2/19/2010

Universidade S.L.




«As diversas facultades e escolas, aínda adornadas de ilusións anacrónicas, son transformadas en dispensadores de “cultura xeral” á medida das clases dirixentes, en fábricas de ensino rápido de cadros inferiores e de cadros medios. Lonxe de se oporen a este proceso histórico que subordina directamente un dos últimos sectores relativamente autonomos da vida social ás exixencias do sistema mercantil, os nosos progresistas protestan contra os retrasos e desfalecementos que sofre a súa realización.»


Da miseria no medio estudantil. Internacional situacionista. 1966


Reproduzo a seguir dous extractos pertencentes á introdución dun documento ―Estratexia Universidade 2015. A gobernanza da universidade e as súas entidades de investigación e innovación― que non ten desperdicio:

«Na actual sociedade do coñecemento, ás universidades non só se lles pide que se ocupen de investigar e impartir docencia e de formar os alumnos, senón que tamén se lles exixe cada vez máis que contribúan ao desenvolvemento económico e social do seu contorno, que compitan nun marco internacional con outras institucións e que persigan a excelencia. Ás universidades pídeselles realizar I+D+i e que esta revirta na sociedade a través dunha efectiva transferencia de tecnoloxía ao sistema produtivo, que colaboren con empresas ou creen elas mesmas spin offs, que licencien patentes, que permitan e incentiven a mobilidade dos seus investigadores, etc… Así mesmo, o papel da universidade devén central no desenvolvemento do capital humano, para formar en coñecementos e habilidades aos estudantes, e facilitar a súa inserción no mercado laboral en condicións óptimas, así como para dar resposta ás necesidades das empresas en canto aos requerimentos de traballadores altamente cualificados; e da mesma maneira, o papel que pode desempeñar a universidade resulta clave na formación ao longo da vida, permitindo que a poboación activa no mercado de traballo poida actualizar e renovar coñecementos e adquirir novas aptitudes, ou no incentivo e fomento das actitudes emprendedoras.
[...]
Para afrontar todos estes retos é esencial unha modernización das universidades españolas, dotalas dunha elevada flexibilidade, para poder dar resposta ás exixencias que a sociedade do coñecemento e o contexto internacionalizado actual lles plantexa. E unha das facetas deste cambio e modernización ten que ver co modelo de gobernanza.»

Dicía Goebbels que cando escoitaba a palabra cultura botaba man á pistola. E paradoxalmente, calquera persoa que considere a cultura e o saber coma un patrimonio común e un fin en si mesmo debería sentir a mesma animadversion primaria e instintiva goebbeliá cada vez que aparecen, en certos contextos, palabras coma “modernizacion”, “flexibilidade” ou “gobernanza”. De palabras–calzador como estas (e doutros asaltos semánticos como aquel que identifica “sociedade” con “mundo empresarial”) está inzado este recente documento asinado polo Ministerio de Ciencia e Innovacion, a Fundación Conocimiento y Desarrollo presidida por Ana Botín e a Conferencia de rectores das universidades españolas. O obxectivo: atacar directamente a autonomía universitaria e permitir a entrada da empresa nos seus órganos directores. Velaí Boloña.

1 comentário:

AFP disse...

Bolonha é umha reconversom industrial aplicada ao ensino, umha outra privatizaçom ultraliberalista com o agravante de que se mercantiliza aliás o conhecimento. No entanto, tamém tenho que dizer que conformo essa geraçom fracassada que na Galiza foi incapaz de fazer-lhe frente ao Plano Bolonha. Umha aperta irmandinha