6/09/2010

Despois da política-Potlatch




Imaxinemos ás democracias liberais coma grandes soportes mediáticos enriba dos cales flúen determinados signos. No contexto das democracias liberais, os partidos políticos, repartidos simétricamente en dúas grandes bancadas, limítanse a emitir signos coherentes a aquel contexto, signos que impidan, en todo momento, que lembremos que baixo o soporte mediático está o que Boris Groys denomina «suxeito submediático», isto é, a presenza espectral (que segundo McLuhan se facía realmente presente a través da mensaxe) sempre intuída baixo todo soporte. Nas democracias liberais esta presenza espectral chámase mercado.
Segundo di Boris Groys en Baixo sospeita. Unha fenomenoloxía dos medios «a inclusión dun signo estraño no contexto mediático cotián focaliza a atención no seu soporte mediático». En opinión do filósofo ruso-alemán, cando alguén fala e enuncia algo coherente para o contexto no que está a falar, tendemos, por así dicilo, a deixarnos levar polo signo, tratando de entender o sentido do enunciado, e esquecémonos do medio que enuncia ese signo, é dicir, xulgamos o dito e non á persoa que di. Así, segundo vulgariza o propio Groys, se alguén di que a terra é redonda e acto seguido engade que ten un diámetro do número x, o normal é que centremos a nosa atención no número e en como de acaído é este para describir a medida da terra. Porén, segue o exemplo, se alguén dixese que a terra é cadrada, centrariamos a nosa atención inmediatamente na persoa que fala, é dicir, no soporte mediático dese signo. Preguntariámonos entón pola saúde mental da persoa que fala, polo seu nivel cultural, por se está a facer chiste ou non, etc.
Este fenómeno leva a Groys a identificar (dun xeito moi brechtiano) sinceridade e advenimento do estraño. Así, «a espera do instante de sinceridade é a espera do xurdimento do estraño, inusual e irregular en medio do confiado e rotineiro»; e continúa: «dado que a sospeita mediático-ontolóxica fai temer sobre todo que o espazo submediático sexa interiormente distinto a como se mostra na súa superficie, o espectador aceptará como revelacións sinceras do interior só aqueles signos que parecen distintos aos signos confiados da superficie, é dicir, os que parecen distintos a aqueles signos que confirman a sospeita inicial da discrepancia entre o exterior e o interior».
Nos primeiros momentos da crise financeira, cando o fluír natural de signos coherentes coa superficie mediática que dimos en chamar democracia liberal se viu atorado pola irrupción do estraño en forma de novas sobre crebas de bancos en cadea, pánico nas bolsas e histeria colectiva nas altas esferas, todos comprendimos que, por unha vez, os medios de comunicación da gran superficie mediática chamada democracia liberal estaban a ser sinceros. Calquera cidadán, ao prender o seu televisor, ou ao ler un xornal, podía comprobar por si mesmo o que xa sempre sospeitara: debaixo de todo o entramado institucional xurídico-político chamado democracia liberal bulía todo un outro entramado económico con vida propia (aínda que nese momento estivese a piques da taquicardia) e bastante alleo ao funcionamento do primeiro. A sospeita da cidadanía foi tan claramente confirmada que o G20, no seu cumio organizado en Londres o ano 2009, mesmo se viu na obriga de recoñecer a existencia do monstro e de promover a súa domesticación.
Porén, o tempo pasou, e o monstro non foi reformado. Hoxe os partidos políticos abandoaron os signos estraños e sinceros e retomaron os signos falsos e coherentes co soporte mediático que chamamos democracia liberal. En España, Grecia e Portugal son os socialdemócratas quen gobernan. No caso español, o goberno de Rodríguez Zapatero —un presidente que, a través dalgunhas loitas culturais, labrou unha imaxe de esquerdista (ou de todo o esquerdista que pode ser un presidente por estes lares)— en cumprimento coas ordes que lle chegan de instancias máis altas, dá un golpe de temón á súa imaxe e comeza a implantar unha serie de políticas impopulares, agresivas co Estado de benestar e claramente neoliberais. Ante este panorama, un Mariano Rajoy milagrosamente vivo no seu partido, ve a oportunidade da súa vida para chegar á Moncloa e, apropiándose dun certo discurso social («os traballadores teñen no PP quen os defenda», Cospedal dixit; «España converteuse nun país con liberdade vixiada», «é inxusto que a xente que non ten a culpa pague os descomunais erros do goberno», Mariano dixit), trata de pescar nos caladoiros revoltos dos votos.
A semellanza daquelas tribos que estudara Marcel Mauss no seu Ensaio sobre o don. Forma e función do intercambio nas sociedads arcaicas, os políticos mediáticos bipartidistas están entregados a un gran Potlatch. PSOE e PP atópanse, estes días, en pleno intercambio de discursos, de igual xeito que os homes daquelas tribos intercambiaban todos os obxectos das súas casas. O Potlatch estudado por Mauss era unha guerra ritualizada que incrementaba o prestixio daquel combatente que máis desapego e desprezo mostrase polas súas posesións. O Potlatch da clase política bipartidista é un ritual despregado para que o fluxo de signos propio da democracia liberal continúe, para que esquezamos antigos momentos de sinceridade e, sobre todo, para que deixemos en paz ao monstro. O Potlatch orixinal supuña un gasto xeneroso de enerxía e de capital que en termos económicos acababa en suma cero pero que reportaba, a aquel que participaba, un rédito inmenso en forma de respecto e consideración social. O sucedáneo de Potlatch no que andan enleados os nosos políticos mediáticos é unha suma infinita para os mercados financeiros globais pero contribúe, debido ao exceso de desapego mostrado cara cadansúas conviccións políticas, a desacreditar a política e aos políticos —calquera política e a calquera político— aínda un pouco máis e a baleirar de contido —a base de cofarse con elas— as palabras.
Se no conto de Augusto Monterroso, ao despertar, o dinosauro aínda estaba alí, neste outro conto, cando o gran Potlatch finalice, os danos colaterais da crise económica tamén han seguir aí. Cando este intercambio ritual e absurdo de signos no soporte mediático chamado democracia liberal se mostre incapaz de conter as iras dos agraviados, virá o seguinte acto do drama: o cuestionamento da Democracia en si mesma, toda vez que para a maioría da xente Democracia será sinónimo de falsidade e de corrupción (tal como nos está mostrando o ventilador accionado polo PPdG e por La Voz de Galicia para distraer a atención da derivación galega da trama Gürtel e do caso Gondomar). Entón será a violencia núa, esa outra maneira de irrupción do estraño-sincero, quen adveña para colmar as ansias de autenticidade; presentarase entón á violencia como a solución para un mundo sumido na impostura e na desorde. E esta violencia mesiánica ha mostrar ao mundo, como o mostrou o mesiánico Estado de Israel aos cooperantes embarcados rumbo a Gaza na frota da Liberdade, quen é que manda.
Deste novo autoritarismo, e da posibilidade da súa chegada, trata O que se aveciña texto escrito por min para o interesante libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural editado polo Cineclube de Compostela.

3 comentários:

O Garcia do Outeiro disse...

Coma sempre gostei do teu post, tanto que o incluim neste blogue, aguardo que nom te incomode:

http://revoltairmandinha.blogspot.com/2010/06/despois-da-politica-potlatch.html

Umha aperta irmandinha

O Fuco disse...

Non me incomoda, nen moito menos.

Unha aperta.

Jorgecimadevila disse...

O monstro sempre estará aí, o peor é que xurda umha nova era de fascismos...