2/23/2010

Gramsci 2x1



En datas ben tempranas, e cunha lucidez admirable, Antonio Gramsci soubo enxergar en que se acabarían convertendo a maior parte das organizacións sindicais. Así, nos seus Escritos políticos de 1922-1926, concretamente no titulado O partido comunista e os sindicatos, escribía:

«O desenvolvemento normal da organización sindical provocou resultados completamente opostos aos previstos polo sindicalismo: os obreiros convertidos en dirixentes sindicais perderon por completo a vocación laboriosa e o espírito de clase, e adquiriron todos os caracteres do funcionario pequenoburgués, intelectualmente nugallán e moralmente corrompido ou fácil de corromper. Canto máis se ampliou o movemento sindical, incorporando a grandes masas, tanto máis se extendeu o "funcionarismo"; a imposibilidade de convocar frecuentemente as asembleas xerais de afiliados impediu o control das masas sobre os xefes; os obreiros mellor retribuídos ou que tiñan outros ingresos aparte do salario formaron un sindicato dentro do sindicato, sostendo aos dirixentes na súa obra de lento acaparamento da organización aos fins dun sector político que despois revelou ser simplemente a coalición de todos os funcionarios sindicais mesmos; estar organizados significou para a maioría dos obreiros non xa participar na vida da propia comunidade a fin de exercer e desenvolver as súas propias dotes intelectuais e morais, senón soamente pagar unha cuota obrigada para gozar de liberdades formais, similares en todo ás liberdades que goza o cidadán no ámbito do estado parlamentario.»

Hoxe, a situación que denunciaba Gramsci resulta un ritual habitual. A cotemporización de UGT e CCOO cun goberno que se vai achegando, a teor das solucións propostas para a crise económica, paseniño ás teses da dereita son ben indicativas –por non falar de opinións como as do ex-secretario xeral de CCOO José María Fidalgo para quen retrasar a idade de xubilación aos 67 anos é algo «de sentido común». A longo prazo, non é descartable que unha esquerda cada vez máis ecoloxista e decrecementista atope motivos renovados de crítica –e mesmo de oposición– ao papel pro-sistema de case que todos os sindicatos.

Para Antonio Gramsci a decadencia sindical habería ser conxurada grazas á convicción firme e consciente do Partido comunista e á súa capacidade para volver encarreirar os acontecementos. Non soubo ver o ilustre sardo –ou máis ben non puido– que a corrupción e a esclerose tamén acabarían por enferruxar á organización política. Substituíndo a palabra «sindical» por «partidaria» e «sindicalismo» por «ciencia política» obteremos, a partir do parágrafo citado, outro fresco ben descriptivo da situación presente.

4 comentários:

AFP disse...

O do sindicalismo enquanto seja umha parte do estado e viva das suas subveçons vejo-o preto e incluso na CIG no conflito do metal deixou em minha opiniom muito que desejar. Umha aperta irmandinha

O Fuco disse...

Cando as organizacións se volven fins en si mesmas, malo.

Unha aperta.

Anónimo disse...

Acho que seja necessário entender também que na dialéctica contra o capital pode haver contradições da parte social - neste caso do sindicalismo. Na CIG há contradições. O que diferencia a CIG doutros sindicatos é a capacidade para digeri-las e não morrer delas, como aconteceu com CC.OO. e UGT. Também não digo que por isso a CIG seja perfeita, porque é certo que no seu interior realizam-se trabalhos que vão mais na linha da organização como fim do que na linha da organização como ferramenta. Mas, por enquanto, penso que esses casos não são maioritários. Outra cousa é no BNG com a sua homologação, conforme a segunda leitura que propõe o Fuco. Parabéns polo artigo.

O Fuco disse...

Concordo contigo Óscar, só penso que para dixerir as contradicións primeiro cómpre enuncialas.