4/06/2010

De hienas e chacais




Veño de ler o último de Cid Cabido: Unha historia que non vou contar. Novela construída ao xeito da non-fiction novel de Capote pero conducida polo mesmo tipo de protagonista canalla e trasnoitador que se pode atopar noutros traballos do autor vigués. Mediante a disección dun crime paixonal ocorrido no Vigo do tardofranquismo asistimos á radiografía de toda unha clase: a burguesía viguesa. Un colectivo tan poderoso no económico como miserento no moral. Cuxa provinciana vida social, puntualmente glosada polo Faro de Vigo,
rutilaba en resesas festas no Aeroclub, no Club Náutico ou no Mercantil. Unha casta que construía o seu imperio a través da corrupción compartida co réxime fascista e que, non só mediante o marcador social da lingua, se arredaba e desprezaba á masa de traballadores cos que compartía espazo vital. Pero, cantos dos que hoxe mesmo seguen a rexer a vida económica (e polo tanto política) desta cidade non sentirán aquel pasado que retrata Cabido como o seu propio pasado ou como o pasado dos seus propios devanceiros? Acaso non seguen no Círculo Mercantil e no Club Financeiro a organizaren conferencias nas que os herdeiros daquela burguesía cutre e corrupta esbardallan rabiosamente contra o idioma galego? Ou é que non son, este tipo de homes grises e ignorantes, tamén lexión no mesmísimo goberno da Xunta de Feijoo?

* * * * *

Nun dos mellores momentos da sublime Il Gattopardo de Luchino Visconti, o Principe de Salina mantén unha demorada conversa con Chevalley, persoeiro que o goberno liberal de Turín enviou a Sicilia para ofrecer ao aristócrata un posto no Senado. E sen ben mostrara sobradamente a súa capacidade de adaptación ás novas circunstancias, o Príncipe decide rexeitar o posto e aconsella a Chevalley un substituto: o seu consogro Don Calogero, un burgués tan rico coma vulgar que, tras as revoltas garibaldiás e o seu conseguinte termidor en forma de reinado dos Saboia, comezara a escalar postos na nova coxuntura política.


«O home que vostedes precisan –dille o Príncipe– é un home que ha acomodar o seu interese particular ao indefinido idealismo público. […] O nome de Calogero Sedara merece moito máis ca min ser elixido. Dixéronme que o seu apelido é moi antigo ou acabará por selo». E engade despois o Príncipe esta frase xenial: «ten algo máis do que vostede chama prestixio, ten poder.»

No estado español, tras aquela patética beautiful people dos oitenta crecida ao abeiro duns gobernos socialistas responsables de encetar o que hoxe se coñece como financiarización da economía, os últimos anos de burbulla inmobiliaria viron emerxer da nada a moitos Don Calogero. Esperpentos como o Juan Antonio Roca dos cuartos de baño decorados con cadros de Miró, bufóns millonarios coma o Pocero ou advenedizos horteras coma Correa, o Bigotes e Crespo cuxa andanzas comezamos a coñecer agora que o segredo de sumario da Gürtel vai ser levantado son, canda outros como os Bárcenas, os Matas, os Camps, os Fabra (e os que virán), o lado escuro -se é que había algún que non o fose- no que se sustentou o poder do que Vázquez Montalbán alcumou como a aznaridad; "réxime" que tería na voda principesca da filla do propio expresidente outro momento paradigmático para ilustrar como a burguesía, na súa teima por imitar á aristocracia, sempre remata na caricatura.
Ao final da longa conversa con Chevalley, e cando este xa estaba montado na carruaxe que o habería levar de volta a Turín, o Príncipe de Salina afirma –coa señardade do que sabe que o tempo dos «gatopardos» e dos «leóns» rematou para sempre– «quen nos substituirán serán os chacais, as hienas». Na política e na economía española actual, e polo que se sonsaca do libro de Cabido tamén nas dos últimos corenta anos, as hienas e os chacais abundan en tal cantidade que un se pregunta como pode seguir habendo ovellas suficientes para os saciaren a todos.

2 comentários:

O Garcia do Outeiro disse...

Coma sempre parabenizo-te polo teu artigo, desta volta descrevendo a esses papalouças, os filisteus da apariência que por cérebro levam um unto coma o Dom Celidónio daquel romance demoledor de 1928. Umha aperta irmandinha

O Fuco disse...

Velaquí a tan aclamada maquinaria electoral do PPdG: cartos negros a esgalla para pagar a quen se poña por diante. Un aperta.