esta oda á revolución e á xuventude, esta sorte de fe dionisíaca no desbalde, no consumo, na competición, na imaxe, na guerra, no espectáculo, na banalidade, este novo nietzscheanismo cool, no que vive inmersa a sociedade levase parello un desprezo cada vez maior cara a moi plebeia democracia.
Se desde posicións que reívincan a tradición republicana se están a dedicar moitos esforzos a volver ligar á esquerda con ítems (liberdade, democracia, etc.) dos que ou ben a propia esquerda se desprendeu na deriva do socialismo real ou dos que foi alienada como consecuencia do monopolio no discurso dos aparatos ideolóxicos neoliberais, isto parece coíncidir, seguramente non por casualidade, cun momento histórico no que custa, cada vez máis, aceptar o tandem capitalismo/democracia e no que o mundo que deixa o capital globalizado é máis parecido a un remuíño de novidade constante, inestabilidade, expansión e subversión de todo presuposto que de respecto á orde e ao costume, valores vinculados, historicamente, ao pensamento conservador.
Nun despregue máis da súa capacidade para superarse a si mesmo, o capitalismo está sabendo crear a unión de contrarios (defensa do status quo no económico e da mudanza constante en todo o demais). Isto, para a esquerda, abre algunha vía transitable ao tempo que crea tamén novos riscos. A primeira consiste en entender que o ser humano e a novidade constante ou a constante inestabilidade non se levan ben. As persoas sempre desexan, no fondo, unhas condicións mínimas de estabilidade nas que desenvolver as súa vidas. A expansión do capitalismo a costa dunha desenfreada fe no espírito dionisíaco do ser humano ten, ademais dos límites impostos polo propio planeta, o límite da capacidade do propio ser humano para vivir nun estado de precariedade indefinida. En canto aos riscos que afronta unha esquerda excesivamente razoable, institucional e construtiva, unha esquerda apolinea por seguir co símil nietzscheano, atópase a perda dun patrimonio inestimable: o da xuventude e a enerxía que lle é inherente. A respecto disto non estraña que un marxista como Alex Callinicos, nun artigo sobre as protestas estudiantís inglesas, botase man dun concepto como o de élan propio dunha filosofía vitalista e irracionalista como a de Bergson e que tan próxima se atopa, en moitos aspectos, á nietzscheana:


«Unha das forzas dos movementos estudiantís é a velocidade e o elan co que enchen o buraco entre as palabras e os feitos. Isto viuse en Francia en 1968 e na Gran Bretaña de 2010.»

Como combinar a defensa das institucións co espírito rebelde, velaí o reto para unha esquerda que pretende, como nos distintos experimentos Latinoamericanos, chegar ao poder por vías democráticas, defender o estado de dereito, conquistar os aparatos todos do Estado ata facer do seu discurso o hexemónico, pero que pode perder, se non entende convenientemente a complexidade da personalidade humana, o favor da rúa; deixando de lado a valiosa e sempre conflitiva corrente de enerxía popular que se move, caoticamente, fora de todo corsé.

2 comentários:

Torcinho disse...

Dous mitos da novísima dereita:
1. É mentira que queiran un estado mínimo. O que realmente pretenden é que estea cada vez en menos mans. Sen o apoio do entramado burocrático-institucional, o capitalismo colapsaría. O éxito e a expansión das grandes corporacións, dos macrogrupos empresariais e mediáticos basease en gran medida, na cooptación do aparato estatal.
2. É mentira que o neoliberalismo represente a innovación, a subversión, a inestabilidade, a flexibilidade. Para mostra, Alaska. Leva 30 anos facendo o mesmo, ou sexa nada; vivir dun par de cancións "xeneracionais". Por outra banda, se algo caracteriza os gurús do novo paradigma é a mediocridade intelectual(cando non directamente a burricie).
E por moito que lle pese á baterista da velvet, pois si, os do tea party son idiotas, intolerantes e racistas; aínda que haxa afroamericanos, gais ou profesores universitarios nas súas filas.

O Fuco disse...

Agora que está de moda o Lacan (sen grelos) retrucarei ao seu modo: unha cousa é o que os feitos sexan Realmente e outra o que os feitos sexan Simbolicamente. Realmente, o capitalismo sen estado non existiría, simbolicamente, os neoliberais espallan unha retórica anti-estado (naturalmente anti-estado do benestar) que contribúe a fomentar un clima ideolóxico-cultural que lles sexa propicio. Realmente, Alaska é un bodrio que non transgrediu nada na súa vida, simbolicamente, Alaska foi unha icona relacionada coa xuventude transgresora e moderna polo menos segundo a lectura histórica oficial da España post-transición (o mesmo se pode dicir, mutatis mutandis, dos tipos da tertulia de Televigo dos que falabas nun dos teus últimos posts). Realmente, Coca-cola non quere mudar absolutamente nada, simbolicamente, véndese coma unha revolución constante. A nivel ideolóxico-cultural o Simbólico é tan importante coma o Real e, que o simbólico-revolucionario estea, neste momento, tan copado por personaxes e entidades que en absoluto son revolucionarios no real é proba do lonxe que está o pensamento da esquerda de ser hexemónico. Polo demais estou dacordo contigo en todo que dixeches.