6/28/2010

Democracia austera




Unha cousa hai que recoñecerlle a Alberto Núñez Feijoo: a intuición coa que escolleu, de entre todos os leitmotivs imaxinables para centrar unha campaña electoral, o leitmotiv da «austeridade». E non tanto pola capacidade contrastada do noso goberniño para ocultar con propaganda o que non consegue na realidade, senón pola agudeza de ter sabido reivindicar a filosofía (por chamarlle algo) que nestes momentos percorre, como se se tratase dunha caricatura cínica do vello espectro glosado por Marx, toda Europa de norte a sur e de leste a oeste. Á austeridade apelan todos aqueles que espallan a consigna anti-déficit decretada polo pensamento único como método infalible para saírmos da crise económica (velaí o G20 reunido en Toronto para pospoñer toda medida de fiscalización da banca e para avogar en exclusiva pola vía do recorte de dereitos sociais) e á austeridade tamén parece apelar o Tribunal Constitucional coa sentenza sobre o Estatut de Catalunya (un texto, cómpre lembralo, refrendado pola sociedade catalá e aprobado no Parlamento catalán por maioría esmagante) que vén de facerse semipública hoxe mesmo.
Se o feito de varios gobernos europeos teren aceptado sen rechistar as chantaxes neoliberais ilustrou como nunca a calella sen saída na que se atopa a socialdemocracia desde hai ben anos, os recortes impostos ao Estatut mediante sentenza tamén parecen estar a anunciar os límites doutro modelo: o do proceso de descentralización autonómica iniciado na chamada Transición española. E ambas cuestións en conxunto (preminencia dos mercados e filtro xudicial ás decisións da xente) estannos a falar, en realidade, dunha crise de moita maior envergadura: a dunha democracia recortada, austera.
Sexa como for, entraría dentro do lóxico (outra cousa é que o lóxico suceda) que a magnitude da crise e o fracaso socialdemócrata provocasen unha polarización social e política inédita. Así mesmo é de esperar (e xa veremos se sucede ou non) que despois desta sentenza do Tribunal Constitucional a sociedade catalá se divida entre aqueles que desexen ir alén do permitido pola legalidade española e aqueles que se conformen co actual estado de cousas. Ao fío disto, resulta rechamante ver como é novamente a postura tradicional da socialdemocracia (neste caso o PSC) a que voltaría quedar en terra de ninguén.
Veño de pasar uns días en Catalunya e, por puro azar, fun testemuña de dúas estampas que, se cadra, xa estaban a falar de todo o comentado sen siquera pretendelo. A primeira delas tivo lugar en L´Escala, a vila da Costa Brava na que se atopa o poboado greco-romano de Empúries. No paseo á beira do mar que une a vila coas ruínas puiden ver a Pasqual Maragall tomándolle algo nunha terraza imbuído do mesmo espírito de espectador melancólico co que os xubilados supervisan as obras públicas nas cidades. O expresidente catalán, noutrora abandeirado da solución federal para o labirinto español, é agora un simple veraneante distraído entre pedras vellas preguntándose por que fracasou o seu proxecto. A outra estampa, a que acompaña este texto, consiste nunha fotografía tirada na cidade de Girona, en concreto na entrada á parte vella. No doce contexto dunha tarde estival meditarránea pódese ver como unha pancarta a favor da independencia comparte sen estridencias e con total normalidade os quefaceres cotiáns dunha muller madura que rega flores. Será esta a proba de que a vía independentista comeza a ser acollida sen o maior atisbo de radicalismo retórico por unha sociedade catalá que se sente enclaustrada nos límites da austera democracia hispana? Habémolo ver.

Sem comentários: