6/15/2010

Reflexións corsarias



Hai veces en que atopamos libros tan brillantes e tan premonitorios que nos sorprende que se concebisen no momento en que se concebiron. Os Escritos Corsarios (conxunto de artigos en prensa dos anos 1973-74-75) de Pier Paolo Pasolini é un deses traballos. Compostos apenas un feixiño de meses antes de que o que
isto escribe viñese ao mundo, as preocupacións e as intuicións de Pasolini son tan vixentes e lúcidas que un pode mesmo, a partir delas, situar nun horizonte histórico máis amplo partes da súa propia biografía.
A seguir comparto algúns extractos e as reflexións suscitadas:


«A principios dos anos sesenta, debido á contaminación do aire, e sobre todo, no campo, debido á contaminación da auga (os ríos azuis e as levadas transparentes), comezaron a desaparecer os vagalumes. (Agora son unha lembranza, bastante desoladora, do pasado: e un home vello que teña ese recordo non pode recoñecerse a si mesmo de mozo nos novos de agora, e polo tanto non pode ter as fermosas saudades de outrora).»


Con este ton poético e coa melancólica e fermosa imaxe do momento da
«desaparición dos vagalumes», metáfora empregada para definir o intre da historia no que as grandes masas do campo se instalan nos barrios, construídos ás présas, da cidade para se integraren nas fábricas fordistas, Pasolini está a pór de relevo unha época que foi crucial para comprender a súa Italia natal. Mais non só. Tamén no noso país o fatídico momento da desaparación dos vagalumes marca un punto de inflexión histórico determinante. O caso galego e italiano non coinciden no tempo pois o fenómeno da migración campo-cidade é en Italia un pouco anterior. Ademais, se aquí a morte do ditador marca o nacemento dun Estado do Benestar —ben que eivado— necesario para lexitimar socialmente a transición política, a Italia de principios dos setenta , da que se ocupará Pasolini nos seus artigos, permítelle xa percebir, con moita nitidez, os cada vez máis negativos efectos provocados pola nova forma de capitalismo globalizado.
Se ao botar a vista atrás á miña propia experiencia vital detecto con facilidade as primeiras consecuencias desta mutación social, paréceme que é agora cando os fenómenos descritos por Pasolini son verdadeiramente significativos na nosa sociedade. Analizando a miña propia infancia, unha infancia na que compartín casa con pais, avós e bisavós, semella claro que asistin á decadencia antropolóxica —o imparable devalo da mentalidade anterior á desaparición dos vagalumes— que tanto preocupaba ao cineasta. Esta forma de entender o mundo —a propia do universo labrego previo á industrialización— desaparecía paseniño a cada xeración. Será a miña a primeira en non nacer na aldea —senón no barrio da cidade— e en acodir a ela só esporadicamente. Pero serán as xeracións posteriores á miña as primeiras en coñecer única e exclusivamente o mundo posterior á desaparición dos vagalumes. Elas experimentarán o raro privilexio de teren perdido calquera tipo de contacto co mundo preindustrial. Coa súa percepción do tempo, das relacións persoais e dos valores.


«Vin cos meus sentidos como o comportamento imposto polo poder do consumo refacía e deformaba a conciencia do pobo italiano, ata unha degradación irreversible».


Na casa da aldea quedaban, entre outros, dous recordos da vida campesiña —unha galleira e un manle— feitos de madeira e coiro polas mesmas persoas que os haberían empregar no monte e na eira. Son o vestixio dunha época aterior á omnipresenza da mercadoría. Onde a fabricación do superfluo non existía. Na mesma casa da aldea había uns coxíns co debuxo dun koala, un cadro cunha escena alpina e fotografías de peixes de cores caribeños: son os amuletos que os descendentes dos fabricantes de manles traerían da emigración. Concrecións da superprodución capitalista que, naquel contexto, aínda posuían a maxia (a aura diría Benjamin) do insubstituíble. Da casa da cidade, ateigada xa de obxectos prescindibles, non gardo recordos físicos (para que gardar o que non ten aura), gardo discursos preciosos: palabras como sindicato, explotación, folga, amarelo, esquirol. Tres xeracións. Tres mundos. Uns que xa non existen, outros que agonizan.


«A homologación cultural conseguinte concerne a todos, pobo e burguesía, obreiros e subproletarios. A situación social cambiou no sentido de que se unificou extraordinariamente. A matriz que enxendra a todos os italianos é hoxe a mesma. En Italia xa non hai unha diferenza apreciable —alén da opción política como esquema morto que se rechea xesticulando— entre un cidadán calquera fascista e un cidadán calquera antifascista. Ambos son cultural, psicolóxica e, o que é máis impresionante, fisicamente intercambiables. No comportamento diario, mímico, somático, non hai nada que distinga —repito, alén dunhas eleccións ou un acto político— a un fascista dun antifascista.»

Velaquí a morte das culturas populares, o derradeiro acubillo que lles quedaba aos de abaixo para se resistiren aos de arriba. É neste momento de indiscernibilidade que aparece a abstracción da
«clase media». Quen é a clase media? Economicamente niguén, culturalmente todos. Da orixe profundamente ideolóxica do termo clase media escribía hai pouco, coa precisión que o caracteriza, Vicenç Navarro. Que hoxe os partidos todos —tamén os da esquerdadirixan a súa mensaxe a ese centro ideolóxico inexistente demostra ata que punto o proceso de aculturación do capitalismo hedonista triunfou mesmo entre aqueles a priori máis conscienciados e atentos. Se o nacemento do home-masa supuxo unha vitoria do capital o nacemento do partido-masa constitúe o seu broche final. E se a fin da alternativa soviética axudou a que esta infiltración dos valores do capitalismo na propia consciencia das persoas fose aínda máis rápida e tan eficaz que hoxe impida imaxinar mesmo calquera tipo de vida fóra da ditadura do mercado, o fracaso da estratexia reformista socialdemócrata demostrou que, lonxe de dar domesticado á fera, foi a fera quen domesticou á socialdemocracia. A Terceira vía é, neste sentido, un produto máis da colonización cultural capitalista denunciada por Pasolini. Que hoxe a socialdemocracia sexa un proxecto finiquitado, algo que xa recoñecen os propios medios socialdemócratas (véxase o editorial de El País de onte titulado Malos tiempos para la socialdemocracia) non debe estrañar a ninguén. Os partidos non son máis que agrupacións de persoas. Cando as persoas entenden o discurso do capital coma propio, cando a xente se identifica emocionalmente cos valores do capital, está na súa lóxica que as organizacións creadas por esas persoas reproduzan o patrón. E outro tanto cabería dicir da maior parte dos sindicatos, organizacións estas que, como di Pasolini, responden a «esquemas mortos que se rechean xesticulando». Acaso é posible entender como algo diferente a mera xesticulación baleira a convocatoria para o 29 de setembro (por que deixar ao goberno tanto tempo de reacción?) da folga xeral contra unha reforma laboral que se vía vir e contra a que non se actuou?

«A restauración ou reacción real que comezou en 1971-1972 (tras o intervalo de 1968) en realidade é unha revolución. Por iso non restaura nada nin é unha volta a nada; ao contrario, tende literalmente a borrar o pasado, cos seus pais, relixións, ideoloxías e as súas formas de vida (hoxe reducidas a mera supervivencia).»


As revoltas do 68 puxeron en alza o hedonismo. Este era concibido como un método para se rebelar contra os balorentos estamentos identificados cos poderes económicos. A revolución conservadora dos anos 70, malia envolverse formalmente en certo autoritarismo e formalidade, conseguiu en realidade o que parecía imposible: facer do hedonismo un ben económico. Desde entón o capitalismo é un sistema que penaliza os comportamentos conservadores e os valores tradicionais de aforro e contención. A mellor proba: o endebedamento masivo a través do cal funcionou a máquina estes últimos anos. Cómpre agora vivir o momento, consumir o momento, con nihilismo desenfadado. Aquí arrinca o fenómeno do consumismo de masas onde os comportamentos espallados pola televisión e outros medios de comunicación son absorvidos e mimetizados en toda a parte independentemente do lugar de cada quen no sistema produtivo. Esta ilusión de acceso ilimitado impide eficazmente a toma de consciencia das condicións reais de existencia. A democratización do consumo leva no seu seo unha escravitude: a que xera o alleamento da realidade.


«Os rapaces están tristes porque perderon a conciencia da súa inferioridade social, dado que os seus valores e modelos culturais foron destruídos.»


