10/21/2009

Berlusconismo, fase superior do fascismo



Di Arno J. Mayer nun artigo sobre a crise financeira que aparece no número cinco da revista Sin permiso: «Culpar ao desastre das hipotecas subprime nos EEUU do esboroamento financeiro e económico global de 2008 é como imputar o estourido da Primeira Guerra Mundial ao asasinato do Arquiduque Fernando». E prosegue: «En ambos casos un discreto acontecemento foi a faísca que prendeu unha grande conflagración. Pero a mecha xa estaba alí». Cambiándomos o que deba ser cambiado, esta afortunada metáfora de Arno J. Mayer podería ser igualmente aplicada á relación entre o fenómeno Berlusconi e o desprestixio da política. De tal xeito que culpar a Berlusconi de provocar o desprestixio da política é como confundir o síntoma coa enfermidade.

Agora ben, non sendo o síntoma o mesmo ca enfermidade, aquel si desvela ou fai lexible a esta, de aí que o berlusconismo sexa, nestes momentos, o mellor manual de instruccións para saber cara onde pode continuar o devalo dunha actividade que, para o mundo da Grecia clásica que a pariu, encarnaba o chanzo máis alto da dignidade e da virtude social.

Para me axudar na tarefa de achegarme ao "mundo-Berlusconi" boto man dun artigo publicado no Le Monde Diplomatique deste mes que, na miña opinión, merece ser lido con atención. Firmado por Carlo Galli. O seu título é: Berlusconi y la teoría del “todo vale”.
No mesmo, o autor sostén que a perceptible decadencia –en Italia– dun piar fundamental da república como é o antifascismo orixina a decadencia do «sentido cívico» na sociedade daquela península (unha idea que comparte con Antonio Elorza a xulgar por un outro artigo da súa autoría que hoxe mesmo publica El País). Á súa vez, prosegue Galli, este decaemento do antifascismo viría sendo provocado pola preponderancia, desde os anos oitenta do século XX, da economía sobre o «valor regulador da política e do dereito». Un sistema económico que se presenta como ideoloxicamente liberal pero que é, de facto, corporativista e clientelar. Produtor dunha paisaxe na que a inseguridade é o estado natural dun corpo social que «percebe cada vez menos a necesidade de ter normas de convivencia». Este caldo de cultivo acaba conformando o que Galli denomina o «amoral familiar», o mecanismo social que promociona a excepción particular fronte o sentido do dereito universal e cuxa personificación estaría representada polo pícaro ou o astuto que sabe moverse (ou que fantasea coa idea de saber moverse) para sacar partido das desigualdades. Así, tamén segundo Galli, e en consoancia coa atinada visión de Andrea Camilleri sobre unha Italia na que triunfou a moral do vespino («o vespino vai por prohibido e ninguén di nada; atravesa en vermello e ninguén di nada, sobe á beirarrúa e ninguén di nada, os italianos miran ao vespino e pensan: A virxe! que bonito sería ser ese vespino e non cumprir regra ningunha!
»), a crise actual xa non sería só económica, social e política, senón tamén, e sobre todo, unha crise moral propiciada pola «morte da confianza».
É con este panorama como pano de fondo que emerxe a personaxe Berlusconi –e a estela do berlusconismo– como nova maneira de entender a política. En palabras de Galli: «Berlusconi conseguiu encarnar a “Rebelión das masas” provocada pola fin do sistema de partidos da primeira república [...] aproveitou ao seu favor a rebelión contra a política, contra a cultura e contra as elites que marcou os noventa e que segue vixente». Importante isto último: a idea de rebelión, como tantas outras ideas antano vinculadas á esquerda, son hoxe patrimonio –convintemente terxiversadas– da dereita.
Entre as características desta nova dereita berlusconiana, Galli debulla as seguintes:
- Mistura dun «populismo plebiscitario» cun grande «poder mediático.»
- Emprego masivo dunha «retórica e culturas cínicas e anti-institucionais.»
- Concepción da delegación non como o resultado dun procedemento racional, senón como «unha representación simbólica, persoal e plebiscitaria, grazas á cal, o pobo recoñece a súa propia autoridade no corpo místico do xefe.»
- Práctica dunha «política autoritaria e carismática allea ao antifascismo.»
- Falso liberalismo confirmado polos «reiterados ataques contra a liberdade de prensa e a televisión, o abandono de toda noción laica en política (privilexios económicos á igrexa e respecto ás directivas en materia de bioética e biopolítica), ausencia de escrúpulo na excitación da xenofobia e dos medos sociais.»
- «Paso do poder dos partidos ao poder das persoas, ou dunha persoa, e do “arco constitucional” a unha política de división vertical do país en dous bloques opostos ata nas súas antropoloxías.»
- Repetición constante da lóxica amigo/inimigo que «permite forxar unha unidade simbólica nun país onde deliberadamente se mantén a fragmentación e as desigualdades económicas.»
- Práctica dun laissez faire que «consiste en deixar que cada grupo de poder ou de interese conserve os seus privilexios e busque incrementalos en detrimento dos grupos máis débiles e, máis xeralmente, da dimensión colectiva da cohabitación nacional.»
- Transformación da lei universal da República na anomalía e saturación da vida pública «con lóxicas e prácticas privadas» que representan «a forza da súa posición e a razón do consenso do que goza.»

