Porén, non parecen nada acomplexados polo case nulo resultado empírico co que contan as súas construcións teóricas. Máis ben ao contrario, en ton bastante arrogante, consideran que se os feitos non respostan aos seus modelos, o mellor que se pode facer é mudar os feitos. Trátase, sen dúbida, dun proceder científico inusual o de pensar que cando a realidade non se axusta ao modelo, o que falla é a realidade e que, polo tanto, haberá que aplicar algún plan de axuste do FMI para corrixila.
A orde d´O capital. C. Fdez. Liria e L. Alegre Zahonero
Pedro Arias, o gurú do PP feijonita, dicíao claramente hai ben pouco: mentres que eles —a dereita, enténdese— encarnan nesta coxuntura histórica a «vangarda», a esquerda vive inmersa nun «naufraxio intelectual». E non lle faltaba parte (só parte) de razón ao personaxe. Que fose alguén coa súa biografía (comunista nos setenta, nudista posmoderno nos oitenta e neoliberal no presente) quen sacase o tema nun parlamento monitorizado polos poderes económicos (tanto dá que se trate do galego ou doutro parlamento occidental tido por máis soberano) no que as políticas de esquerda só poden estar presentes de xeito retórico e a través de partidos que demostran na súa propia estrutura e praxe, unha e outra vez, que toda aplicación desas políticas é —no estado de cousas actual — inviable, semella por si mesmo tan elocuente que non merece moito máis comentario.
Agora ben, malia recoñecer a parte de razón do deputado, cómpre tamén sinalar, en descargo da vilipendiada esquerda, algo que Pedro Arias se cadra esqueceu e que hai que lembrar: só a esquerda pode fracasar intelectualmente porque só o pensamento de esquerda é intelectual. Isto sintetizábao moi ben o defunto Vidal Beneyto cando dicía aquilo de que «ser intelectual de dereitas é un oxímoro» e calquera que se pare a pensar un pouco no fracaso que supuxeron estes últimos tres anos de crise do modelo capitalista e de rescates millonarios por parte do sector público ao privado —evidentemente os desastres son moi anteriores pero a crise económica sempre ten a triste vantaxa de facer as cousas máis diáfanas— para a narración que a teoría neoliberal se viña contando a si mesma, e en como este fracaso non afectou o máis mínimo ao discurso público de persoas como Pedro Arias, só pode chegar á conclusión de que ese tipo de pensamento —o de dereitas, enténdese—, por estar máis preocupado polo poder que pola verdade, atópase máis próximo ao marketing que á labor intelectual. É precisamente por iso que nunca se poderá dicir del que naufraga intelectualmente senón que haberá que botar man doutro adverbio para acompañar ao seu tipo particular de naufraxio.
Dito isto, e por estar a ler neste momento un libro sobre O Capital de Marx (trátase de El orden de El capital de Carlos Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero) que segue a discutir intelectualmente co pensador alemán —salvando o salvable das súas ideas e incardinándoas na tradición republicana á que pertencen— en busca da considerable porción de verdade que aínda posúe tras décadas de interpretacións mesiánicas e deterministas por parte dos exéxetas que darían soporte intelectual ao socialismo real, si sería desexable que a «vangarda» neoliberal (a escolla do termo constitúe case que un lapsus freudiano habida conta de que tratamos con conversos dunha ortodoxia a outra) comezase desde xa (algo que evidentemente nunca fará) coa moi necesaria revisión dos seus propios libros revelados (os dos Friedman, Hayek e demais) toda vez que estamos a presenciar —de xeito máis dramático segundo vai pasando o tempo— como os seus particulares mitos (equilibrio espontáneo do mercado, desprezo polo sector público, equiparación de capitalismo e democracia) veñen de facer auga por todas partes e como, fronte ao capitalismo soñado, o capitalismo real ameaza con asolagar de vez non só aos habitantes do sur mundial —as súas vítimas seculares— senón tamén á cidadanía dos outrora países privilexiados polo sistema.
3 comentários:
Eu creo que este tipo de xente tan...voluble,volátil,versátil e vaporosa nunca naufraga; porque xamais abandona terra firme.
A revisión ésa da doutrina neoliberal, non é o que fan nas festas do té?
É unha maneira de velo. Se cadra cando o discurso académico falla hai que botar man do descerebre de masas para que o bussines siga as usual.
Que o señor pedro arias explique mais ben onde e que esta a diferenza entre a vella dereita a que el representa e a nova dereita que representa o señor zapatero e a sua comparsa,que o señor arias explique el tan intelixente a diferenza a hora de facer opsicion (non xa a hora de governar)entre eles e o señor zapatero, que o señor arias que tanto se esforza en por fincape na diferenza de facelas cousas no plano xa non economico se non tamen no ideoloxico como e que ao final obran do mesmo xeito a hora de:Deixar o estado valeiro de competencias economicas e en mans do sector finacieiro privado(non sin antes e paradoxicamente como seria de recibo acudir en auxilio de este cos cartos de todos),vender as empresas publicas que tantos billons daban as arcas anualmente e que asemade deixan ao pais sen timon que poida guialo perante o mais minimo vento en contra e a o cal esta visto e comprobado que o sector privado cos seus reaxustes non e capaz de sacarnos sen antes deixar como en cada ciclo unha nova morea de xente pobre que tera que sumarse a parte da poboacion que noutra hora foron vitimas do neo liberalismo.
Que o señor pedro arias explique como e que o pais ao cal el(e.e.u.u)nos pon como paradigma todo-los dias a hora de como se fan as cousas de forma axeitada ten nada menos que 60.000.000 de persoas sen covertura de ningunha clase e si para el entra dentro dos seus parametros como aceptable iste dato.
Que explique se centra a sua ira na politica xenuina europea e social que esta comprobado feacentemente que e a que esta a dar a mellor colleita a nivel de mais baixo paro,menos siniestrabilidade laboaral,sanidade,pensions,politica verdadeira orientada a natalidade,salarios e dereitos
equilibrados entre homes e mulleres.
Expliquenos señor Arias enton se e verdade que xa que neste pais no que eu non lembro con 46 anos que teño o mais minimo goberno progresista e eropeista e no cal segun os ideais malchamadamente intelectuais que vd defende le varonse a cabo na praxis todos estes anos dende a instauracion da democracia e vexanse os froitos, se e verdade que vostede non ataca a un ideai de esquerda inasumibei pola nova dereita(psoe),se non que en troques vostede o que ataca e a alternativa de poder.
En definitiva señor Arias para que todos entenderamos mellor farianos un fabor en aclararnos a diferenza entre vostedes e iles e quizais asi enton quedaria ben clariño que razon tiña aquel home que un dia lles dixo a un grupo da sua xente cando iles lle preguntaban:maestro como saberemos cales seran os bons a tua falta ,e il que non estudara para catedratico de economia respostou:POLOS SEUS FEITOS OS COÑECEREDES.Non polas suas palabroterias señor Arias,non polas suas palabroterias.
Enviar um comentário