5/10/2010

República? Que republica?



De Armando Fernández Steinko tivera xa a oportunidade de ler un artigo publicado pola revista El viejo topo no que explicaba de xeito moi clariño como a raíz da chamada Transición un grupúsculo de economistas monetaristas próximos ao PSOE comeza a construción do Estado do Benestar —necesario para lexitimar socialmente todo o proceso de continuídade co franquismo— non a partir das rendas vindas do mundo do traballo senón a partir da financiarización da economía. Desde entón e ata o de hoxe, independentemente de quen gobernase, a economía española baseouse na atracción de capital estranxeiro, no afortalamento do sector bancario e na destrución (salvo os que Steinko denomina illotes fordistas) dos sectores vinculados á economía produtiva, foran estes industriais ou agrarios. Esta é a orixe da burbulla inmobiliaria e esta é a razón de que a economía española sexa unha das máis afectadas pola crise mundial. A excepción a esta destrución do tecido produtivo atópase nalgunhas comarcas de Cataluña e, sobre todo, no País Vasco, países ambos que xa dispuñan dun tecido pequeno-empresarial con dinámicas autónomas a respecto do Estado Español desde antes do franquismo e que sempre apoiaron partidos que favorecían as políticas de reforzamento da pequena empresa autóctona.

Veño de rematar agora Izquierda y republicanismo. El salto a la refundación, libro escrito polo mesmo Steinko e prologado nada menos que por Julio Anguita. O traballo é realmente interesante. Nel faise unha análise histórica da economía e da política española do pasado século e achégase, na súa parte final, algunhas ideas interesantes para construír un novo «bloque histórico» que aglutine, nun gran movemento republicano, á esquerda política e social de todo o Estado.
Steinko, como en xeral sucede cando desde a esquerda estatal se analiza o fenómeno dos chamados nacionalismos periféricos, centra a súa crítica na suposta crenza apriorística daqueles na existencia do espazo nacional periférico e na naturalización dos respectivos pobos (el fala da concepción ahistórica da nación e a conxelación no tempo da identidade). Compartindo o desatinado de naturalizar e conxelar calquera identidade na historia, ben que cuestionando que isto fose práctica común de todos os movementos soberanistas periféricos (mesturar movementos, partidos e persoas tan diversas nun só conxunto non deixa de ser un abuso simplificador), paréceme que o argumento do autor se refuta a si mesmo cando pon en cuestión a utilización do termo Estado Español —e polo tanto, cando reivindica para a esquerda o termo España— dicindo que: «a suma destes espazos non é un artificio institucional que alguén lles impuxese aos seus habitantes como suxire o concepto de Estado Español. É o marco territorial, institucional e cultural natural [atención á cursiva do propio autor] no que se produciu e se segue a reproducir a socialización de persoas con adscripcións políticas moi distintas». É dicir, Steinko, e en xeral a esquerda española, non deixa de caer no apriorismo da existencia do espazo nacional español na súas análises de partida, un espazo non imposto e que sería o marco de relación natural entre os habitantes deste espazo. Argumento o primeiro que, a nada que se revise un pouco a accidentada historia do Estado Español, cae polo seu propio peso e argumento o segundo que, cando pensamos na desexada relación entre Galiza e Portugal (relación sempre ameazada polo separatismo español do que falaba Castelao), tamén abala.

Na detallada análise dos distintos reximes de traballo no Estado Español e os seus comportamentos políticos, Steinko observa no tecido de pequenas industrias de certas comarcas vascas e catalás, a xénese destes dous nacionalismos e o lugar onde a versión esquerdista destes é máis forte e resta máis espazo ao que Steinko denomina A Esquerda:

«No norte de Girona e áreas da provincia de Barcelona [...], unha parte dos espazos da esquerda está hoxe ocupada por Esquerra Republicana de Catalunya, que recibe o apoio dos autónomos locais, de non poucos profesionais urbáns vinculados á administración, dunha parte dos traballadores autóctonos das PYMES e do que queda do campesiñado.[…] O interior de Guipúzcoa e Viscaia, e algunhas zonas do norte de Álava e Navarra, están fortemente influídos polo nacionalismo na súa versión máis radical.»

E se ben o propio autor recoñece o carácter antineoliberal das políticas implantadas, sobre todo polo PNV, na protección do seu tecido industral autóctono, políticas que fan que sexa moito máis complicada que noutras partes a comprensión do que «é ou non é a esquerda e a dereita neste país de países»; e se ben afirma que «en España unha parte do nacionalismo ten un sesgo político cara a esquerda» e que «nada disto se dá nas rexións ricas de Europa, onde o nacionalismo local é casi enteiramente conservador ou mesmo de ultradereita»; o autor conclúe, finalmente, que o pensamento destes nacionalismos ten como guía a máxima de que «para elevar o nivel de vida das clases populares nacionais non é necesario tocar ás burguesías autóctonas, nin sequera aos burgueses españois. É necesario tocar a España». Punto, dito sexa de paso, no que coíncide, aínda que por camiños diferentes, co discurso centralista de Rosa Díez. Se cadra é por isto que a esquerda estatal non ten problemas en chegar a acordos cos neofranquistas de UPyD para mudar a lei electoral española.
É de supoñer que cando Steinko escribe extensamente sobre as contradiccións que observa no nacionalismo vasco e catalán e non, por exemplo, no nacionalismo galego, faino por considerar que rebater aos máis fortes convertirá os seus argumentos en máis incontrovertibles, porén, na miña opinión, que Steinko eluda toda mención ao nacionalismo galego non se debe tanto á irrelevancia deste no contexto do estado, como á enorme relevancia que a existencia da especificidade galega ten para desbaratar algunhas das premisas do propio Steinko. Boa parte dos argumentos de Steinko contra os nacionalismos vasco e catalán (p.e. o seu carácter pequenoburgués) esboróase ante a ausencia dese compoñente na maior parte do nacionalismo galego ou ante datos como que o sindicalismo nacionalista é maioritario na comarca galega máis industrializada. Ademais, a existencia do nacionalismo galego introduce na política española un concepto (o de colonialismo) que podendo ser máis ou menos matizable, penso que en conxunto conforma un dato obxectivo. Este encaixe colonial ou semicolonial de Galiza no conxunto do Estado desafía directamente a suposta naturalidade e neutralidade do concepto España e, polo tanto, desafía a mesma existencia da esquerda española en Galiza. Así, non é de estrañar que a implantación social de EU —polo menos ata a actual deriva do BNG (véxase Ferrol)— sexa na Galiza (non así no País Vasco ou Cataluña) totalmente anecdótica.
A única vez que o nacionalismo galego aparece no libro de Steinko é cando o nomea para falar da dificultade de conxugar os intereses dos traballadores do rexime sete (vellos autónomos rurais) e dos ecoloxistas urbanitas. Steinko di: «nalgunhas localidades púidose superar este afastamento, e os éxitos do BNG en Galiza, que soubo achegar a ambos estremos sociolóxicos, demostran que é posible». Pero semella que o feito de a loita labrega ter na Galiza un carácter tremendamente peculiar, como peculiar é, a respecto de España, a propia distribución da propiedade da terra entre nós, e que este sexa o motivo polo que o mundo labrego galego se puido aliar en moitas ocacións e con naturalidade co ecoloxismo baixo a premisa da defensa común do territorio fronte ás empresas españolas con prácticas claramente coloniais (de eléctricas e nucleares a papeleiras), non lle chega a Steinko como material de análise para sacar algunhas conclusións máis amplas sobre Galiza e sobre o soberanismo galego. A propósito disto, e como pequena separata, dicir que a actuación do BNG no tema de Reganosa, no plano acuícola ou no caso Massó durante o bipartito rachou a capacidade do nacionalismo galego de liderar esta alianza pola defensa da terra entre o ecoloxismo e as clases populares que viven directamente do territorio.
Volvendo ao rego, tampouco a existencia do movemento Nunca Máis, que volveu significar a identificación da cidadanía de todo un país cun movemento ecoloxista debido precisamente á evidencia de que o goberno español trataba a Galiza como se dun protectorado de segunda se tratase e de que o país carecía das mínimas ferramentas materiais necesarias para protexer a súa costa e o modo de vida de milleiros de persoas, provocan no autor do libro ningún comentario de relevancia.
Por último, o feito de que Fernández Steinko, nun momento do libro, diga que Ferrol está, como Vigo, na provincia de Pontevedra, resulta, máis que un dato anecdótico ou un lamentable erro, todo un síntoma do secular, e aínda vixente, descoñecemento e desleixo con que a esquerda española, e a sociedade española en xeral, tratou sempre ao noso país.

10 comentários:

Torcinho disse...

Pero por esa regra de tres, Andalucía tamén sería un caso palmario de colonialismo, non si?
A esquerda nacional-española é unha gran especialista en ver a palla no ollo alleo.
E viceversa.

O Fuco disse...

Eu non diría que en Andalucía hai unha situación colonial. O cal non quere dicir que a sociedade andaluza non padeza as súas contradicións internas.

Torcinho disse...

Por qué? Qué diferencia hai entre as prácticas das empresas españolas en Galiza e en Andalucía?
Cataluña ten 4 centrais nucleares. Nós ningunha.

AFP disse...

Fundamental este artigo. Existem já inúmeras análises em que se vê o evidente que dificilmente se pode ser de esquerda sem abandonar um nacionalismo castelhano-espanhol que nega as naçons sem estado do Reino da Espanha. Parabéns polo artigo.

O Fuco disse...

Andalucía non padeceu o descabezamento das súas elites que si sufriu Galiza. Políticas como a implantación do PER para a peculiar situación do campo andaluz non teñen un parangón similar no caso galego. O aillamento debido á falta de inversión en infraestruturas, desde a construción do ferrocarril no século XIX, foi padecido case que en exclusiva por Galiza. Independentemente da bondade final do AVE, é un feito que Andalucía tivo a primeira liña deste tipo de ferrocarril, o cal indica que Andalucía se atopa incardinada nos fluxos económicos do estado español. Catalunya ten centrais nucleares pero tamén ten (ou tiña) o maior tecido industrial do estado, Galiza foi destinada desde sempre a ser fornecedora de materias primas (electricidade, madeira, pedra, etc.)e de man de obra para a emigración(desde antes que calquera outra zona do Estado), que aínda por enriba quixesen construír a central en Xove era un despropósito. As condicións de entrada de España na UE no tema agrario estaban máis pensadas para o latifundio do sur e os cítricos de levante que para a atomizada propiedade galega e a súa agricultura baseada nas pequenas explotacións leiteiras. Por non falar do desmantelamento da flota pesqueira. A política na cuestión dos estaleiros tamén evidencia unha diferenza de trato que aínda hoxe é evidente cando se compara Ferrol con Cádiz. Toda esta marxinación económica estrutural ten o seu reflexo na marxinación lingüística e cultural, algo que nunca padeceu Andalucía entre outras cousas porque a cultura andaluza é parte central da cultura española. Que gallego signifique parvo en español dános pistas de moitas cousas. Tamén os irlandeses eran caricaturizados coma porcos e brutos no imaxinario inglés.

Torcinho disse...