Dunha vista rápida aos rasgos apuntados por Galli logo nos decatamos de que as ideas desta dereita de moralidade feble foron recollidas con grande dedicación, na nosa contorna, principalmente polo PP, tamén por UPyD, en boa medida polo PSOE e dalgún xeito máis ou menos tanxencial por case que todos os partidos. A seguir debullarei un pouco como, e por medio de quen, foi gañando terreo esta forma deturpada de entender a política que emporca todo o que se pon por diante como se de brea se tratase:

1. O PP español, e especialmente o PP galego, están aplicando con grande fidelidade a tríada que Galli denomina «populismo plebiscitario» + «poder mediático» + «retóricas e culturas cínicas e antiinstitucionais». Exemplos: A enquisa do galego, a deslexitimación das Galescolas, os ataques á sanidade pública, as suspicacias contra o sistema xudicial ante a corrupción do Gürtel, o «amamos a lingua galega pero non a Lei de Normalización» do noso querido conselleiro de educación, etc.
2. Se ben non se pode poñer no haber de todos os partidos a práctica dunha concepción da delegación non como o resultado dun procedemento racional senón como «unha representación simbólica, persoal e plebiscitaria grazas á cal o pobo recoñece a súa propia autoridade no corpo místico do xefe», nin tampouco se pode acusar a todos (si ao PP aznarita, esperancista, campsiano e feijoniano) en igual grao dunha «política autoritaria e carismática allea ao antifascismo», si é certo que a política espectáculo propicia que en todas as casas, aínda que de maneira desigual, prime a hipertrofia do líder carismático. Demais está dicir que esta personalización da política, por veces insoportable, ten os seus precedentes inmediatos nos diferentes cultos ao líder propios de réximes fascistas e/ ou autoritarios.
3. Sobre o bloque «falso liberalismo» (conectado ao laissez faire en favor dos diferentes grupos de poder)/ «ataques á liberdade de prensa»/ «abandono da noción laica da política», as responsabilidades repártense de maneira desigual: por unha parte temos o falso liberalismo dun PP que, ademais de empregar prácticas clientelares “primitivas” ao estilo Baltar, tamén practica o clientelismo de gomina e garabata como estamos a ver no que toca á trama Gürtel; por outra parte os reiterados ataques á liberdade de prensa efectuados tanto polo PP como polo PSOE en forma de peche de diarios como o Egunkaria ou en forma de suculentas subvencións aos xornalistas amigos como todos sabemos que se fai, na nosa terra, sobre todo coa prensa escrita; e por último, isto especialmente imputable ao PP (se ben o PSOE tampouco é quen de desligarse de todo da sombra da igrexa), un pregamento á Igrexa Católica en materia de moralidade completamente escandaloso e do cal a última manifestación antiaborto celebrada en Madrid representa un bo exemplo.
4. O paso do poder dos políticos ao “poder das persoas” é a principal baza á que xoga UPyD. Este falso cidadanismo, esta pretendida inocencia apolítica (especialmente sangrante cando quen lidera ese partido leva décadas en política), é a cara máis vangardista do novo fascismo. Detrás desta actitude virxinal agóchase a perigosa mensaxe de que a política –isto é, a posta en liza de distintas visións e de distintos intereses– é algo que cómpre eliminar. Pero que queda cando eliminamos a política entendida como actividade digna e necesaria? O inhóspito mundo da economía no que só os máis fortes, os máis ricos, teñen algunha opción de impor o seu criterio. Neste sentido, resulta sintomático que ninguén poida dicir claramente cal é o programa económico de UPyD.
5. A seguir, o que Galli denomina «división vertical do país en dous bloques opostos ata nas súas antropoloxías». Fenómeno que no estado español, Galiza incluída, está sendo máis e máis evidente. A cidadanía está a dividirse profundamente. As opinións políticas da xente non só se aliñan, dun xeito cada vez máis claro, coas dúas grandes maneiras de entender a xestión do público, senón tamén coas dúas grandes maneiras de entender a vida toda, desde o nacemento á morte, desde a sexualidade á educación, desde a igualdade á liberdade. Esta ruptura ética abismal, que algún sociólogos como Fermín Bouza xa detectaron na maneira en que se está a polarizar o voto e a autoubicación ideolóxica da xente, pode levar, en condicións de agravamento económico, a consecuencias imprevisibles.

