5/22/2010

Economía política vs. política económica



En A arte de voar, a premiada novela gráfica con guión de Antonio Altarriba e debuxos de Kim, faise un repaso, a través da biografía do protagonista, de boa parte do século XX no Estado Español e alén. A dura vida no campo durante a ditadura de Primo de Rivera, as ilusións da II República, o espírito revolucionario no movemento anarquista, a crueldade da guerra civil, o exilio en Francia, a represión do rexime de Vichy, o regreso á gris realidade do franquismo, a chegada da democracia, as renuncias, as frustracións, o fracaso. En definitiva, o decorrer dun século marcado polas tombadelas impredicibles da Historia.
Na parte final do comic o protagonista vive nunha residencia para anciáns. Encontrámonos xa na España postransición e isto se reflicte, ademais de no frenesí sexual dos vellos (un dos personaxes comenta acaídamente que ese exceso de actividade sexual é unha vía para fuxir da morte), no funcionamento interno da propia residencia. A organización desta enxalza formalmente a participación dos internos nos asuntos que lles incuben, e así o pon de manifesto a directora recorrendo, en varias ocasións, ao retrouso «isto é unha democracia». Porén, como rápido poden comprobar o protagonista e mais o seu compinche ex-sindicalista no momento en que se propoñen apañar sinaturas para protestar pola mala calidade da comida, o que formalmente parecía posible, na práctica rebélase impracticable. Toda proposta de reforma choca contra o muro da burocracia, dos poderes establecidos e das restriccións económicas.
Pareceume moi interesante esta comparación
dos autores, non por inconsciente menos verosímil, entre a democracia formal dos decadentes Estados asistenciais europeos contemporáneos e a rutina diaria dun centro xeriátrico público (o propio avellentamento da poboación europea non fai senón reforzar a pertinencia da comparación). Unha residencia de zombies entregados a un hedonismo escapista na que toda capacidade de decisión é meramente retórica. A verdadeira cara da fin da historia é un aparcamento para vellos no que o tempo permanece parado, no que xa non sucede nada porque todo está absolutamente pensado para que nada suceda. Neste contexto, a única saída que atopa o protagonista, o único Acontecemento —no sentido que lle dá Alain Badiou a esta palabra— que enxerga é decidir o momento da propia morte. O suicidio.
E porén, a Historia continúa. Coma unha volta de porca máis da crise financeira iniciada en 2007, agora son os Estados —as institucións encargadas de velar porque a soberanía popular sexa respectada— os atacados polos mesmos especuladores que foran subvencionados a eito. Uns Estados afogados polas chamadas
«políticas de austeridade» e polas carreiras por baixar impostos das últimas décadas vense agora obrigados a manter os seus servizos sociais a costa dun endebedamento insostible. Tócanos vivir, no noso xeriátrico particular, momentos históricos. Asistimos ao ataque final do capital sobre a democracia (de que outra maneira se poden interpretar senón propostas como a máis recente de Sarkozy, que propuña incorporar á Constitución francesa nada menos que a obriga de controlar o déficit?). O desmantelamento do Estado de benestar nacido tras a Segunda Guerra Mundial é cada vez máis un feito. Se Grecia (en realidade habería que falar do Protectorado de Grecia) foi o primeiro ensaio, as medidas aprobadas polo goberno autosacrificado ao gran capital de Zapatero (o próximo episodio consistirá en que a socialdemocracia española, fiel á súa tradición felipista, se encargue de facerlle á dereita a enésima desregulación do mercado laboral) camiñan na mesma dirección. Se, tal como dicía Marx, un individuo sen autonomía económica non é un individuo libre, un estado sen capacidade para impoñer liñas de economía política deixa de ser un estado soberano (a este respecto non é errada a reflexión que fai o PCP sobre a soberanía real dun Portugal abouxado polos préstamos estranxeiros).
Estamos a ver agora con claridade cal era a razón de ser do proxecto europeo: extirpar aos estados (aos parlamentos, á xente) toda potestade para decidiren sobre a marcha da vida económica (acaso non era tamén o Tratado de Lisboa que a progresía española vendeu coma se fose pouco menos que a Declaración dos dereitos do home e do cidadán, un decálogo sobre o permitido e o prohibido en materia económica?). Este triunfo final do capital sobre a política só ten un aspecto positivo: canda a burbulla financeira e inmobiliaria está estourando tamén o feitizo da burbulla democrática liberal. Ao xeriátrico sáenlle rendixas de máis como para que a Historia non consiga asomar a cabeza por elas. Rematou o idilio do capital coa democracia. Albíscase un futuro no que estes dous conceptos (que en realidade sempre foron antagónicos) poderían camiñar por separado. O momento é, polo tanto, perigoso.
Para nós, usuarios do xeriátrico en descomposición, o Acontecemento —no sentido de Badiou— debería consistir en volver dotar ao concepto de democracia do seu sentido orixinario. Reivindicar o noso dereito a decidir non unicamente sobre asuntos biopolíticos e culturais senón tamén sobre cuestións económicas para evitar esta rendición final da política ante a economía.
Posiblemente, renunciarmos a esta loita, asumirmos a derrota antes de tempo, non conleve, como no caso do protagonista d´A arte de voar, a morte física (ou si). Porén, si parece probable, de non reaccionarmos, que veremos o día en que a nosa existencia como cidadáns se verá cuestionada. Ese día terá lugar un exemplo de libro (de comic) de suicidio político colectivo.

3 comentários:

AFP disse...

Coma sempre magnífico. Quando as contradiçons no sistema atingem estes níveis aparca-se a democracia formal para começar a revelar a ditadura da burguesia em toda a sua crudeza. Nom hai tanta diferença entre o cenário actual e o de entreguerras...

O Fuco disse...

Obrigado.

Hai un ano ou así escribín aquí unha serie de posts titulados "Weimar e nós" nos que suxería, a propósito dun libro sobre a época, as semellanzas entre o periodo de entreguerras e o presente:
(http://ofunambulistacoxo.blogspot.com/2009/04/weimar-e-nos-i-paralelismos.html)

Hai pouco linlle algo similar a Chomsky:

(http://noticiasdeabajo.wordpress.com/2010/05/03/el-pavoroso-paralelo-entre-los-eeuu-de-hoy-y-los-ultimos-anos-de-la-republica-de-weimar/).

A cousa arrepía.

AFP disse...

Já o lera em Sin Permiso, mas agora que mo refrescas decidim traduzí-lo para o galego:

http://revoltairmandinha.blogspot.com/

Umha aperta irmandinha