Non sei. A qué élites te refires? Para a gran maioría dos andaluces, non sería mellor que sufrisen o descabezamento das súas sempiternas élites? Para os máis desfavorecidos, é mellor a clase dirixente catalá que a extremeña?
Andalucía continúa a ser, con diferencia, a comunidade autónoma máis subdesenvolvida. Non sei qué ten que ver que estea incardinada nos fluxos económicos do estado español; tal incadirnación era consustancial ás relacións entre a metrópole e as súas colonias. Sinceramente, non vexo trato de favor por ningún lado. Os andaluces emigraron tanto como os galegos e nun par de décadas viron transformado o seu litoral nunha inmensa cementeira.
Se a dominación económica implica necesariamente a dominación lingüística e cultural, cómo explicas a situación do euskera? Quero dicir, alí non houbo emigración (alomenos no século XX); as súas élites non foron descabezadas. Entón por qué sempre se resistiron a falar a língua propia?
O problema, unha vez máis, é semántico. Se Galiza é unha colonia, Sicilia ou Canarias tamén o son. E, en certa medida, a Galiza costeira ten colonizada á interior.
Por último, hai no estado español algunha cultura máis banalizada, máis folclorizada cá andaluza. Supoño que recoñecerás que baixo todo ese tipismo latexa un enorme menosprezo.

O Fuco disse...

Desde a doma e castración dos reis católicos as elites galegas deixaron de cumprir a súa función política e económica. Esta entrega material conleva tamén a súa entrega cultural renunciando á lingua, algo do que aínda non nos repuxemos. O exemplo da pequena empresa vasca e catalá é o exemplo dunhas elites autocentradas. Para as clases populares isto non será a panacea pero seguro que é mellor que o destino da milicia, da emigración ou da agricultura de subsistencia.En Galiza hai dúas contradicións igual de importantes, a interna e a que existe entre o país e o estado. A contradición principal en Andalucía é a que se dá entre as súas clases populares e as súas clases altas e eventualmente, poder haber unha certa contradición secundaria, sobre todo desde a creación do estado das autonomías, pola competición por espazos de poder entre a administración estatal e a periférica. De todos os xeitos, esta non é unha contradición moi forte, dado que Andalucía ven actuando coma dique de contención das reivindicacións nacionais periféricas e de proba (porque é percibida como a quintaesencia de España) de que o café para todos seguirá a reproducirse. A evidencia disto: a forzada consideración de Andalucía como nacionalidade no seu primeiro estatuto e, máis recentemente, a aprobación do novo estatuto andaluz a seguida do catalán. En Andalucía hai zonas, aquelas cunha distribución da terra case que feudal, que están entre as máis subdesenvolvidas do estado, (as inxustizas dese estado de cousas xa as glosara Miguel Hernández) pero ten outras nas que non sucede o mesmo. Ademais, o PER é unha mostra de como o Estado soubo asistir a eses traballadores sen terra. As políticas agrarias españolas desde, polo menos, a entrada na UE, están pensadas para o tipo de agricultura e de propiedade do sur, e estas son xusto as contrarias da galega (está ben, tamén están pensadas para destruír todo o que sexa agricultura, pero este é outro conto). As políticas de terciarización da economía, cun fronte pulo ao sector turístico de sol e praia están totalmente deseñadas para o sur español, Andalucía incluída. Que estas políticas sexan un desastre xa non ten que ver con ser ou non ser unha colonia, senón con que as elites españolas tampouco dan para máis.A dominación económica soe levar aparellada dominación cultural. No caso do euskera, poida que existan factores peculiares que expliquen que as clases altas abandoasen o idioma: o estraño da propia lingua e a dificultade de comunicarse con outras persoas que isto conleva, e a perfecta integración das elites vascas no aparello do estado. Non esquezamos que os vascos sempre ocuparon os postos máis altos da administración española, de aí, p.e. que Viscaia e Guipúzcoa fosen tratadas con especial mimo nos anos de obsesión coa limpeza de sangue (s.XVI-XVII). Mesmo hoxe son moitos os banqueiros de apelido vasco. En todo caso, que certas elites vascas abandoasen o seu idioma non significa que oculten, máis ben o contrario, a súa identidade. No caso galego este último fenómeno sucede á inversa.Eu non me vexo coa prerrogativa para determinar que territorio é ou non é colonia, pero penso que para que exista colonia ten que haber nación e para que haxa nación ten que haber unha certa estructura económica propia, unha certa comunidade de intereses, unha certa identidade cultural e, sobre todo, unha mínima vontade de selo (finalmente a cuestión nacional é unha cuestión de vontade). Algo que a Andalucía non lle vexo (pero se cadra equivócome).A sociedade española banaliza algunhas cousas da cultura andaluza pero non todas. En todo caso, e aínda que sexa para exercer o papel dun certo estereotipo folclórico, o motivo do andaluz é percibido en España como indubidablemente propio. A visión que a sociedade española ten das outras culturas nacionais periféricas é a da irrupción do Outro, sexa o outro inefable vasco, o outro xudeizante catalán ou o outro inferior galego (lugar, este último, que compartimos no imaxinario español cos portugueses pero co drama de non dispor dun estado para contrarrestalo).