6. Como consecuencia do anterior acentúase o recurso á lóxica do amigo/inimigo para aglutinar nun mesmo bando a persoas cuxos intereses deberían ser obxectivamente opostos. Unha lóxica que se en Italia adopta a forma de comunista/non comunista, no estado español recorre á fórmula nacionalista/ non nacionalista. Aquí é pertinente o apunte que fai Elorza no seu artigo de hoxe en El País: o binomio amigo/inimigo insírenos de cheo na lóxica do grande crítico da democracia de Weimar, democracia truncada finalmente polo ascenso hitleriano, Carl Schmidt. Algo que corrobora o carácter fascista desta nova maneira de entender a política.
7. Por último, e por concluír con estas reflexións a partir das ideas de Galli, dicir, por unha banda, que pronto veremos, cando a trama Gürtel sexa totalmente investigada (tamén veremos ata onde se investiga), se esta violación da lei universal en favor de «lóxicas e prácticas privadas» callou definitivamente nos diferentes ámbitos de poder políticos e xudiciais. Por dicilo doutro xeito, teremos unha nova oportunidade de comprobar ata onde é creíble a existencia da separación de poderes. Así mesmo, e pola outra banda, comprobaremos, a partir do comportamento da xente en vindeiros comicios electorais, se tamén aquí é maioritaria a moral do vespino camilleriana, e se xa chegamos ou non ao punto no que, cando a inmensa maioría das persoas ve unha destas motiños a troupelear polas beirarrúas, o que exclama é: A virxe! que bonito sería ser ese vespino e non cumprir regra ningunha!

10/19/2009

Guerra de posicións




«As superestructuras da sociedade civil –escribía Gramsci n´A política e o estado moderno– son como o sistema das trincheiras da guerra moderna. Nesta ocorre que un forte ataque de artillería parece ter destruído todo o sistema defensivo adversario, pero só destruíu, en realidade, a superficie externa e no momento do ataque e do avance os asaltantes atópanse fronte unha liña defensiva aínda eficiente».
O italiano distinguía, cando utilizaba estas metáforas bélicas, dous tipos de enfrontamentos: o da
«guerra de movementos» e o da «guerra de posicións». No primeiro un dos bandos xógase todo –confiando na súa superioridade– a un conxunto reducido de ataques para decantar definitivamente o resultado. O segundo, en troques, baséase na ocupación e retención progresiva de lugares de hexemonía e na capacidade de conxugar loita e resistencia.
A (im)política lingüística despregada polo Partido Popular desde o comezo de lexislatura trata por todos os medios de aplicar unha eutanasia forzosa ao galego, de desenchufar de vez a pequena bomba de osíxeno que mantiña ao noso idioma vivo no espazo público (pois no privado, mal que ben, segue a ser amplamente empregado), e para iso preferiu botar man da estratexia do movemento, do ataque total e indiscriminado, en lugar de utilizar a estratexia máis lenta –pero máis eficaz polo menos no terreo ideolóxico– da guerra de posicións. Poida que neste erro de cálculo da dereita, e no efecto rebote que a miúdo produce a excesiva agresividade, residan as nosas posibilidades de reverter a situación.
Neste sentido, a capacidade de reacción mostrada pola sociedade galega tal día coma onte, enchendo as rúas de Compostela, parece estar indicándonos, polo menos, dúas cousas:

1. É necesario confiar na capacidade da nosa sociedade civil, á hora de plantar cara a esta embestida, para adaptarse a unha guerra de posicións que será longa e que en absoluto está dirimida. Así, e como mostra de que o presidente da Xunta entende ben a situación actual do taboleiro, resulta sintomático que un día antes da manifestación Feijoo deostase, nun acto en Londres, a noción de resistencia cultural. Segundo o noso prócer, aquela adoece do erro capital de conter en si mesma a palabra resistencia.
Pero por que mistura Feijoo o concepto de resistencia entendida como renuencia a incorporarse ás correntes de pensamento globais (como se na nosa terra modernidade e galeguismo non tivesen camiñado toda a vida da man) co lexítimo dereito a tratar de conter a cultura dunha dereita que sempre representou, e que tamén agora representa, a reacción cavernícola e antiilustrada? Nada é inocente.

2. É tamén necesario evitar o pensamento sectario (definido por Gramsci como «aquel que impide ver que o partido político non só é a organización técnica do partido en si senón todo o bloque social do que o partido é guía porque é a súa expresión necesaria») e acumular forzas. Todo aquel disposto a unirse a esta causa común, sen máis requisito que o de turrar polo carro, ten que poder facelo.

A vida está chea de trincheiras nas que a xente que fala e ama a lingua debe enfrontarse a diario a un inimigo poderoso en forma de prexuízos, clasismo, ignorancia, intolerancia, incomprensión, etc.. Só dándolle o protagonismo absoluto a esa xente, conseguiremos facer que o actual estado de cousas vire ao noso favor.

10/14/2009

Cita con Daoud Hari


10/12/2009

Razón, emoción e poesía a partir dun libro de Judith Butler



Para Lacan –dinos Judith Butler en El género en disputa. El feminismo y la subversión de la identidad (Paidós, 2007)– o Simbólico (a linguaxe) nace da represión, o que el denomina a “Lei do Pai”, que forza a separación e a distinción entre o corpo do bebé e o corpo da nai; mediante esta separación supérase o estadio prediscursivo no que predomina a pura emoción, a líbido.
Fronte a orde patriarcal do Simbólico, Julia Kristeva contrapuxo –tamén segundo a lectura de Butler– o Semiótico, unha orde de significación previa á separación entre o bebé e a nai. Esta capacidade semiótica non represiva inserida na indistinción libidinal entre o bebé e a nai ten por característico a plurivocidade.
Agora ben, como di Judith Butler en O xénero en disputa:

«Kristeva admite la hipótesis de que la cultura equivale a lo Simbólico, que éste se encuentra completamente imbuído bajo la “Ley del Padre”, y que las únicas formas de actividad no psicótica son las que intervienen hasta cierto punto en lo Simbólico. Así su labor estratégica no es reemplazar lo Simbólico por lo semiótico ni designar lo semiótico como una opción cultural rival, sino más bien reforzar aquellas experiencias de lo Simbólico que posibilitan una revelación de los límites que lo alejan de lo semiótico.»

Para Kristeva tanto o momento do parto, no que a muller volve indistinguirse da nai ao volver ser a nai, como a linguaxe poética, no que a ruptura entre instinto e representación se producen de maneira culturalmente comunicables, son dous mecanismos polos que se evidencian estes límites do Simbólico. Ou, posto de novo en palabras de Butler:

«Para Kristeva, la poesía y la maternidad constituyen prácticas privilegiadas que tienen lugar dentro de la cultura paternamente castigada, las cuales posibilitan una experiencia no psicótica de esa heterogeneidad y dependencia propias del ámbito materno.»

