6/30/2010

Cidadanía



«Nós somos o pobo de Madrid» exclamaban lucidamente os traballadores madrileños nunha das asembleas organizadas co gallo da folga do metro daquela cidade. Como se adiviñasen que a «Bombenpresse» (literalmente prensabomba), secuestrada polos mecanismos de «coordinación» aos que se refería ironicamente Karl Kraus n´A terceira noite de Walpurgis para denunciar a complicidade dos medios de comunicación alemáns co ascenso hitleriano, habería xogar unha vez máis a carta da xerarquización, da clasificación e da separación
que xa aplicaron na última folga do metal de Vigo e que resucitarán na vindeira folga xeral de setembro entre autoridades (neste caso o goberno autonómico de Esperanza Aguirre), desaprensivos e animalizados folguistas e esa categoría abstracta, neutral, sufrinte e sempre inocente, chamada cidadanía. Esta concepción paternalista e anxelical da cidadanía, totalmente afastada do sentido revolucionario orixinal e máis próxima ao ideal do suxeito-usuario ou do suxeito-consumidor é a que se promove a cotío desde todas as instancias de poder. Así, a unha cidadanía baleira de substancia constrúenselle dereitos igualmente baleiros de contido. Ben sexa privilexiando (fronte á folga incivilizada e «salvaxe») unha concepción da folga edulcorada (isto é, un dereito a facer folga sen facer folga), capada e inútil para os intereses dos traballadores ou ben sexa felicitándose entre liñas polo crecemento na xente do asocial dereito a preocuparse en exclusiva do cu propio. Do mesmo xeito, a fabricación de falsas oposicións entre sindicalistas e traballadores, entre traballadores e parados e entre calquera que actúe politicamente e a cidadanía —dicotomías que por outra parte camuflan convenientemente a verdadeira oposición entre clases causante última do conflito— tende a condenar o exercicio efectivo de dereitos (o dereito a sindicarse, o dereito a un traballo digno) e a promocionar as actitudes alienadas e sumisas epigonalmente representadas por esta nova figura do cidadán-apolítico-futboleiro que acepta a aplicación das regras do libre mercado ás relacións laborais e que máis que vítima do capital parece ser vítima dos abusos dunha aristocracia obreira egoísta e reivindicativa en exceso.

«A democracia representativa —dicía Boaventura de Sousa Santos— ao definir o espazo público de modo restritivo, deixa intactas moitas relacións de poder que non transforma en autoridade compartida; ao descansar en ideas de igualdade formal e non real, non garantiza a realización das condicións que a volven posible; ao contrapór en abstracto cidadanía e identidade [as cursivas son miñas], recoñece subrepticiamente a diferenza a partir dunha diferenza dominante (clasista, colonial, étnica, racial, sexual, relixiosa) que é transformada en norma —a identidade dominante— con base á cal son fixados os límites en que as outras diferenzas poden ser exercidas, recoñecidas ou toleradas.» (Santos, 2005)

Dificilmente se pode teorizar con máis claridade o que está a acontecer hoxe en día coa democracia. A creación dunha identidade abstracta dominante (consumidor, español, apolítico) na que se basea a igualdade formal dentro do cada vez máis restrictivo espazo público agacha todas as desigualdades reais e criminaliza todo intento de loita contra estas desigualdades. En coherencia con esta visión formal e abstracta dunha igualdade que parece flotar por riba das identidades subalternas concretas despréganse todos aqueles discursos discriminadores que cuestionan os logros do Estado do Benestar, Estado que no noso caso (cómpre lembralo agora que o Tribunal Constitucional sacou as tesoiras) é consustancial ao proceso de descentralización administrativa e política iniciado tras a morte de Franco. Xa sexa a través da invención dun problema demográfico para xustificar a eliminación do sistema de pensións, sexa apelando de xeito fariseo á liberdade de escolla dos cidadáns como método para beneficiar á escola e á sanidade privada en detrimento da pública (e ao idioma castelán en detrimento do galego) ou ben sexa, xa máis radicalmente, retirando do espazo público —malia a escenificación bipartidista dun disenso calculado— toda capacidade de decisión en materia económica; algo ben evidente nuns intres como os actuais nos que a política económica española é dictada, sen disimulo nin mediación, directamente polo FMI e polo Banco Central europeo.

2 comentários:

cossimo disse...

http://www.krisis.org/1999/manifiesto-contra-el-trabajo

O Fuco disse...

http://www.marxists.org/portugues/lenin/1920/esquerdismo/index.htm