4/12/2010

De clases, antiintelectualismo e arte africana



Na conferencia que Jacques Bidet impartiu en Pontevedra co gallo da XXVII Semana Galega de Filosofía explicou a súa revisión dalgúns conceptos da teoría marxista. Para Bidet ademais da estruturación da sociedade en clases cómpre falar do que el denomina metaestruturas. A composición en clases que propón Bidet é tripartita: por unha banda a clase propietaria, por outra a clase dirixente ou competente e por último o que el chama a clase fundamental integrada polo que comunmente se coñecen como as clases populares. As dúas primeiras son dous polos diferenciados da clase dominante, polos que, a dicir de Bidet, Marx non soubo diferenciar. En canto ás metaestruturas, Bidet distingue dúas: o mercado e a organización. Estas dúas realidades son «patrimonio da humanidade pero están apropiadas pola clase propietaria». Nas súas propias palabras: «A clase dominante domina a través do mercado e de procesos de organización» xa que,
«por exemplo a empresa, non é un mercado é unha organización». Se a clase propietaria tenderá a utilizar as dúas metaestruturas no seu proveito, a clase fundamental, na súa loita coa clase propietaria, tenderá a fomentar a metaestrutura da organización.
En canto á clase dirixente ou competente, esta é, no esquema de Bidet, unha especie de clase bisagra que, en función das alianzas que estableza, contribuirá a que a hexemonía de cada periodo histórico se decante para o lado da clase propietaria ou da clase fundamental. Durante os Trinta Gloriosos, a dicir de Bidet, produciuse a alianza entre a clase fundamental e a clase competente o cal propiciou unha época de maior redistribución económica e dun maior benestar. Co advenimento da revolución conservadora dos anos 70 e ata a actualidade a alianza entre os detentores do capital cultural e as clases populares rachou, de aí que a hexemonía da clase propietaria sexa, neste momento, esmagante.
O que eu non teño de todo claro é se a alianza rachou porque os intelectuais decidiron dedicarse a gañar diñeiro ou porque un dos maiores éxitos da revolución conservadora foi o de conseguir inocular na sociedade un certo antintelectualismo, un desprezo polo saber e por aqueles que saben, que impedise toda creación de hexemonías alternativas á súa. Como senón se pode comprender que, para o caso do estado español, o momento histórico de menor analfabetismo, de maior capacidade de acceso á información e de maior sincronía cos países máis avanzados do mundo de toda a súa historia poida coíncidir co auxe da televisión lixo, ca idolatría sen parangón das figuras do deporte e do cotilleo, cos baixos índices de lectura e co encumbramento dunha clase política gris, ignorante e sen ningún tipo de visión histórica?

* * * * *

Da crítica Historia da Unión Soviética 1917-1991 que Carlos Taibo ven de tirar do prelo en castelán, pódese colexir, entre outras cousas, que a ideoloxía que impregnaba á revolución de outubro era coincidente coa ideoloxía desenvolvementista propia das economías capitalistas contemporáneas súas. A teima maior dos dirixentes soviéticos era desenvolver aquel país de labregos a un nivel análogo ao dos países europeos que albergaran revolucións burguesas. Neste sentido, a nomenclatura había facer as veces de burguesía, ben que, e paradoxalmente, acabase por recordar de máis á vella aristocracia zarista (será por iso que p.e. un Luchino Visconti non vía contradicción ningunha entre a súa militancia comunista e a predilección polo luxo que a súa familia noble lle inculcara desde rapaz?)
Seguindo o esquema de Bidet, poderiamos dicir que na Unión Soviética a clase dos competentes conseguiu dominar por igual á clase dos propietarios e á clase fundamental. Non en van Bidet enfatizou en Pontevedra que para a clase fundamental poder pactar coa clase competente dunha maneira beneficiosa para os seus intereses, antes debería «derrotala completamente» (o que non dixo é como facelo).
Nunha cita de Lefort que se inclúe no libro de Taibo, aquel di que as armas da burocracia na Unión Soviética foron:


«a concentración da autoridade en mans dunha minoría, a exclusión do pobo, a xerarquización das funcións e a diferenciación dos salarios, e a división estricta das competencias: en poucas palabras unha organización científica da desigualdade que se convertiu nunha nova opresión.»

Do perigo de que a organización, única arma das clases baixas para mudar o estado de cousas, se convirta nunha nova opresión, tamén alertou Bidet na súa conferencia. No coloquio mantido despois da charla sintetizou de xeito claro a única fórmula viable para conxurar os perigos desa ameaza: «hai que combatir o mercado mediante a organización e a organización mediante a democracia». Pero que democracia? Cando Bidet analiza a separación do arco político entre esquerda e dereita habitual desde a revolución francesa repara en que esta responde a unha organización bipartita, e non tripartita, da sociedade. Así, ao seu modo de ver, o polo socialdemócrata que nas democracias liberais representa á esquerda non é máis ca expresión política da clase dos dirixentes e competentes, sendo a dereita a expresión da clase propietaria e quedando sen representación significativa a clase fundamental.