Así, a linguaxe poética, unha linguaxe que a mesma Kristeva xulga como psicótica, precisa da orde simbólica para resultar comunicable. E aquí, entendo eu, está o quid do asunto. O que Lacan denomina o Simbólico –que mutatis mutandis podería ser o mesmo que a Ilustración denominaba a Razón e os gregos o Logos (e alén de si este é un orde patriarcal ou non)– é o único mecanismo dos tres (os outros dous serían a líbido ou emoción e a poesía) que permite desenvolver un punto de encontro, un espazo do obxectivo, do unívoco; un espazo de comunicabilidade (en definitiva un Ágora, por volver coa película de Amenabar) que vaia máis alá do caprichosamente subxectivo que é a poesía e do non-representable que é a emoción.

En oposición a todo o anterior, e por comentar agora o que propón Butler, esta ven dicir que todo é cultural, e cando di todo, quere dicir ou iso entendo eu tamén o que entendemos por patriarcado (o que entendemos por home), o que entendemos por feminismo (o que entendemos por muller), o que entendemos por obxectivo (a ciencia), o que entendemos por comprensión mutua (a comunicación), o que entendemos por bioloxía (o corpo), etc., etc., etc. Naturalmente, este cuestionamento absoluto e esta equiparación de todas as categorías é lícita, o que non acabo de entender é de que vale enunciar este calexón sen saída, esta deconstrucción de todas as posicións de verdade cando, tamén o propio enunciado (neste caso o libro de Butler), estaría escrito desde unha posición de verdade igual de suxeita á continxencia e, polo tanto, ao cuestionamento, mesmo antes de decidir enunciala, que as outras posicións de verdade que critica.

10/10/2009

Da razón e a emoción



Ágora
(Alejandro Amenabar, 2009) é unha película que, alén da súa maior ou menor fidelidade histórica e alén das súas maiores ou menores concesións á narrativa hollywoodense, trata sobre a secular confrontación entre o coñecemento científico e o coñecemento supersticioso ou relixioso. O primeiro interrógase sen cesar e só concede o título provisional de verdade ao que pode ser demostrado e/ou deducido a partir de coñecementos validados e previamente acumulados polo ser humano. O segundo acepta acriticamente unha serie proposicións imposibles de subscribir ou refutar e sobre elas constrúe todo o seu edificio lóxico. O primeiro esixe un exercicio de distanciamento continuo a respecto de todos os axiomas vixentes. O segundo avoga por mergullarse neles cega e emocionalmente. O primeiro deposita a súa confianza nas capacidades humanas, pero sabe –como cando na película a cámara se separa da atmosfera terrestre e nos mostra a pequenez do noso planeta nun universo inmenso e insoldable– observar o inmediato con perspectiva. O segundo, que só sabe separarse do inmediato para burlarse da ridiculez humana, cae na vaidade máis pedestre cando xulga imposible impugnar a presada de dogmas nos que se sostén.
Carlos Boyero, o crítico de cine de
El País, sostiña, no comentario á película que publicaba onte ese xornal, a seguinte tese: estamos ante unha película respectable pero carente de emoción.
Hoxe, despois de pasar polo cine, sorpréndeme que Boyero escollese ese argumento para elaborar a súa crítica, toda vez que a cerna desta historia na que as peripecias de Hipatia, a filósofa alexandrina, actúan como metáfora de asuntos ben actuais, consiste, precisamente, –ou iso entendo eu– na necesidade de privilexiar a razón fronte a emoción e a frialdade analítica fronte o apaixonamento acrítico.
Así visto, e por levarlle a contraria a Boyero, poderiamos dicir que o feito de a película de Amenabar producir máis respecto que emoción constitúe
paradoxalmente ao estarmos ante un produto comercial máis un signo de calidade ca unha eiva.
Algo parecido ao que por exemplo sucedía, salvando as distancias, co teatro de Brecht.