Frase tan elocuente que asusta. Miremos ao noso arredor. Falemos coa xente nova de hoxe. Cales son as súas/nosas condicións de existencia? Como viven realmente cando pecha o centro comercial ou cando apagan o televisor? En que pisos moran? Canto pagan/deben por eles? Que condicións laborais teñen? Gozarán algún día de máis estabilidade? Como? De que capacidade de resistencia e loita contra esas condicións dispoñen tendo en conta a súa condición de hipotecados de por vida? Sofren a síndrome de Peter Pan porque queren ou porque non lles deixan outra alternativa? Intimamente toda persoa nova aínda acredita que cando chegue a vello as súas condicións laborais e os seus dereitos sociais serán semellantes aos dos seus pais. Craso erro. As condicións de vida dos mozos e as expectativas para o futuro son, en realidade, ben tristes; o dramático é que eles aínda non o saben. Este espellismo, esta falta de consciencia da realidade na que un vive é a que denunciaba Pasolini cando dicía: «o que se experimenta existencialmente sempre está moi por diante do que se experimenta conscientemente». É probable que como efecto da crise (unha crise que precisamente naceu nos anos 70 desde os que escribe Pasolini) moitas persoas tomen terra á forza . Será entón cando a consciencia asumirá o que a experiencia xa intuía. Será entón cando moitos destes abúlicos mozos «ni, ni» comezarán a loitar. De non facelo hanse sumir noutra deixadez —a da exclusión social— moito pior que a deixadez opulenta que ata o de agora coñecían.

«Non cabe dúbida de que a televisión é máis autoritaria e represiva que ningún outro medio de información do mundo. Ao seu lado, o periódico fascista e os letreiros mussoliniáns pintados nas casas moven á risa, como, (con dor) o arado fronte ao tractor.»


Como dicía Manuel Castells, os medios de comunicación non son o cuarto poder, son os creadores do poder. Pasolini, coa súa fobia á televisión enxergou con agudeza o decisivo papel que os medios de comunicación, especialmente aqueles baseados na imaxe, haberían xogar no novo paradigma de home demandado polo capitalismo do consumo de masas. A aparición de internet, vista por moitos como unha oportunidade para a produción de contradiscurso é, por mor da súa ubicuídade, outra ferramenta ideal para os valores do mercado chegar mesmo a aqueles poucos recunchos do planeta nos que aínda non están presentes. O mundo pantalla da nosa era da información, cada vez máis parecido a aquel mundo artificial e inhóspito da película Blade Runner no que o manexo da información mediante a tecnoloxía permitía mesmo a creación de vida
e a configuración da personalidade, dispón, cada vez máis (recentemente un científico americano creou a primeira célula sintética), de ferramentas optimizadas para substituír por replicantes conformistas (persoas sen aura) aos vellos seres humanos.

«Os dialectos (os idiomas maternos!) quedan afastados no tempo e no espazo. Os fillos vense obrigados a non falalos, porque viven en Turín, Milán ou Alemaña. Alí onde aínda se falan, perderon por completo a súa capacidade inventiva. Ningún rapaz das barriadas romanas sería quen, por exemplo, de entender a xíria das miñas novelas de hai dez ou quince anos; e, ironías do destino!, tería que consultar o glosario final, coma un bo burgués do Norte.»


Que dicir deste parágrafo, nós, que a cada xeración perdiamos mundos en forma de palabras. Coma un episodio máis do cambio cultural que implicou a transición do campo ao capitalismo fordista e deste ao capitalismo financeiro que agora campa ás súas anchas, o cambio idiomático forzoso e acelerado era un elemento necesario para o formateo do novo home-masa. Neste sentido, e por citar os famosos plans trilingüistas de Feijoo-Lorenzo, a fin última desta substitución lingüística non poderá ser outra que a adopción definitiva, en todo o mundo, do que en Blade Runner se coñecía como «Interlingua» e que no noso caso consistirá na versión empobrecida do idioma británico encarnado por ese inglés plano
inútil para calquera articulación dun pensamento complexo farfullado internacionalmente. Calquera estratexia de resistencia a estes plans «xenocidas» (así os calificaba tamén Pasolini) que non pase pola reaprendizaxe das linguas locais (e non me refiro só aos idiomas senón tamén aos dialectos e xergas así como ás vellas formas de linguaxe corporal) condénanos á «afasia». Isto é: á invisibilidade do traballador que xa só sabe falar coma un burgués.

«Ningún centralismo fascista logrou o que o centralismo da civilización de consumo. O fascismo propuña un modelo, reaccionario e monumental, que despois quedaba en letra morta. As culturas particulares (campesiñas, subproletarias, obreiras) seguían obedecendo, imperturbables, aos seus modelos antigos. A represión limitábase a obter a súa adhesión de palabra. Hoxe, polo contrario, a adhesión aos modelos propostos polo centro é total e incondicional. Renégase dos modelos culturais reais. A abxuración é un feito.»

