Veño de ler o sinistro fresco que Mike Davis pinta no seu recomendable Planeta de cidades miseria. Un traballo que se achega a aqueles dos que ninguén se ocupa: os residentes nos sectores «hiperdegradados» de «megacidades e hipercidades globais» (aquelas que pasan dos oito e dos vinte millóns de habitantes respectivamente) como Dacca, Manila, Kinshasa, Calcuta, México DF ou São Paulo. Parentes no tempo —como o mesmo Davis suxire— da primitiva clase obreira inglesa que ateigaba os inmundos barrios das cidades victorianas e que Engels retratara no seu A situación da clase obreira en Inglaterra (modelo social este, por certo, ao que aspiran aqueles que pretenden roubarnos o Estado do Benestar diante dos fuciños). Irmáns globais desoutros que ata hai nada morrían afogados nas praias andaluzas e canarias ante a mirada bovina dos bañistas e que agora, tras os acordos dos países europeos cos gobernos da África negra e magrebí para a externalización dos controis migratorios (véxase a interesante reportaxe Europa muda de valados sobre o tema no número de xullo da edición en castelán de Le Monde Diplomatique), morren ao sur do Sahara, lonxe da nosa vista.
Do libro de Davis quedo con dúas pinceladas: a primeira, a crítica frontal a propostas —que poderiamos calificar de utopismo neoliberal— como a de Hernando de Soto (da que eu falara aquí hai xa ben tempo) que queren ver na simple emisión de títulos de propiedade sobre os catro plásticos que posúen os excluídos globais e na súa conversión á microempresa (a versión terceiromundista do conto do emprendedor ao que estamos afeitos) a solución a unha marxinación estrutural xerada por un capitalismo que trata a este colectivo inmenso como simple excedente de carne humana non aproveitable; a segunda ten que ver con aquela parte do libro titulada Vivindo entre a merda na que Davis explica con claridade e sen escrúpulos bempensantes a relación daquelas xentes coa omnipresente realidade material dos excrementos. Paréceme que o tema deste epígrafe ilustra e resume como ningún outro as penurias, as humillacións e as inxustizas presentes no resto das facetas vitais desas persoas así como a aplicación ata o absurdo da fórmula máxica da privatización dos bens públicos (mutatis mutandis o que Feijoo pretende facer aquí coa sanidade) como solución universal aos problemas da humanidade.
«Nas áreas hiperdregradadas de Bangalore —di Davis— a cidade escaparate da tecnoloxía avanzada, o "Resplandor da India", as mulleres pobres que non poden pagar para utilizaren as letrinas, deben esperar ao anoitecer para lavárense ou faceren as súas necesidades.[...] A solución á crise sanitaria que propuxeron algunhas eminencias sentadas nos seus cómodos sillóns de Chicago e Boston foi converter a necesidade de defecar nun negocio global. Realmente un dos grandes logros do neoliberalismo que patrocina Washington foi converter os servizos públicos en puntos de recaudación de fondos para pagar a débeda extrema e actualmente os servizos de pago son unha industria florecente nas áreas urbás hiperdegradadas do Terceiro Mundo.»
Malia a oportunidade do tema, non vou falar agora do lixo televisivo. Porén, como non é moi habitual, direi que antonte vin a tele. Ironías do destino ou froito dun programador con bo criterio botaron o filme uruguaio O baño do Papa (Charlone/Fernández, 2007) cuxo argumento sintetizaba, precisamente, os dous aspectos que máis me chamaron a atención do libro de Davis. Así mesmo, o filme puña o dedo na chaga ao abordar algo (o recurso a grandes eventos como creadores de falsas expectativas) que, ao pensarmos na vitoria mundialista da selección española de fútbol (e o suposto beneficio que aquela habería reflectir no PIB) ou na vindeira visita de Ratzinger a Compostela (presentada tamén coma o negocio do século) non só parece afectarlle a eses países que engreidamente alcumamos coma do Terceiro Mundo (exemplo actual é Sudáfrica, a propia sede do mundial, que ten en Johanesburgo outro dos enclaves da miseria retratados por Davis), senón tamén a nós, curmáns pobres de Europa. A película ten lugar en Melo un escangallado poboado próximo á fronteira co Brasil. Ante a perspectiva dunha grande afluencia de forasteiros co gallo da inminente visita do Papa Xoan Paulo II os miserentos habitantes da vila comezan a argallar a maneira de sacaren algún proveito económico. Isto é, comezan a ilusionárense coa posibilidade de se converteren todos en empresarios. Entre eles Beto, un contrabandista de pouca monta que malvive coa súa muller e filla e que se empeñará en levar a cabo o que considera unha idea xenial: investir o pouco que ten en fabricar un váter público de bloques co que facer algo de cartos a costa das necesidades fisiolóxicas das agardadas masas. Por suposto, e lembrando un pouco ao Benvido Mr Marshall de Berlanga, o proxecto desemboca nun estrepitoso fracaso que deixa á familia de Beto e ao resto de Melo aínda un pouco máis pobres do que xa eran. A película é toda ela tan deprimente como a realidade que describe, pero que Beto decida finalmente arrebolarlle unha botella de viño á pantalla do televisor da taberna farto xa de escoitar o marabilloso que fóra para Melo a efímera visita do Papa non deixa de constituír un aceno optimista por parte dos directores.
Con só vinteseis anos Karl Marx escribiu nos seu Manuscritos de economía e filosofía que «a Economía Política non coñece ao traballador parado, ao home de traballo, na medida en que se atopa fóra [da] relación laboral. O pillabán, o sinvergonza, o esmoleiro, o parado, o home de traballo famento, miserable e delincuente son figuras que non existen para ela, senón apenas para outros ollos; para os ollos do médico, do xuíz, do sepultureiro, do alguacil de pobres, etc.; son fantasmas que quedan fóra do seu reino.»
Nesas masas de excluídos dos guetos hiperdegrados, nestes fantasmas de tez morena e pés sucios —versión actual dos parias da terra aos que se refería Marx— descansa, salvo que a avultada bolsa de parados da Europa en crise se convirta en crónica, toda esperanza de rebeldía transformadora.
1 comentário:
De facto, todas as iniciativas de dignificação de classe a que assistimos estão a decorrer nesse "Terceiro mundo" ou no que algumas pessoas do primeiro consideram ser o terceiro. Os avanços na América do Sul são prova evidente e não há necessidade de concordamos 100% com eles. Na Europa, por enquanto, não se dão as condições objetivas para um apoio maciço a projetos de organizações transformadoras. E muito menos as subjetivas. Parabéns e saúde.
Enviar um comentário