* * * * *

Carl Einstein responde á figura do intelectual comprometido do seu tempo. O integrante –de seguirmos co esquema de Bidet– da clase competente aliado coa clase fundamental. Finalizada a súa participación na I Guerra Mundial, afiliouse á Liga Espartaquista e ao Partido Comunista. O mesmo día que asasinaban a Rosa Luxemburg e a Karl Liebknecht, Einstein atopábase nas barricadas onde foi apresado. Co ascenso de Hitler ao poder Einstein, como tantos outros xudeus, ten que exilarse en Francia. De alí ha pasar a España onde combatirá na guerra civil alistado no Grupo Internacional da Columna Durruti. Coa derrota da república regresa, ferido, a Francia, onde será internado. Tras tentar infructuosamente emigrar a Inglaterra volverá ser internado en Burdeos. Ao saír do seu internamento tentará quitarse a vida. Atrapado entre o avance alemán e a fronteira española –o mesmo que aquel outro intelectual comprometido chamado Walter Benjamin– Einstein, o grande teórico da arte das vangardas decide, desta volta con éxito, suicidarse. No escrito de 1919 titulado Sobre a arte primitiva incluído en A arte como revolta. Escritos sobre as vangardas (1912-1933), pódese ler:

«Se facemos estourar a ideoloxía do capitalismo, baixo ela atoparemos os únicos retos valiosos do continente saltado polos aires, a condición de todo o novo, as masas populares, que aínda hoxe son vítimas do padecemento. As masas son o artista.»

Cando as vangardas artísticas coñeceron a arte africana, un novo mundo non contaminado pola civilización capitalista se abriu ante elas. Einstein interpreta a irrupción desta nova arte primitiva coma a entrada de aire fresco na atmosfera corrompida do mundo pequenoburgués europeo. Neste episodio da historia da arte europea pódense apreciar algunhas das cuestións prantexadas por Bidet na charla de Pontevedra. Por un lado evidénciase a idea exposta polo francés de que só a clase fundamental (neste caso aqueles africanos creadores de “arte primitiva”) é verdadeiramente a clase creativa; polo outro, faise patente o caracter ambiguo da clase dos competentes que, ao mesmo tempo que recoñece e enxalza as capacidades da clase fundamental («as masas son o artista») contribúe, coa súa utilización dos saberes populares (p.e. a presenza das máscaras africanas en Les Demoiselles d'Avignon), así como coa valorización daqueles (o mesmo texto de Einstein) e coa súa aceptación (a entrada no canón artístico, e no mercado, desa pintura e escultura europea influídas pola arte africana e dos propios obxectos artísticos africanos) á apropiación definitiva dos mesmos por parte da clase propietaria. Deixando claro, xa que logo, que a clase dos competentes constitúe un polo imprescindible para a reproducción da dominación.

9 comentários:

cossimo disse...

E o intelectualismo, non é unha manifestación máis da ambigüidade da clase competente?

O Garcia do Outeiro disse...

Tenho ganhas de fazer-me com o livro do Carlos Taibo, a ver se me podo fazer aginha com el e o leio no verao. Sobre a estruturaçom tripartita a mim parece-me umha releitura do estado geral ou terceiro estado, da aristocracia e do clero. Nom me acava de convercer... o que Marx propom nom som dous compartimentos estancos e estáticos, por isso a divisom que este autor propom nom achega rem novo nem é clarificadora em minha opiniom. Teria que informar-me melhor, contodo. Umha aperta irmandinha

O Fuco disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
O Fuco disse...

Cossimo: o intelectualismo, entendo eu, é o que fai da clase competente a clase competente.

Garcia: a lectura de Bidet achega unicamente matices que, se cadra, axudan a entender mellor como se fraguan as hexemonías. En todo caso, os integrantes da súa clase competente son os intelectuais de toda a vida, os que formaron o partido bolchevique, o estudantado que fixo o maio do 68, os profesionais liberais que hoxe poden votar pola esquerda moderada... Se cadra o que me pareceu máis interesante é a súa lectura da esquerda reformista como partido desa clase competente e non como partido das clases baixas.

cossimo disse...

E, por tanto, un polo imprescindible para a reproducción da dominación.

O Fuco disse...

«Nietzsche cre saber -di Antoni Domenech en "El eclipse de la fraternidad"- que o "saber" forma parte da cultura apolíneo-alexandrina que non só ignora que depende ela mesma da existencia dun contixente de escravos, senón que dá irreponsablemente aos escravos infundadas esperanzas de sairen da súa condición: promételles unha igualdade civil que inexorablemente ten que rematar en igualdade política -en democracia-; failles abrigar as falsas esperanzas dunha universalización da cultura e da felicidade.
E a depositaria por excelencia dese saber apolíneo -a "vontade de verdade" dos científicos e os amigos da verdade obxectiva- non é ela mesma senón unha "vontade de poder" de mediocres que deben de ser tamén dionisiacamente sometidos e colocados no seu sitio.»

Seguindo coa categorización que propón este texto, penso que eu estou máis nunha liña mediocre-apolínea en oposición á túa nietzscheá-dionisíaca. Ou?

cossimo disse...

Boh!, non me fagas caso. E que o outro día vin no facebook unha foto dun militante-simpatizante dun sindicato da ultra-esquerda nacionalista tratando de desenterrar a súa berlina de entre os grans da area dunha praia do país. E, claro, fiquei en estado de shock.
En todo caso, a miña é unha simple deducción lóxica (ou será máis ben un sofisma?):
-o intelectualismo é o que converte en competente a clase competente;
-a clase competente constitúe un polo imprescindible para a reproducción da dominación;
-ergo, o intelectualismo contribúe a reproducción da dominación.

Eu posúo un simple verniz así que Nietzsche, máis alá dos tópicos, supérame un pouco. De calquera xeito, fico intrigado: como se somete dionisiacamente os mediocres? Porque non todos podemos ser übermenschen, digo eu. Oh, wait a minute! A que vai ser certo que o tipiño era nazi?

O Fuco disse...

Comprendo perfectamente o shock que pode producir ver a un líder sindical e reputado esquerdista desencallando unha Berlina na praia. Sobre como se somete dionisíacamente a un mediocre apolíneo, prefio non dar ideas.

Apertas.

cossimo disse...

Outra.