Todo é susceptible de empeorar. Tamén o panorama que ofrecía Pasolini. Co estourido da crise e a resposta antisocial que están adoptando todos os gobernos sen soberanía de Europa o horizonte ponse negro. As consecuencias no comportamento político que pode provocar un novo tempo de escaseza material nunha poboación educada na «civilización do consumo» e nos seus valores egoístas e individualistas son imprevisibles. A síntese dese centralismo consumista denunciado por Pasolini co centralismo fascista clásico que vemos avanzar, ben que con traxes e maneiras novas, en cada elección (a última en Holanda) e en cada decisión (a racista lei antiinmigrante de Arizona), pode dar lugar a fenómenos sociais e políticos dunha brutalidade inédita.

9 comentários:

cossimo disse...

Ten vostede unha facilidade abraiante para a sinapse ideolóxica (de ideas, refírome). Tamén é verdade que, como nos fixo ver aquel outro italiano, o mundo sempre muda para que todo siga na mesma. En fin, que lle quero dar os meus máis sinceros parabéns e, por suposto, tamén tocarlle un pouco os ghüevos:

-se todos os partidos reproducen o mesmo patrón, dá igual votar o pp que o bng, non si?

-qué se supón que deben facer os sindicatos? Ampliar a capacidade de compra dos traballadores? As axudas á compra de automóbiles para evitar a perda de postos de traballo no sector, son progresistas?

-no postcapitalismo, a vida emocional da maioría dos homes que foden con homes debe ser seguramente, o exemplo máis acabado de aculturación hedonista. Aínda así, non creo que hoxe a situación sexa peor ca na Galiza rural dos anos 50; quero dicir, qué lugar ocupaban a solidariedade e a capacidade de empatía nese añorado mundo agrario? Non sei, detecto no escrito un certo saudosismo que podería retrotraernos, polo menos, ata as primeiras comunidades cristiás.

-creo que non deberiamos confundir a ideoloxía (desta volta no sentido ideolóxico do termo) coa realidade real. E sobre todo, non deberiamos ser máis feijoistas cá feijoo. Dicir que un galego non pode elaborar unha idea complexa en inglés é o mesmo ca dicir que o galego non serve para aprender matemáticas. O latín xa se farfullaba internacionalmente. E qué é unha língua plana? O galego da tvg ou o dos congresos nacionais da upg?

En fin, apertas e, coma sempre, desculpe as molestias.

O Fuco disse...

Moitas grazas polos parabéns e por vir tocarme os güevos. A ver se son quen de tocarllos tamén eu a vostede.

1. Semella claro que a función que debería cumprir un partido de esquerda como ponte entre as demandas sociais e as institucións non se está a cumprir. E se ben un non debe caer no maximalismo de dicir que todo é o mesmo, podo comprender perfectamente que alguén chegue á túa mesma conclusión.

2. A función dun sindicato é defender os intereses dos traballadores e non da patronal (algo que moitos sindicatos de agora parecen facer). A quen corresponde ir alén das relacións laborais actuais e formular alternativas ao estado de cousas é á cidadanía máis consciente que asocia en organizacións políticas.

3.Non hai que confundir a nostalxia por un mundo no que a cultura capitalista non penetraba nas consciencias das persoas con visións arcádicas onde non existen friccións. Lonxe de min o edenismo saudosista. En todo caso, e xa que falamos das comunidades labregas do rural, eu teño para min que eran ben máis abertas de mente en moitos aspectos que as "formalmente tolerantes" sociedades urbás actuais.
Sobre o dos homes que foden con outros homes, cómpre volver citar a Pasolini (home que fodía con homes) cando lembraba unha personaxe de Jean Cocteau (outro home que fodía con homes) que se suicidara porque lle parecía intolerable ser "tolerado".

4. No das linguas e as matemáticas estás a manipular as miñas palabras. Eu non digo que un galego non poida articular pensamentos complexos en inglés, eu digo que un galego non pode articular pensamentos complexos nun inglés empobrecido e de léxico limitado. A desposesión da lingua (como a desposesión da lectura) é un mecanismo estupendo para a desposesión do pensamento. E o inglés internacional que hoxe domina o mundo dos negocios é unha lingua pensada precisamente para iso: para facer negocios.
O galego da Tvg é, polo xeral, bastante plano (dos congresos da Upg non opino porque nunca asistín a ningún). Pero a cuestión non é só de idioma, é tamén, como pretendín expresar no texto, de cosmovisión.