Torcinho disse...

Qué é unha elite autocentrada? Portugal, Grecia ou Polonia teñen elites autocentradas e non están moito mellor ca nós. Madrid ten elites hiperautocentradas e segue a ser en moitos aspectos unha cidade do terceiro mundo (ou do segundo se o prefires). Cales son as funcións políticas e económicas das elites sexan autocentradas ou heterocentradas? A perpetuación no poder e a defensa dos seus intereses de clase.
Teño a impresión de que para ti hai unha burguesía razonable e outra absolutamente irracional.
Para unha persoa de esquerdas o conflicto básico é o que se dá entre a xustiza e a igualdade por unha banda e o privilexio e a exclusión polo outro. Non entendo por qué Barcelona ou Madrid ou París ou Berlín teñen dereito a máis café. Onde quedou aquilo da irmandade e da solidariedade entre os pobos? O outro día no telexornal, unha ex-votante de Merkel sentenciaba que ela non quería pagar os pratos rotos de España e Portugal e que a ela ninguén lle preguntara se quería prestarlle cartos aos gregos (xa sabes, o rollo ese de que Alemaña dá moito máis do que recibe).
A min fáltame esa vontade da que falas. Non deixo de recoñecer ao contrario que o tal Fernández Steinko, que o nacionalismo español é máis insidioso porque se autoidentifica co dereito natural feito que cimenta a súa incuestionabilidade e a súa perennidade pero, en certa medida, o galego paréceme unha reproducción a pequena escala do irmán maior.

De verdade pensas que as elites de Cataluña ou Euskadi non se benefician máis das políticas económicas do goberno central cós peóns agrarios andaluces? A política económica dos poderes estatais favoreceu o desenvolvemento do cadrante nororiental da península (a partir de Madrid, iso ninguén o nega). Obviamente, o conceito "desenvolvemento" hai que collelo con pinzas porque o que sobran tanto na capital catalana como na española son "bolsas de exclusión" (na linguaxe xornalística).
Arxentina ou as Filipinas son nacións "recoñecidas", cunha certa estrutura económica, unha certa comunidade de intereses e unha identidade cultural. Segundo a túa clasificación, son colonias ou non? Porque a maioría da súa poboación e dos seus recursos están algo máis explotados cós galegos.
Non nego o perigoso papanatismo etnocéntrico do establishment patrio (que inclúe a unha parte importante da esquerda) pero eu creo que a estas alturas, a estratexia debe ser xusto a contraria: o galego, o euskara, o catalán tamén son línguas comúns a todos os españois. Por moito que se empeñen Rosa Díez and company forman parte dun patrimonio compartido.

O Fuco disse...