10/07/2009

Etoloxía do "wasp" autóctono



Lía hai uns días unha crónica no diario Público que alertaba do aumento de ataques da extrema dereita norteamericana ao presidente Obama. No artigo mencionábase a un creador de opinión da Fox News, moi coñecido nos EEUU, convertido, segundo relataba o periódico, no «principal dedo acusador» desta campaña. O xornalista, que xa utilizara a nova dunha agresión por parte duns rapaces negros a un rapaz branco como proba irrefutable de que desde o acceso de Obama á Casa branca os EEUU estaban a se converter nun «país para negros», empregou, máis recentemente, o argumento de que co presidente mulato no goberno utilizábanse as escolas para adoutrinar aos rapaces.
Non nos soan aos galegos este tipo de argumentos? Acaso non contamos tamén entre nós con xente empeñada en destruír cada institución que non controla? Non nos resulta excesivamente familiar todo este show onde da excepción se fai norma, onde a manipulación substitúe a información e onde a linguaxe se retorce ata quedar irrecoñecible?

Que os grandes marxinados historicamente nos EEUU son os cidadáns de raza negra é algo máis que sabido. Que os wasp sempre combinaron o medo ao estranxeiro co medo ao negro como cortina de fume para desviar a atención doutras cuestión máis importantes que contribuísen a desaloxalos do poder, tamén. A novidade agora é que quen goberna non pertence –non polo menos bioloxicamente– á minoría wasp tradicionalmente hexemónica. De aí que os destronados bufen.
Onte levantouse o segredo sobre o sumario da chamada trama Gürtel. Do mesmo despréndese que non habería practicamente ningún alto cargo do PP español que non estivese salpicado pola corrupción. Tamén se colixe que o PP galego podería estar enzoufado en merda ata as orellas. Pero hoxe, Roberto Blanco Valdés, o creador de opinión estrela na Voz de Galicia, lonxe de dedicar a súa columna a tratar a fondo o latrocinio instalado na dereita española e galega, prefire dedicala a proclamar a racionalidade de reoficializar os mesmos topónimos que no seu tempo deturpara o franquismo e a reclamar a derrogación da Lei de Normalización Lingüística aprobada por consenso. E isto non pode ser casual. Entre outros, este individuo e o xornal que o publica, foron os encargados de amplificar a vaga antigaleguista que conseguiu acabar co bipartito. Unha ofensiva desestabilizadora practicamente copiada das estratexias que a extrema dereita ianqui ven utilizando para tensar á sociedade desde os anos oitenta ata o presente.
Os herdeiros da vella extrema dereita española abandonaron hai tempo o seu antiamericanismo noventaeoitesco. Hoxe, os nosos wasps autóctonos, camuflados como demócratas ilustrados, pretenden convencernos, empregando a mesma hilaridade que os seus mestres ianquis, de que a senrazón é a razón, de que a reacción é o progreso e de que o privilexio é o dereito.
Espantados ante a perspectiva de dilapidar o capital de credibilidade que en teoría ten a dereita no que ao manexo dos cartos públicos se refire e temerosos de que os seus propios votantes actúen como aqueles seareiros de Pinochet que perdoaban todas as barbaridades do ditador excepto que roubase, seguirán á procura de calquera cousa que os axude (e pouco lles importa se polo medio hai que dinamitar todo o estado autonómico) a manter ao electorado distraído ata as próximas municipais.

Velaquí o tipo de irresponsables que andan a xogar ca nosa lingua e o cotroso das súas razóns.

10/05/2009

Retomando a palabra



«A linguaxe arrebola feixes de realidade sobre o corpo social»
Monique Wittig

Citada en O xénero en disputa. O feminismo e a subversión da identidade (Judith Butler, 1990)