Unha aperta.

cossimo disse...

A ver, teña coidado porque, seguindo os seus razoamentos, a sociedade galega "tradicional" tamén era máis aberta en materia de língua; daquela, o galego era "tolerado" do mesmo xeito que hoxe o é o homoerotismo (ajjj, qué palabro!!).

Díxoo Pasoloni, non eu. Un fascista non se distingue dun antifascista. Nin un patrón de cabo estai dun obreiro de Teis: ámbolos dous falan a mesma variedade dialectal do castelán. Por iso é normal que os sindicatos estean confundidos. Como todos nós, tamén son víctimas da marea homoxeneizadora e do centralismo da civilización de consumo (modo ironía off).

Efectivamente as línguas están secuestradas. Pero todas, non só o inglés. Porque todas serven basicamente para facer negocios (e para engatar, non nos esteamos a esquecer!). Pensar non é rendíbel, fágase en italiano, en esloveno ou en neerlandés. Nun mundo dominado polo valor instrumental das cousas, a fala non ía ser unha excepción.

cossimo disse...

Ah! E de calquera xeito teña en conta que sonlle fillo do rural vigués. Nunca tiven aldea á que ir nas fins de semana e ao mesmo tempo, cada vez que iamos a ao cine "baixabamos a Vigho". Se cadra, aquel desarraigo explica "estos lodos".

O Fuco disse...

Na sociedade preindustrial o galego non era tolerado nos ámbitos que lle correspondían ao castelán. Aínda así, o galego tiña un ámbito de seu, no que o castelán non entraba. Socioloxicamente cada lingua separaba dous mundos que vivían completamente afastados. A industrialización tivo aspectos positivos como o de superar esa fenda, pero tamén negativos, como o de que unha das linguas e, o máis importante, unha das formas de entender o mundo, colonizase á outra.
Que antes todo o mundo dixese que ía a Vigho (sempre me preguntei onde quedaba ese lugar ao que todo o mundo dicía ir) demostra que o rural vigués era mentalmente similar ao rural de fóra da comarca de Vigo. Que a fórmula "ir a Vigho" estea en extinción é outra proba deste proceso de "centralismo ideolóxico" (que se reproduce no xeográfico), do que falaba Pasolini. Así que non acredito en que o do "lodo" sexa tan grave.

cossimo disse...

Curiosamente, a oficialización das minorías implica a súa deslexitimación; obviamente, a discriminación persiste se cadra reforzada (véxase a Sudáfrica post-apartheid, a língua galega post-franco ou o movemento lgbt post-matrimonio). Por outra banda, a "clandestinidade" favorece a aparición de espazos alternativos de liberación pero sometidos iso si, a unha represión constante e implacábel.
Así que non sei.

Discrepo da idea de que o rural vigués fose como o de resto entre outras cousas porque aquí nunca existiu unha cidade. Hai poucos anos aínda se podían ver ovellas pacendo nos terreos que hoxe ocupa o centro comercial camelias. E hoxendía algúns habitantes da espedrigada (aí ao lado de citroen e de balaidos) crían galiñas e cultivan millo nas súas microleiras (e non en plan do it yourself senón ao xeito tradicional). Tamén lembro ter visto, cando tiña 20 anos ou así, vacas á beira do cárcere da coruña; aquilo si que me desconcertou: o símbolo patrio atrapado entre o máis nobre dos formigóns e o embravecido mar atlántico.
Efectivamente a cosmovisión dun adolescente de labañou non difire moito da dun colega de leganés (basicamente arrapañar cantos máis cartos mellor). Antes a alienación era de tipo xerárquico e agora é ultraigualitaria.
Sigo sen saber.

Por certo, eu sabía que cheghaba a vigho en canto comezaba a haber beirarrúas (por pereiró máis ou menos).

O Fuco disse...

Lendo o que dis do rural vigués non entendo en que discrepas do que dixen eu.
Eu nunca tiven claro onde comezaba Vigo porque na zona do Calvario (lugar no que había beirarrúas) a xente tamén falaba de baixar a Vigo. Supoño que Vigo estará nalgún punto entre o Berbés e o Areal.

cossimo disse...

Si, supoño que tes razón. É o que nos queda aos pobres: a leria. E a leira, claro.

O Garcia do Outeiro disse...

Mui boa síntese e intessante debate o vosso. Umha aperta