Disque onte a seleción española fixo historia ao terse metido na final do campionato mundial de fútbol de Sudáfrica tras unha victoria fronte ao combinado alemán escasa en goles pero folgada en calidade. As xentes da pell de brau da que falara Espriu entregábanse á histeria colectiva acrítica e apaixoadamente así como a un chauvinismo edificado sobre peares de barro ben pouco tempo despois de teren presenciado impasibles como as políticas económicas no Estado Español viraban sumisamente en canto o FMI (isto é EEUU) e o Banco Central Europeo (isto é a «esmagada» Alemaña) acenaban a máis mínima ameaza. Apenas uns días antes do partido, o presidente Zapatero, respondendo á omnipresente obsesión polo déficit e os recortes sociais que desde o ultimatum de Angela Merkel trae de cabeza especialmente ao grupo de países graficamente alcumados de PIGS (Porcos), sentenciaba que España habería «superar o diferencial con Alemaña»; iso sí, Zapatero aclarou —tamén contaxiado pola euforia futboleira— que se estaba a referir ao diferencial de fútbol, non de débeda.
Mentres onte, desde a miña casa, escoitaba o estourido de xúbilo dunhas masas necesitadas de sentírense de cando en vez gañadoras de algo, lembraba un libro de obrigada lectura —Soberanos e intervidos. Estratexias globais, americanos e españois (Joan E. Garcés, 1996)— cuxa existencia coñecín grazas a Xosé Manuel Beiras. No mesmo pódense ler auténticas leccións de historia (Historia con maiúsculas, non esa historia charramangueira e ad hoc dos Píos Moas & cia empeñados en retrotraer a orixe do seu modelo de España case que ao pleistoceno) e sobre o funcionamento da política real (non da política espectáculo da que o fútbol constitúe a máxima sublimación). A seguir reproduzo en extenso unha pasaxe especialmente interesante para comprendermos por que é o capital alemán (un país reconstruído por EEUU tras a fin da segunda guerra mundial para conter á Unión Soviética e base do maior número de efectivos e armamento do páis americano en Europa) quen, por medio da superestrutura da UE, dicta a política do Estado Español e por que é tan fielmente obedecido polas elites políticas e económicas deste recanto do mundo. Así mesmo, sirve para explicármonos novas tan actuais como que o Tribunal de Xustiza da UE declare ilegal a decisión do goberno portugués de impedir a venda do 30% da compañía Vivo á compañía Telefónica argumentando que «Portugal incumpriu as obrigacións que lle incumben en virtude da libre circulación de capitais ao manter en Portugal Telecom dereitos especiais atribuídos en relación con Accións de ouro» (estes «dereitos especiais» que o tribunal retira a Portugal é o que antigamente se coñecía como Soberanía Nacional); que o Estado Español teña sido, segundo fontes xudiciais, base para voos ilegais da CIA encargados de transportar a cárceres secretas de Europa e África a secuetrados en Afganistán (nova esta que pon en tea de xuízo a soberanía real dun estado que só parece lembrarse de si propio cando a soberanía pretende ser exercida desde instancias territoriais máis pequenas ca súa); ou que desde o PSdG de Breogán (partido, polo que se ve, máis cómodo coa retórica nacionalista romántico-folclórica que coa visión da nación republicana, cívica e soberana) se nos pretenda convencer a estas alturas —a través da súa ideóloga analfabeta en galego Mar Barcón— de que nin o espectáculo do fútbol se utiliza como distracción política, nin o xogo político que propicia o bipartidismo reinante no Estado Español desde a morte de Franco é, en termos debordiáns, un simple espectáculo:
«En abril de 1974, cando Franco se aproximaba ao seu fin biolóxico, no veciño Portugal os capitáns agrupados no Movemento das Forças Armadas (MFA), sen dispararen un tiro, derrotaron unha ditadura de catro décadas. A inesperada revolución, democrática e endóxena, nun país fundador da OTAN alarmou ao resto da Coalición bélica, cuxas estruturas foron mobilizadas para illala e afogala. En especial, con respecto a España —onde decenas de capitáns e comandantes se estaban asociando en 1974 clandestinamente nunha Unión Militar Democrática (UMD) de orientación democratizante e nacional. O secretario de Estado Kissinger mostrábase partidario de aplicar aos portugueses o castigo que sufría Chile desde medio ano antes. Isto espertou preocupación entre os europeos e a propia Coalición bélica, en especial o goberno alemán cuxo Chanceler —Willy Brandt (socialdemócrata)— entendía que "Europa non toleraría un Pinochet". Pois desencadear en Europa unha represión masiva e sanguenta como a que se estaba aplicando sobre un país a fin de contas, visto desde Bonn, do "Terceiro Mundo", tería efectos negativos para a estabilidade do Continente europeo, o que tería sido contraproducente para o principal obxectivo da diplomacia da RFA: lograr a reunificación alemá mediante a aproximación-distensión entre os Bloques do Oeste e Leste europeos, reducindo as causas de confrontación. O goberno de Alemaña Federal ofreceu a Kissinger métodos distintos para reintegrar Portugal na disciplina da Coalición e evitar en España outra revolución democrática: penetrar nos dous Estados Ibéricos a través dos políticos cooptados, financialos e darlles apoio político baixo cobertura de organizacións centradas na propia RFA —as Internacionais Demócrata-Cristía, Socialdemócrata e Liberal. A operación comezou con Mario Soares —exilado en Francia, a quen se elixiu para crear en Bonn un "Partido Socialista de Portugal" en 1973, e retornar ao seu país en 1974 co apoio material dos Gobernos interesados en destruíren o proxecto nacional autónomo do Movemento das Forças Armadas.
O 19 de xullo de 1974, tres meses despois da Revolución portuguesa, Franco aqueixaba unha enfermidade que anunciaba a aproximación da súa fin biolóxica. De inmediato, con toda urxencia, desde o partido no goberno da RFA financiábase a convocatoria en Francia (Suresnes) dun cónclave de mozos escindidos anos antes do tronco do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) —que xuntaba arredor dun milleiro de afiliados dentro de España. Esta fracción, apoiada desde Alemaña e Francia, situou á súa cabeza ao equipo de Felipe González Márquez en Suresnes. Unha campaña de marketing subseguinte introduciría ante a opinión pública nomes ata entón descoñecidos que, a pouco andar (1975-1976), illaron e marxinaron aos militares da Unión Militar Democrática e, en xeral, a quen eran reacios a que en España entraran a CEE e a OTAN sen condicións calquera que fose o custe que iso significara para a súa economía e independencia. Aos convocados a Suresnes díxoselles que eran hóspedes dun acto de solidariedade obreira internacional, algúns mesmo o creron. Simultaneamente os restantes partidos do Parlamento alemán —o Liberal e o Democristián— cooptaban a grupos "homologados" entre quen en España se disputaban as larguezas financeiras alemás. Así, co desembolso duns poucos millóns, Alemaña e Francia melloraron a súa penetración nos engranaxes dun Estado cuxa economía era entón a segunda do mundo en pesca, a onceava en produción industrial, a primeira de Europa en exportacións de froitas e legumes...; EEUU e o conxunto da Coalición bélica apuntalaron o seu dominio estratéxico sobre España ao socaire da súa transición desde unha ditadura ao pluripartidismo, que elevaron a prototipo para América Latina.»
4 comentários:
Semella que a Historia Universal da Infamia é un libro cun número infinito de capítulos. E os que virán.
Noraboa por este e polos anteriores.
ups: "por este post e polos anteriores"
Graciñas a ti por os leres
http://www.xabier-docampo.net/blog/29_blog.php
Enviar um comentário