Di Francisco Louça nunha análise das pasadas eleccións lexislativas portuguesas titulada Cinco lições das eleições: «a luta do Bloco é por um governo responsável, rigoroso e de justiça económica. Cada dia em que a maioria do país for sacrificada por esta nova crise orçamental, a alternativa da esquerda terá que ser mais exigente e mais clara.», e engade, «durante todos os próximos anos, a disputa será entre o governo do desastre económico e a justiça na economia. A força do Bloco será a sua coerência.»
Noutro artigo do mesmo cariz, este para facer recapitulación das eleccións alemás, Oskar Lafontaine afirma: «agora pensamos nas tarefas que haberemos sobrelevar. Ningún goberno conseguiu ata agora regular satisfactoriamente o sector bancario. [...] Enfrontámonos a un enorme desafío, porque a crise actual xa se cobrou milleiros de millóns e millóns de postos de traballo, por nomear só os seus principais efectos. Que a política sexa incapaz de reaccionar cunha regulación correspondente será fatal.»
Semella que tanto o político portugués como o alemán pretenden, nestas primeiras reflexións postelectorais, marcar sobre que eixos pivotará o seu discurso político máis imediato; e ambos, ademais de coincidir na satisfacción ante os bos resultados acadados polas súas respetivas formacións, apuntan nun mesmo camiño: o que cómpre é falar de economía.
Se cadra por iso resultan curiosas (en realidade non tanto) as cousas que di o editorialista de El Pais na súa homilía publicada hoxe baixo o título Izquierda en crisis.
Nun parágrafo que calquera persoa de esquerdas podería asinar sen sentir vergoña o xornal de PRISA describe o que lle veu sucedendo á esquerda durante todos estes anos con gran capacidade de síntese e tino (non en van a análise, lonxe de ser nova, circula desde hai ben tempo):


«La izquierda se muestra perpleja de que los ciudadanos no pasen factura a los partidos que inspiraron las políticas económicas causantes de la crisis. Se olvidan, así, de que mientras gobernó no trató de corregirlas ni de cuestionarlas. Más bien les ofreció un aval en la línea de la Tercera Vía de Tony Blair y se limitó a marcar sus diferencias con los conservadores en terrenos como los valores y las costumbres. Como consecuencia, la izquierda no sólo no se ha legitimado como alternativa cuando tenía que hacerlo, sino que, en muchos casos, la crisis le sorprendió en el Gobierno, gestionando la economía desde los presupuestos que han fracasado y que los electores castigan en su cabeza.»

Pero se abraia ver ao mesmo xornal que sempre marcou a liña política do PSOE (por moito que agora a relación estea en stand by) denunciar a Terceira Vía posmoderna das guerras culturais, máis abraia aínda que no mentado editorial se inclúa nesa esquerda fracasada (só así se pode entender ese silencio sobre Die Linke e o Bloco) a dúas forzas políticas que, esgrimindo un discurso eminentemente económico, están conseguindo artellar un novo polo á esquerda da socialdemocracia.
Naturalmente, nada disto é inocente. E cando no último parágrafo do editorial lemos, a propósito dos malos resultados dos socialdemócratas tanto en Alemaña como en Portugal, que

«esta pérdida de peso no es una buena noticia para nadie, ni siquiera para los partidos conservadores. Entre otras razones porque el vacío que la izquierda deja está siendo ocupado en muchos casos por discursos y fuerzas populistas, contra las que los partidos democráticos, sea cual sea su ubicación ideológica, siempre han tenido serias dificultades para competir en el terreno electoral.»

sabemos que o que preocupa a El País non é tanto o estado da esquerda en canto que conxunto de ideas (e moito menos a aplicación desas ideas á economía), como o futuro da esquerda en canto que palabra. Trátase de evitar, mediante ese novo caixón de xastre que é o termo populismo (semellante á ameaza do totalitarismo en boga cando a esquerda non aceptaba as regras da democracia liberal), que estes novos partidos europeos –e os seus irmáns latinoamericanos– que non en van inclúen nas súas siglas a propia palabra esquerda, poidan reapropiarse en solitario dunha marca que se sabe extremadamente perigosa cando os poderes económicos non a teñen ben (de)limitada, ben definida e ben domesticada.

En definitiva, o que de verdade provoca cuitas en El Pais é comprobar que, por exemplo, cando Gregor Gysy –líder oriental de Die Linke– ousa dicir: «encontrámonos ante un feito sen parangón na historia de Alemaña. Desde que se fundara a República federal en 1949, ningunha forza política á esquerda da socialdemocracia obtivo nunhas eleccións ao Parlamento federal unha porcentaxe de dous díxitos», a capacidade do socioliberalismo político e mediático de seguir usurpando o lugar da esquerda nese primeiro pero decisivo campo de batalla que é a linguaxe, merma outro pouquiño máis.