Dicir Portugal, Grecia ou Polonia non están moito mellor ca nós é non dicir nada. Tamén discutir se Arxentina ou Filipinas son ou non colonias.Todo hai que velo no seu contexto. Hai que ver o punto de partida e o de chegada. Polonia sempre foi esmagada por Rusia e Alemaña. Grecia loitou contra o Imperio Otomano para mellorar a súa situación. Habería que analizar como de ben estaba Portugal cando era un protectorado Británico e que capacidade de desenvolvemento futuro habería ter. A Arxentina de mediados do século XX era un estado nacional próspero, a Arxentina do corralito experimentou nas súas carnes o que era non dispor de soberanía nacional sobre os mercados financeiros.Cando Walden Bello fala de Filipinas, e en xeral dos países do sur, reclama para aqueles as ferramentas que outorga a soberanía nacional para controlar aos mercados, e é plenamente consciente de que entre Filipinas e Europa e os EEUU hai unha contradicción distinta da que hai entre as clases internas de Filipinas.Cando Marx fala da burguesía nunca adopta o ton hiperesquerdista que lle nega todo papel a aquela. A burguesía cumpriu unha función importante para deixar atrás o antigo réxime. A función que deberían ter cumprido as elites autocentradas en Galiza, e no que fallaron por extinción ou abandono do país, era a de construír o estado nacional (a construcción do estado español tamén tivo os seus fracasos, pero por outras causas, de aí que o asunto nacional estea aquí sen resolver). Non é cuestión de bos ou malos. É cuestión de momentos históricos.Madrid ten (en realidade tivo, pois hoxe as elites responden á lóxicas dos mercados globais e non aos intereses nacionais) elites autocentradas, por iso ten un estado, a ferramenta a partir da que facer política.Que en Madrid haxa inxustizas e bolsas de pobreza é o síntoma da contradición de clases que existe en toda sociedade.Dis que para "unha persoa de esquerdas o conflicto básico é o que se dá entre a xustiza e a igualdade por unha banda e o privilexio e a exclusión polo outro" pero falas diso de xeito abstracto, como se esas inxustizas e privilexios non se desen en marcos concretos, con institucións concretas e con repartos de poder concretos.Non é cuestión de citar un feixe de nomes de lugares e reclamar en abstracto a igualdade entre todos, senón de analizar que función cumple cada lugar concreto no reparto de poder concreto.A soliedaridade e a irmandade entre as persoas é, efectivamente, un valor importantísimo, pero non hai que confundir a arela de irmanamento universal cunha proclama de boas intencións fóra dos aparatos de poder concretos.Cataluña e Euskadi teñen un encaixe en España do que globalmente, puideron sacar posicións ventaxosas, pero isto é así porque aqueles dous lugares nunca deixaron de introducir na política española, precisamente porque contaban cunhas elites vertebradas, a dialéctica centro periferia.A situación de Galiza é excepcional, pero se Galiza non deixa de tensar tamén o debate no sentido centro periferia (acorde aos seus intereses, naturalmente), e se se deixa incluír nunha especie de fraternidade abstracta española, o que de aí vai obter non vai ser máis xustiza, senón menos.O estado español nunca poderá facer súas as linguas periféricas, entre outras cousas porque non é práctico.Cando Steinko fala da alternativa da esquerda española neste tema non vai alén de proclamar un plurilingüismo formal (que as linguas periféricas se ensinen nas outras zonas, etc) que está abocado ao fracaso, entre outras cuestións porque o importante é cal vai ser a lingua do estado. A lingua que empregue o Estado (e esta vai ser a lingua máis falada no estado) é a que ten as de gañar.Como dicía o protagonista do "Declive do imperio americano", a historia é unha cuestión de número, de demografía.Galiza pode unirse tacticamente á esquerda española, pero a súa estratexia mentres exista como nación, mentres as súas condicións materiais sexan as presentes, debería ser a de non deixar de pór sobre a mesa a contradición centro periferia e a reclamación dun aparato estatal propio.

Torcinho disse...

Se cadra tes razón pero sigo sen ver para qué lles serven á maioría dos habitantes de Carabanchel Bajo ou das banlieu parisinas unhas elites autocentradas e un estado "propio" (convertido, cada vez máis,noutra "propiedade" privada calquera).
Non teño nin idea cómo conxugar solidariedade e xustiza con reivindicación nacional (sexa iso o que for) pero esa loita darwinita intercomunitaria que plantexas non me parece a solución.
En fin, grazas pola paciencia.